Xosé M. Soutullo: “Non debemos esquecer que os fundadores de Galaxia eran militantes galeguistas”

O director xeral da editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo (Vigo, 1956) protagonizou o oitavo episodio da serie ‘Conversas Biosbardia. Os oficios do libro’, que conta co patrocinio da libraría Cartabón, onde se gravou a conversa o 22 de maio do 2025.
A entrevista xirou en boa parte na propia traxectoria profesional de Soutullo, traballador de Galaxia desde novo e que estivo practicamente en todos os departamentos da empresa, até desenvolver agora o cometido da dirección xeral. “Onde mellor me sentín foi na sala de máquinas”, lembrou o editor, en referencia ao traballo de produción dos libros. Así, Soutullo contou algúns segredos do oficio e tamén lembrou a súa relación con antigos directores xerais da editorial, caso de Carlos Casares e Víctor Freixanes.
Soutullo é tamén director da Fundación Penzol, que conta cunha biblioteca en Vigo “con máis de 52.000 volumes” e cuxa relevancia é fundamental para o traballo de investigación sobre todos os aspectos científicos relativos a Galicia.
Tamén houbo tempo na conversa para recordar que Soutullo estivo tres décadas na secretaría de Redacción da revista Grial. O editor recordou a importancia histórica da publicación e anunciou que Galaxia está a ultimar un sistema de subscrición dixital que culmina o proceso de modernización iniciado nos últimos anos.
Na segunda parte da conversa, Soutullo explicou como se está a desenvolver o 75.º aniversario da editorial Galaxia: Unha exposición, a edición de varios títulos especiais, o Premio Galaxia 75 de Novela, a creación do Premio de Literatura Xuvenil Neira Vilas…
Neste apartado, Soutullo lembrou as orixes de Galaxia: “Non debemos esquecer nunca que os fundadores de Galaxia eran militantes galeguistas. Iso é o que lle dá sentido a todo o proxecto”. Lembrou a traxectoria deses fundadores: “Eran xente que na década do 1930, cando eran novos, militaron todos no Partido Galeguista. Francisco Fernández del Riego chegara a ser secretario das Mocidades Galeguistas”.
Soutullo deu algúns datos sobre o funcionamento da editora. “Mantemos o catálogo de clásicos vivo, e iso é algo que queremos trasladar ao maior número de títulos do noso catálogo. A tecnoloxía permite facer hoxe reimpresións á medida que alonguen a vida dos libros”, destacou.
A entrevista pódese ver e oír no Youtube, en iVoox e no Spotify.






