BiosBardia

O país dos libros en galego

A contrapel. Capítulo 8

Vaso con coca-cola. MARCO VERCH/FLICKR.

Fran Fernández Davila.

7

Saímos do edificio da Compañía de Entretemento ben pasado o mediodía. O meu estómago galego, afeito aínda aos horarios da terra, ruxía como se levase días sen comer. A policía vixiaba os posibles escenarios do crime, e un corpo de seguridade privada controlaba a entrada en recepción.

Phil, o inspector, abandonara aquel monte de cascallos cheo dun apuro sen palabras. Nós quedaramos a remexer un pouco mais. Impedíronnos calquera acceso ás maletas do ascensor, aínda que a miña falla de interese polas bombas simuladas e o forte golpe no brazo quitáronme as ganas de facer outros intentos. Revisamos o resto do edificio. Non atopamos nada: só despoxos de electrónica esnaquizada nunha sopa de plasma sanguíneo.

Comemos algo nun burger de Mission Street, un «restaurante» normal entre os miles que engalanan a cidade. As racións estadounidenses, para certas cousas, son moi esaxeradas. O meu voluminoso estómago, cheo de fame, só foi quen de acubillar media hamburguesa e unhas poucas patacas. Déronme ganas de dar uns largos no bote de refresco, pero cohibíronme os enormes icebergs que flotaban no interior. Imaxineime a Garret e a min esnaquizados por eses inmensos cubos de xeo e afundindo coma dous músicos do Titanic nun mar de Coca-Cola. Ao outro lado da rúa languidecía o Marriott, un moderno hotel que amosaba na súa fachada as inclemencias da nocturna choiva de cinzas.

Garret falaba por teléfono coa súa muller mentres sorría e cravaba en min os seus intensos ollos verdes. Falaba nun doce inglés pechado, do que me custaba destilar palabras. Soaba a bálsamo tranquilizador. «Este non foi o único edificio que ardeu hoxe en San Francisco,» dixo despois de colgar coa súa mirada de ler pensamentos. «Queimouse tamén unha casa do noso barrio esta mañá».

«Algunha vítima?», preguntei con limitada preocupación. «Non. A casa era duns veciños que case nunca estaban. Tampouco creo que lles supoña un golpe desolador. Esa familia está inzada de cartos. O máis duro foi o medo dos propietarios máis achegados a que o lume se estendese. Agora tememos todos a que un maniático incendiario campe ás súas anchas pola cidade».

«Deberiamos centrarnos na busca da nosa actriz», interrompín eu sen prestar moita atención. «Teño a seguridade de que Phil poderá valerse sen ti esta vez».

«Tes razón», admitiu contrariado, «desde que chegaches non tivemos tempo nin sequera de falar do asunto. Que descubriches até agora?».

«Pouca cousa, só conseguín o número dun teléfono que sempre está apagado. Deumo unha telefonista da compañía que acabamos de ver en ruínas. Tiña a esperanza de poder falar con ela hoxe, pero non creo que poidamos localizala aínda. Incluso podería estar morta».

«Veña, non te desanimes», dixo Garret mentres me collía a man. Definitivamente, era o meu día de sorte. Non me estrañaría nada morrer aquela tarde. «Sabes que todas as vítimas eran dos pisos superiores. Ao resto dos ocupantes do edificio, salvo os gardas de seguridade, evacuáronos ao primeiro sinal. Sería raro que a túa telefonista misteriosa estivese morta ou ferida tan sequera».

«Non temos garantía de que fose unha telefonista, Garret. Ben podería ser unha secretaría de Dirección, alguén con acceso a tal información non debía estar moi lonxe do poder». A miña voz pareceume trémula e infantil. O contacto físico non permitía que me concentrase.

«Pode ser; pero non debemos pór o carro antes dos bois». A súa cara permaneceu inmóbil por uns segundos. Os dous quedamos en silencio. El adoitaba conter a respiración se o razoamento era o suficientemente importante ou delicado. Soltoume a man de forma inconsciente. «Chamarei a Phil para que alguén nos busque as telefonistas, secretarias ou similares nos listados de persoal. Xa inventarei algunha escusa. Despois teremos que falar con elas unha por unha, e mesmo así, a que buscamos podería mentirnos sen que nos decatásemos».

«Non nos queda outra», respondín. «Así é», continuou. «Pero primeiro iremos a que che vexan ese brazo. Non paraches de agarrar nel en toda a comida». Devolvinlle unha mirada de afago e protesta combinados. «Non me mires así. Será só un minuto. Hai un hospital aquí, moi preto».

-IV-

Hai un intre xa que me sinto soa, non sei canto exactamente, a medición do tempo no meu estado resulta imposible. Procurei contar as respiracións para orientarme, pero creme, mamá, que os números deixan de ter senso cando abandonas as tres cifras. Ademais, perdín a conta despois de falar contigo.

Tentei memorizar as visitas dos doutores e tampouco resultou. Cada vez que chega alguén sinto que adormezo e a miña mente ponse en estado se suspensión. Bloquéase. Ti apareces entón coma protector de pantalla, dando voltas no baleiro e rebotando contra as paredes da miña existencia… pasado, presente, futuro. Gústanme as fotos da miña infancia, tranquilízanme, fanme feliz. Ti aínda non terminaras de cultivar ese sorriso de nai perenne, o que me fixo de faro nos tempos de cambio. Eu nunca estiven perdida na adolescencia. Suquei esa néboa agarrada á túa man.

Acaba de entrar alguén no meu cuarto. Non son médicos. As súas pisadas non soan a zoco apresurado e decidido. Máis ben escoito pasos tranquilos, de home forte ou de certo peso. Sinto tamén un grave tintinar metálico. Dúas persoas paran aos pés da miña cama. Falan entre elas. Unha voz é suave e sensible, aínda que a noto nerviosa. A segunda é plana e máis grave. Asente tan só. Emite un rosario de monosílabos. Unha man xoga repetitiva cunha peza metálica. Non se pode deducir nada, pero parece o seguro dunha pistola.

Non sei que me pasa co idioma. Síntoo agora coma unha masa viscosa e amalgamada. Sei que falan inglés, coma min; que o acento do primeiro é norcaliforniano, igual ca o meu; e que o segundo é un asimilado de Oregón. Esfórzome o máximo que podo por entendelos. Mesmo fago intentos de entornar os ollos para distinguir algunha palabra. Recoñezo a sensación, sei que non entorno nada, nin un só músculo do meu corpo semella moverse. Logro rescatar un par de termos: «vixilancia intensiva». Non entendo que pretenden vixiar. Non creo que eu poida saír correndo.

Percibo os pasos dunha terceira persoa; zocos de goma sobre terrazo pegañento. Debe quedar pouco para a quenda de limpeza. Aparece un saúdo desinteresado; dous policías e un doutor. Este non viñera antes. A cadencia dos pasos dunha persoa é un elemento distintivo, un marcador, unha especie de matrícula sonora, persoal e intransferible. O doutor achégase a min. Parece dubitativo, oio como xoga coa aparamenta de plástico e os finos tubos que me conectan ao soro. Esa respiración… esa respiración fáiseme coñecida. Acelérase a miña. Agora pausa. Adormezo de novo.

Bórranse as fotos da infancia. Perecen molladas nunha fonte moi quente. Dilúense. Transfórmanse en sopa, unha sopa de imaxes, un caldo espeso da miña vida cun remuíño no centro. Afundo a mirada, e o vórtice escuro engole o meu ser. Atraveso a luz do cuarto onde me acubillo. Plano cenital: mamá agoniza na cama do hospital. Estala unha tormenta de ruídos: chíos, alarmas e gritos. Os dous policías conversan tranquilos e alleos. Un leva a gabardina de inspector, e o outro vai de uniforme. Falan en hebreo da escola dos nenos. Entendo cada palabra. Abstráiome na semántica do medo. Unha morea de xente arrodea a enferma. Crávanlle agullas, masaxéanlle o peito; manipúlana e berran. Unha toalla de luz quente póusase na miña cara.

O último golpe de desfibrilador acaba por espertarme. Coma efecto secundario herdo un asubío xordo. Non oio nada, pero sospeito que son quen de mover os ollos. Separo as pálpebras doentes, e creo unha rañura microscópica para ver. Caio na conta de que eu son ti, mamá, que a masa que te arrodeaba circúndame a min agora, que os golpes son para o meu peito, e que os gritos apuntan ao camiño de volta, ese que ti sempre tomabas a custa de máis padecemento.

O axente de policía obsérvame desde o fondo da cama. Estou segura de que estou espida, pero ninguén, nin sequera o maduro oficial, repara nos meus xenitais diluídos. Xa non existe a atractiva moza de vinte e un anos que adoitaba ser. Todos, o oficial, o inspector, os dous enfermeiros, as celadoras, a doutora Robson e aquel home de traxe escuro préstanlles atención aos tubos, ás pantallas, aos avisos de alarmas, á sonda que me penetra máis alá do que o tacto sente, e á ferida de bala que teño na cabeza, e que só agora, por primeira vez, sinto como parte do meu corpo feito un trapo de miseria.

As constantes do grupo que me arrodea estabilízanse. As caras relaxan as súas faccións. Están cheas de alivio e suor. Xorden as olladas piadosas, as mensaxes visuais de benvida, as caricias invisibles, empapadas na quentura dos meus coidadores. Síntome fráxil e desvalida; exposta coma un exemplo de precariedade vital. A manda dispérsase. Limpan instrumentos, comentan entre eles e, pouco a pouco, abandonan o cuarto contra suspiros e rumores. Nun intre quedamos sós, de novo, o meu sentinela e mais eu. Agora podo velo. É un home grande, de mediana idade. Parece en forma, incluso musculado. Imaxino na súa figura un antigo SWAT, destinado agora a tarefas máis sinxelas. Ten unha mirada doce. Sorrí, mentres pousa en min o seu deber de vixiarme e a cabeza crébaselle, coma un melón cheo de fendas ensanguentadas.

3 thoughts on “A contrapel. Capítulo 8

  1. Neste caso, a estrutura parece repetir un esquema anterior de maneira fiel, polo que teño a sensación de que xa o lera antes. Iso ten unha dobre lectura: por unha banda, se o avance non é o que a andamiaxe argumental precisa, podemos ter a sensación de estancarnos; por outra, se é así haberá lectores que se sintan cómodos ao recoñecer con facilidade os fíos narrativos. Na miña opinión hai unha diferenza entre as dúas partes que o compoñen. A primeira segue parecéndome un tanto inverosímil (déixanlles, máis ou menos, fedellar por onde queiran, sen ter máis permiso que o que supoñemos do inspector; chegan a revisar, di, o resto do edficio…) e o avance no argumento parece pequeno, en comparación coa envergadura do asunto que perseguen e no que acaban de deixar. Unha casa máis en chamas, diálogo sobre a actriz que buscan… boto en falta máis miolo.
    A segunda parte paréceme máis convincente. Segue o fío que xa coñecemos, a voz narradora é outra e con outro ritmo. E nesta ocasión si hai un avance considerable. A chegada da policía que a escoltará, a reanimación da paciente (curioso que recoñeza de inmediato que está a recibir unha descarga dun desfibrilador) e a aparición brutal do asasino (supoñemos) na última frase. O final gustoume moito, polo contraste coa calma que transmite a voz narradora xusto antes. Se ben nesta voz vexo un ritmo que, sendo interesante como monólogo interior, non parece alterarse demasiado. Nin cando percibe que hai xente ao ser redor que leva pistolas.
    Seguirei con interese a evolución da novela. Quero saber por onde nos levará.

  2. “O meu estómago galego”, non me acordaba de que o fose.

    dentro de todo o que incrible (por incoherente) nesta historia, sorprendeme tamen que non sexa ata agora cando se poñen a falar do que saben. imaxina que fose todo un malentendido e non estivesen a falar da mesma actriz. glorioso.
    garret vai chamar ó inspector para que lle de o listado de vitimas e despois vainas interrogar unha a unha. por favor, que alguen lle dea unha placa coa estrella de sheriff a este home xa.

    “Será só un minuto. Hai un hospital aquí, moi preto”
    deben funcionar moi ben as urxencias nos USA.

    “Non se pode deducir nada, pero parece o seguro dunha pistola.”
    a moribunda inconsciente narra con mais omnisciencia que o propio narrador. De que marca é a pistola? eu creo que polo click deberia poder sabelo, e polo peso das pegadas pode deducir se está cargada. Tamen pode sentir o ritmo cardiaco de quen a sostén para saber se pensa usala. Iso si, non lle pidas que entenda unha palabra do que están a dicir, non vaia ser. será o mesmo hospital no que, noutra liña temporal, o prota vai vendar o brazo.

    que o acento do primeiro é norcaliforniano, igual ca o meu; e que o segundo é un asimilado de Oregón.
    xuro que ainda non lera isto cando escribin o anterior.

    “esa respiración fáiseme coñecida.”
    trato de imaxinarme unha respiracion recoñecible. Por exemplo, as de darth vader ou porky.

    “Estou segura de que estou espida, pero ninguén, nin sequera o maduro oficial, repara nos meus xenitais diluídos”
    pero qu ?

    A novela vai vento en popa, como dixo alguen. Cara onde se dirixen ambas naves non quixera ir eu alí.

  3. Fíxome gracia a referencia aos horarios e as proporcións das comidas, realmente ocorre. E non sei se un chega realmente a acostumarse! Penso que é un acerto mesturar o cotidián coa trama policial. Axuda a conectar co lector, xa que fai ao personaxe máis real e cercano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *