Xornada preliminar da Liga Maruxairas da Primavera 2021
Arranca a Liga Maruxairas da Primavera 2021 coa publicación dos oito relatos que lle dan forma á xornada preliminar, un “todos contra todos” que serve para definir as posicións dos duelistas no caso de que sexa necesario desempatar duelos nas seguintes xornadas. Tamén servirá para desempatar posicións na clasificación.
O sistema de votación nesta xornada será por puntos. Cada votante (autores/as) deberá outorgar 5, 3 ou 1 puntos aos seus tres relatos favoritos. Os duelistas non poderán votarse a si mesmos.
Tras as puntuacións da xornada cada autor recibirá unha asignación de posto do 1º ao 8º. En caso de empate a puntos, a posición final decidirase por sorteo.
O público en xeral de Biosbardia pode comentar os relatos, igual que en calquera xornada, pero non votar.
Velaquí os relatos de Carlos Vega, Ana Vigo, Fran Fernández Davila, Érica Couto, Guillermo Rodicio, Sabela González, Anxo Vacca e María Pais, anónimos, coma sempre, até despois do resultado da votación.
Saïd
Fran Fernández Davila.
E o vello Saïd adoita frear a caravana na portela das dunas e sinalarlles aos turistas unha árbore, a única en dez días de camiño, e afirma que en realidade é unha dama, a esposa dun visir confinada por adulterio, por permitir que un servente do que estaba namorada a contemplase a través da fechadura.
E cóntalles Saïd, a cambio de nada, que a parella fuxiu do palacio unha noite sen lúa, e que camiñaron durante días ata quedar sen auga, sen folgos, sen ar… ata chegar á explanada onde agora lles fala, para abrazárense e rezar, ela polas súas almas, el pola vida da amada, que por acto de Alá se converteu en acacia.
E remata Saïd de xeonllos ante ela unha pregaria, e verte do seu único ollo unha única bágoa, a que mantén a árbore con vida, dende hai seis séculos, cada semana.
O ritual
Carlos Vega.
Se o viaxeiro remonta o río Draa durante a estación seca é moi probable que se atope coas caravanas da tribo Drawa, que descenden durante dúas lúas enteiras para realizar o ritual.
Chamaralle a atención as decenas de persoas que se erguen inmóbiles sobre tapices, baixo o ardente sol, pois o rito pode ocupar días enteiros. Nel, o bérber, deitado sobre a area, pregúntalle ao sol polo momento da súa morte, que lle é revelado por como a duna recibe o seu corpo.
De afundirse o areal baixo o seu peso, o Drawa recibirá a chamada do deserto e será deixado atrás cando a tribo remonte o rio. Non se laiará, nin pedirá que lle presten alimento ou armas. Sendo creado o home a partir das propias dunas é natural o dereito destas a reclamar o seu fillo con paciencia, ata que volva a formar parte delas.
Primeira vez en Onania
María Pais.
O corazón roto. Despois de me deixar Brais foi así, quedei quebrada. Pensar que eu era a culpable fíxome querer agradar os seus recordos. Tal e como el entraba en min probei a meter os dedos imaxinando que estabamos xuntos. Procurei as súas ganas, o seu porno. Pero eu non sentín nada. Igual que cando me penetraba de verdade. Sumade tamén agora que me odiaba a min mesma e a degradación. Puro deserto sentimental. Ata que (lembrarei o día) deixei de mover a man como se fose Brais quen se movese. Sería por puro cansazo físico ou porque merezo ser feliz. Non sei. Da presión suave sobre a pube abrollou un gromo verde. O corpo tomou a curva, por fin relaxei a postura. Nunca antes acontecera. Pulsei o reinicio e o pracer espreguizou flexible por vez primeira despois de me fochicar os homes tanto e tantas veces.
Nova memoria
Guillermo Rodicio.
Canta memoria ten un músculo? Canto tempo hei pasar sen tocar a cítara antes de que os dedos xa non recoñezan as cordas? Cantas mañás terei que erguerme soa para deixar de apartarme, anoxada, dos corpos que xa non dormen comigo? Cando poderei ollar unha moeda sen que a miña cona responda alerta, lista para traballar?
Cantas veces, cantas tardes de sol ceibo neste deserto, terei que debuxar esforzada co meu corpo o símbolo da liberdade antes de que os músculos esquezan todo o demais?
Sirsasana
Sabela González.
Hai que reinventarse. Inspiro en tres, exhalo en seis. A canle de youtube xa ten abondo seguidores para rentar e vou vendendo subscricións mensuais aos poucos. O blog vai ben. En nada teño a tenda ecolóxica en marcha. Inspiro en catro, exhalo en oito. Estes retiros formativos tampouco están mal. Menos polo tipo ese que non me quita ollo. Púxose detrás a sabendas. Vino sorrirme entre as pernas no Adho Mukha. Inspiro, exhalo. Vale que vou lucindo cacha kardashian. Hei lucir o que me pete. Lúzoo para min, sabes? Dáme igual o que pensen as esfameadas da primeira fila. Inspiro… Pero véxoo sen velo. Nótoo. Sorrime cando me viro para Sirsasana. Cando flexiono a perna, concentro un esforzo titánico na activación dos glúteos e condenso neles o orgullo reencontrado tras as bágoas da adolescencia. Exhalo. Case podo sentir o algodón revellido do chándal sostible estirándose nun vergoñento saúdo ao sol.
O reloxo de sol
Érica Couto.
Disque, cando aínda gobernaba a raíña Medaia, o deserto de Edin-uza estaba sementado de homes e mulleres prodixiosos. Contan que erguían os corpos por riba da area dourada, sostendo o peso enteiro nos brazos e elevando os pés cara ao ceo. Coas pernas dereitas como as agullas desas construcións que nos contos de demos chaman catedrais, proxectaban no chan móbil do deserto unha sombra permanente, estreita nas horas de maior luz, alongada e tenebrosa no resto do día. Disque lle chamaban os gnomons de carne e que servían para lle recordar á xente que, se o tempo deixa pegadas nos corpos, tamén os corpos deixan pegadas na area. E agora que a raíña Medaia leva mil anos morta e as augas do mar varreron Edin-uza, agora, meu amigo, quen hai que nos lembre que estamos feitos de tempo e de sombras?
Area e sol
Anxo Vacca.
Sinto a brisa rozándome a pel, a area está ardendo baixo os meus pés, o sol tórrame nunha sensación entre agradable e picona mentres fago exercicio, subo, baixo, impúlsome, síntome lixeira dentro deste gran mundo baleiro; parece non ter fin, tan só sol e ceo azul que se estenden máis aló do que podo ver, lonxe de todo; só subo, baixo, impúlsome e volvo, fago posturas, manteño, os meus muscúlos tensan e afrouxan quentes, só penso niso, loito por manterme, continúo e sigo intentando, subindo, baixando, impulsándome e volvendo a darlle, noto cada vez máis a suor, respiro máis forte, tento tranquilizarme, e sigo, manteño pero caio, podo notar a area que me queima xusto antes de apartarme para a toalla; quedo así un segundo deitada, intentando recuperarme, aínda que non sen se darei moito máis, intento darlle unha última vez, non podo, sopro e quedo aí, mirando para a area quente e o ceo azul, cansa.
Concentración
Ana Vigo.
Inspirou profundo, concentrándose na nada. Expirou de forma controlada, mentres estendía as súas estremidades ata o límite.
Ao lonxe resoaban os ecos da loita, pero non debía prestarlles atención. Inspirou. Precisaba un estado mental adecuado para levar a cabo a invocación. Ninguén máis pararía a guerra, a ninguén lle interesaba facelo. Expirou. Pensou no nome do xenio. Cruzáronse na súa consciencia as imaxes da súa vila, arrasada polo odio entre veciños. Perdeu o equilibrio e precipitouse sobre a area.
Secou co antebrazo o seu rostro. Inspirou, expirou, e compuxo outra postura. A tensión non existía, a dor era imaxinaria, e a tristeza formaba parte do seu ser.
O xenio escoitaba con contrariedade. Ela murmurou a súa súplica. Notaba a presión da natureza e de si mesma, pero non cedeu. A criatura actuou.
Cesaron os disparos, os berros e os prantos. O silencio invadiu o deserto. Todo rematara.
Todos gustaronme moito pero meus favoritos forón:
Concentracion 5 puntos
Creo que é bastante atrapante e sabe transmitir ben as sensacións.
Primeira vez en Onania 3 puntos
Gustoume o tema e o xeito de tratalo pareceume xenial.
O ritual 1 punto
Fantastico, bastante sorprendente e interesante.
Que ben comezamos!
Velaquí os meus favoritos:
– Saïd: 5 puntos
É un relatiño redondo, encantoume a sorpresa do ollo no peche e o xogo de repetición da estrutura. Xenial.
– Concentración: 3 puntos
Outra historia completa, imaxes ben levadas, gustoume o que me transmitiu.
– Primeira vez en Onania:1 punto
Non me tirou de primeiras, pero tras un par de relecturas dinme conta de que a relación da imaxe co resultado lle facía gañar ás imaxes que reflicte, poderosas e contundentes. “O pracer espreguizou flexible”, encántame.
Moi boas! Un pracer estar de volta nesta nova edición da Liga Maruxairas.
Aquí vai a miña opinión sobre os tres relatos que máis me gustaron:
5 puntos para ‘Sirsasana’. Penso que é a máis orixinal de toda esta xornada preliminar, e tamén a máis divertida. Paréceme unha boa interpretación da imaxe dada, e desfrutei coa protagonista, a linguaxe e o ton utilizado. Sen dúbidas, a miña favorita nesta ocasión.
3 puntos para ‘O reloxo de sol’. Gocei donton e dese aire a lenda do deserto, cunha mensaxe universal como é a do paso do tempo.
1 punto para ‘Nova memoria’. Contén unha historia dura, nada doada de comprimir no límite de palabras, e penso que logra transmitir moi ben a frustración da personaxe.
O sistema de votación nesta xornada será por puntos. Cada votante (autores/as) deberá outorgar 5, 3 ou 1 puntos aos seus tres relatos favoritos. Os duelistas non poderán votarse a si mesmos.
Oh! Ignorade o último parágrafo, pegara as instrucións de votación, e esquecinme de borralas antes de darlle a publicar.
Moi boas¡ Agardo que teñamos unha liga moi entretida¡
Os meus cinco puntos van para Saïd. Gustoume o xogo que fía en tan poucas palabras, conseguindo presentar e pechar de boa forma.
Os meus tres puntos van para Nova memoria. encántame a frase da cítara e o risco de quedarse en menos de 150 palabras.
O meu punto vai para Concentración por dar tecido o combate e o desenlace case incluso antes da primeira frase.
Agardo poidamos sacar un par de bos relatos desta, moita sorte¡
ola. que respecto impón ser novata e puntuar o traballo dos que xa vides de volta. intentareino: hai como tres grupos de relatos. os que se inspiraron na foto para levarnos a un lugar exótico. “disque no desereto de Edin uza” de O reloxo de sol. “se o viaxeiro remonta o río Draa” de O ritual e o vello Said e a caravana. Despoiis están dous que tiraron de metáfora visual para falar de liberación que son Nova memoria e Primeira vez en Onania. E despois están outros tres que fixeron dos exercicios físicos o centro da narraciòn: Sirsasana, Area e sol e Concentración sen parar tanto na paisaxe. Voto por estes tres. Sirsasana 5 puntos porque creo que é o máis orixinal de todos e o que máis me gustou ler. Area e Sol 3 puntos pq é como unha vivencia cortada sen artificios e está ben presentada e Concentración 1 punto. Creo que este conto acertou en deixar un espazo grande para a imaxinación do lector aínda que lle vexo un acabado algo apurado. igual me equivoco, xa me dirá a autora. Espero que o meu vos gustase. Un saúdo a todos!
Boa tarde.
Antes de nada dicir que vai ser un pracer compartir relatos con vós estes próximos dous meses. Dos oito que somos só coñezo (literariamente) a dous, polo que vai ser toda unha aventura competir nesta liga.
Paréceme incrible o parellos que están todos os relatos desta xornada ante unha foto que eu encontrei moi difícil. Así que aí van os meus votos:
· 5 puntos: O ritual. Gañoume coa primeira frase. Sete palabras e xa estaba subido o río.
· 3 puntos: O reloxo de sol. Prestoume moito o ambiente, pero sobre todo o ritmo e o final en pregunta.
· 1 punto: Area e sol. Encántame a súa estrutura. Frases curtas separadas por comas. So cun punto, o final.
Apertas!!
Moi bo día a todas!
Que gusto estar de volta, desta vez no formato liga, gana xa de comezar os duelos. Nesta xornada preliminar hai bastante nivel eh? Non hai ningún relato que desbotase nunha primeira lectura, o que entre 8 é destacable. Custoume escoller.
Concordo con Maria en que hai claramente dous grupos de relatos: os que aproveitaron a imaxe para deixarse ir pola épica exótica do deserto; e por outra banda os que se centraron no exercicio corporal, para falar de liberación, do exercicio en si mesmo, ou dalgo a maiores. Vou botar intentando tamén escoller o que mais me gustou deses dous grupos, que tentan cousas diferentes.
5 puntos: O reloxo de sol. Creo que ten as imaxes máis potentes dos contos que tiran pola épica. Quizais non ten a mellor estrutra, un tanto precipitada. Mesmo se cadra víñalle ben graficamente separar a última frase cun punto aparte, non sei. Con todo, garda moi boas ideas e lanza a imaxinación a sitios novos, algo que ben vale os puntos.
3. Sirsasana: Moi bo conto, destaco del o bo uso que fai das respiracións como elemento de ritmo dentro de si mesmo, pautando as ideas e reforzando a imaxe que podía quedar esvaída en constraste coa corrente de pensamento. Ademais é quen de destacar entre os 8 contos polo estilo e o rexistro, intentou algo distinto aos demais e iso xoga ao seu favor. Non é o máis orixinal do mundo, pero si xoga moi ben as cartas do humor e a picardía para montar a historia, moi ben feito.
1 punto: O ritual. Este foi o punto máis difícil de escoller, hai varios contos moi parellos de nivel dentro da vertente máis de “lendas”. Quedo co ritual por detalliños, os xiros de evocación que emprega “se o viaxeiro remonta”, “Chamaralle a atención”, que colocan o conto de xeito sutil na boca dun viaxeiro que ven dun lugar afastado. Despois a propia idea de que as dunas reciben os corpos, como interpretación da postura de yoga, tamén é moi boa. Hai algunha frase que non ten o mellor dos ritmos, o que nun conto tan curto sempre é importante, pero funciona bastante ben no xeral.
Saúdos! Que ben estar de volta nesta casa para quitarlle a ferruxe ó lado creativo!
Coincido co que din os compañeiros María e Guillermo a respecto das temáticas predominantes neste sesión preliminar: mito, exotismo e atmósfera orientalizante fronte a corpo, sensualidade e liberación. Se isto é o principio, a saber que nos espera na sesión final!
A miña clasificación quedou así:
5 puntos para Saïd, por evocativo;
3 puntos para Sirsasana, por orixinal e divertido, e por un ritmo narrativo moi ben levado;
1 punto para Concentración, pola capacidade do autor ou autora para reconstruir unha historia complexa a partir dunha imaxe en aparencia tan simple.
Parabéns os máis votados! e como se pode sabere de quen é cada un? fágome unha idea polo que se puxo no twitter… O meu é Primeira vez en Onania. Espero que vos gustase. Grazas os qe lle destes algún puntiño! 😉