Xosé Antonio López Teixeira: “A liña oficial de investigación da USC fai historia de España desde Galicia”
César Lorenzo Gil.
Rex et Regina. Urraca, Afonso Raimúndez e a monarquía galega (Toxosoutos) gañou o Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2013. Nesta obra, o historiador Xosé Antonio López Teixeira (Vigo, 1957) defende o poder que a Igrexa e a nobreza galegas tiñan no século XII no cerne do que a historiografía española oficial aínda hoxe define ben como reino de León ou directamente Coroa de Castela. Tamén serve este libro para reivindicar as calidades como político de Pedro Froilaz, o conde de Traba, que viviu sempre á sombra da fascinación que espertou a todos os niveis Diego Xelmírez.
A pesar de que aumentaron as publicacións que reivindican a existencia do reino medieval de Galicia, segue a ser heterodoxo encontrarse con textos coma o seu, que explican que a monarquía galega era hexemónica na política occidental cristiá ibérica até o século XIII.
A liña oficial de investigación da USC fai historia de España desde Galicia. Houbo tradicionalmente varias liñas de estudo sobre historia social, cos Irmandiños como gran símbolo. Son os propios historiadores medievais galegos os que renuncian a facer historia política. É máis, hai quen nos acusa de facermos “historia dos reis”. Non, intentamos cubrir o oco que hai na historia do poder, para coñecermos como se organizaba o territorio e quen mandaba nel. E se se analiza a documentación diplomática daqueles séculos vese que a Galicia histórica era hexemónica.
Cal é a xénese do segundo reino medieval de Galicia, se consideramos o reino suevo o primeiro?
Ese reino suevo foi, politicamente falando, moi relevante; mantívose en pé douscentos anos. Para o territorio galaico foi máis importante que a posterior dominación visigoda. Os visigodos, ademais, permitiron manter certas diferenzas políticas no antigo reino suevo, polo que cando no século VIII, os musulmáns van gañando territorios, a Gallaecia non sufriu a mesma descomposición que o reino de Toledo porque as súas elites respondían a outras dinámicas. O poder musulmán foi avanzando cara ao norte máis polo pacto entre elites que pola conquista militar; as estruturas de poder da Gallaecia non se viron tan influídas por ese cambio cultural e político. Mentres nos outros territorios se dá un cambio cultural e relixioso, en gran medida, na Galicia histórica restáurase un reino de impronta xermánica a través dunha avinza entre a nobreza laica e a eclesiástica.
É nesa época cando a historia oficial fala do reino de Asturias. Din que algo tivo que ver que a capital se establecese en Oviedo.
O reino de Asturias non existiu. Asturias era un distrito do reino de Galicia, que se dividía, xa desde o tempo dos romanos, en tres rexións ou conventos: a Galicia Lucense (que coincide practicamente coa Galicia actual), a Galicia Bracarense (entre Miño e Douro) e a Galicia Asturicense, con capital na actual Astorga, que contiña o que hoxe chamamos Asturias e Castela e León, máis ou menos. Que a capital estivese primeiro en Oviedo e logo en León son anécdotas. Se formaban parte do territorio galego por que non se habían de situar aí os reis? Mais como se pode defender que houbo un reino en Asturias se durante moitísimos anos esa rexión dependía do bispo de Lugo? Coñecendo a estrutura medieval do poder, quen pode crer que creasen un reino nunha terra sen poder episcopal? A gran confusión da que viviron os historiadores oficiais españois foi querer facer crer que cando un rei asinaba en León ou en Oviedo estaba a referirse a un nome do reino. Non, o reino era de Galicia. E así foi até o século XIII.
Se Oviedo e León formaban parte do territorio galego por que non se habían de situar aí os reis?
O primeiro gran momento de crise do reino galego chegou tras a morte de Fernando I e Sancha, cando os seus fillos García, Afonso e Sancho loitan pola herdanza. Algunhas voces minimizan o valor do rei García e consideran o seu irmán Afonso VI como o gañador dun preito militar pola hexemonía en todo o reino. Vostede como ve o tema?
Eu non minimizo para nada a figura de García. Foi unha figura moi importante. Restaurou a sé de Braga e converteu esa cidade na capital do reino. Mais si que é certo que de fondo o que se viviu nesa altura no reino de Galicia foi a materialización real dunha tensión, xa vella, entre a ideoloxía da unidade e a da disgregación. As elites disputan o poder a través das figuras dos irmáns mais eles os tres compartían un obxectivo: eliminar os competidores e reinaren en todo o reino unificado. Ao final gañou Afonso VI.
Como lle afectou á hexemonía galega a conquista de Toledo por parte de Afonso VI?
Non modificou en nada o equilibrio de poderes. Mais si tivo dous efectos: un simbólico e outro territorial. Toledo fora a capital visigoda. A súa toma polo poder cristián reiviviu certa nostalxia do pasado. E ademais, ao estenderse cara ao sur e cara ao leste o reino de Galicia, as zonas máis periféricas toledana e castelá empezaron a diferenciarse máis. Empeza a notarse no mapa o novo equilibrio territorial: o cerne de Galicia-León, ao sur Portucale e ao leste Castela-Toledo.
Mais hai que lembrar que para a construción simbólica do reino de Galicia, a conquista realmente importante foi a de Coimbra, por parte de Fernando I e Sancha. Nese momento, no século XI, trescentos anos despois da chegada dos musulmáns, é cando se produce realmente un cambio ideolóxico entre os cristiáns. Iso que se chama reconquista nace aí. Aquel reino xermánico que resistira no século VIII vese con forzas para expandirse e chegar até a fronteira histórica, que estaba situada xustamente no río Mondego. Para a historiografía española, a reconquista empeza xa con don Paio en Covadonga. Mentira: nesa altura o poder musulmán é moi superior ao cristián, indiscutible.
Ao morrer el sen fillos varóns, foi a súa filla, a raíña Urraca, quen toma o poder. Mais o seu goberno foi convulso. Ela é dunhas personaxes do seu libro. Como gobernou?
Foi unha raíña de grandes calidades. Foron moi destacadas as irmás, ela e Tareixa, que foi condesa de Portucale e nai do primeiro rei de Portugal, Afonso Henriques. Mulleres nun mundo de homes, que foron capaces de esquivar o desprezo e a ameaza, que tiveron un programa político ambicioso. Urraca enfrontouse na concepción política do reino ao seu fillo Afonso Raimúndez. Ela herdou de seu pai e de seu avó unha idea unitaria, centralista, do poder en Galicia. Afonso VII era máis moderno, decatouse de que o feudalismo creara lazos vasaláticos que fragmentaran o territorio, que había ser máis eficaz un modo de goberno que hoxe definiriamos como de respecto á pluralidade territorial. El é o último rei da Galicia histórica. Deixa ao morrer a partilla dos territorios de Castela-Toledo para o seu fillo Sancho e de Galicia-León para o seu fillo Fernando II. Aínda que pelexa por manter a Portugal na coroa, finalmente acepta a independencia dese territorio.
Afonso VII era máis moderno, decatouse de que o feudalismo creara lazos vasaláticos que fragmentaran o territorio, que había ser máis eficaz un modo de goberno que hoxe definiriamos como de respecto á pluralidade territorial.
No libro cobra protagonismo o conde Pedro Froilaz de Traba. Vostede afirma que foi unha figura ensombrecida pola historiografía por Diego Xelmírez, o seu contemporáneo. Fágame un perfil do conde?
Primeiro quero subliñar esa “desaparición” da nosa historiografía. Desde Murguía a Otero Pedrayo, a historiografía galeguista pecou un tanto de fascinación clerical. Xelmírez é unha figura moi importante, claro está, pero sobrevalorada. O gran político da época é Pedro Froilaz. Conde de Galicia, nomeado pola propia raíña Urraca, que detera ese cargo xunto co seu marido Raimundo de Borgoña antes de subir ao trono. Foi o home máis poderoso do reino de Galicia, un grande estratega e estadista, o único que realmente conseguiu realizar os seus obxectivos políticos, principalmente coroar a Afonso VII (que se criara na súa casa) como rei de toda Galicia. Traba utilizou a súa familia para afianzar e ampliar o seu poder. Emparentou con cinco dos seis condes do reino. Un dos seus fillos casou coa condesa Tareixa cando enviuvou de Henrique de Lorena e non puido emparentar co rei Afonso VII porque xa non tiña fillos cos que negociar. É dicir, agás na Terra de Santiago, na que gobernaba Xelmírez, era o principal tenente ou influía de maneira decisiva en Traba, Montenegro, Sarria-Lemos, Monterroso, Toroño e A Limia.
Cando o reino de Galicia se acomoda, en canto ao territorio, aos actuais límites de Galicia?
Cando no século XIII se unifican os reinos na coroa de Castela, baixo Fernando III, as diferenzas entre Galicia e León aumentan. Pouco e pouco, a nobreza primeiro e a poboación despois, van mudando os seus lazos históricos con Galicia por novos vínculos con Castela, non sei moi ben por que, posiblemente porque unha vez unido o poder, centralizado en Castela, a continuidade xeográfica cara ao leste foi máis poderosa que a historia e a cultura cara ao oeste que agora aparece separado por unha cortina de serras. Mais este é un proceso longo e sempre que haxa posibilidade de restaurar un reino en Galicia, os leoneses van incorporando. A separación entre ambos reinos é directamente proporcional á perda de poder real nestes territorios.
Mais na Galicia actual moitas veces se falou do vínculo con León como algo non desexado. De aí o laio de moitos nacionalistas de non seguir os pasos de Portugal.
En efecto, nomes da nosa historiografía actual, especialmente Carlos Baliñas, e tamén Carlos Barros (aínda que a súa especialidade é a Baixa Idade Media, e polo tanto se ocupou dunha época onde o debate xa era outro) defenden que a nobreza galega medieval estivo dividida entre os independentistas e os unionistas con León. Esa dialéctica non existiu, polo menos non até o século XIII. A nobreza galega loitaba, sobre todo, por manter a súa hexemonía en León porque o poder na capital era o seu poder. As elites portuguesas procuraban a independencia porque si disputaban a prevalencia de Braga fronte aos outros territorios pero na Galicia lucense de quen ían independizarse, de si mesmos? Eles controlaban o reino e o que buscaron, en todo o caso, era manter a súa integridade e a súa prevalencia sobre os demais poderes que ían medrando nas periferias. Por iso é doroso ver como estas figuras seguen a definir o reino de Galicia como reino de León. Hoxe os graduados galegos en Historia seguen a falar do reino de León. Somos aínda poucos os que nos decatamos dunha cousa que eu penso obvia: cómpre facer historia de Galicia desde o punto de vista de Galicia. Achegarse ás fontes sen preconceptos, non fai falta máis. O problema é que a historiografía española ten moito poder. É obriga do historiador imparcial desvelar as súas manipulacións, mentiras e esaxeracións.
One thought on “Xosé Antonio López Teixeira: “A liña oficial de investigación da USC fai historia de España desde Galicia””