BiosBardia

O país dos libros en galego

A Espada do Metal: 3. O plan

Mantel. DAGNEY REESE/UNSPLASH.

Lois Z.

“E cóidao ben, eh?”. Iso foi o último que escoitou Agonías antes de quedar a soas con Jincho no medio da noite. Camiñaron sen falar. Aínda que o paladín ía tranquilo e desarmado, Agonías non lle quitaba ollo.

―Aquí é ―comentou o anfitrión tras uns minutos de paseo, sinalando aquela especie de cortello.

            A casa de Agonías non era un chalé de luxo precisamente pero, como dicía el, protexíate das choivas sulfurosas e dos furacáns de gases velenosos. O demo deixou as chaves nun pratiño e puxo unhas pantuflas con forma de can salchicha.

―Demo, necesito completar o descanso que interrompestes coa vosa maxia maligna. Se non durmo oito horas de reloxo non rendo.

Agonías subiu ó faiado e comezou a remexer cousas. Volveu todo contento con algo voluminoso nas mans.

―Podes durmir aquí.

―Nunha caixa? ―Alporizouse o humano―. Pretendes que durma nunha caixa de cartón??

―Ai, si, perdoa ―desculpouse o demo―. Tes razón, tes razón. Agora mesmo che vou por unha gallada de palla para que fagas nela boa cama e…

Agonías reparou en que Jincho estaba a mirar fixamente para uns coitelos que había no vertedoiro.

―Non discutamos máis por esta parvada, home. Xa durmo eu na caixa. Ti podes usar a miña cama.

―Vexo que empezamos a entendernos ―respondeu o paladín relaxándose.

            Jincho entrou no seu novo dormitorio e deitouse coa vantaxe de ter o camisón xa posto. Os pés saíanlle fóra da cama.

―Malditos demos ananos ―suspirou.

******

            7:59 a.m. O diminuto reloxo dixital de pulseira do imp comezou a soar.

―Mecá! Pero xa é hora? ―protestou coa súa feble voz.

            Espreguizouse e saíu dun salto da lata de sardiñas que lle facía as veces de cama. Abriu a porta da lacena, choutou ó mesado e dende alí ó chan. Cruzou a cociña e saudou outro compañeiro que, medio durmido coma el, se dirixía ó seu posto de traballo no microondas. Pasou algo apertado por debaixo da porta do dormitorio e agatuñou pola colcha da cama. Subiu á almofada e dende alí alcanzou dun chimpo a mesa de noite. Despois abriu unha minúscula porta na parte traseira do espertador e entrou nel para sentar na bicicleta estática en miniatura que alí dentro había. Axustou o casco e consultou de novo o seu reloxo de pulseira.

―As 8:01. Tampouco pretenderán que sexa puntual co que me pagan.

            Sen máis dilación o trasniño comezou a pedalear con xenio.

            RIIIIIIIIG!!!! RIIIIIIIING!!! RIIIIIING!!! A campaíña do espertador soaba con forza. Por segunda vez na mesma noite, Jincho incorporouse da cama algareado. Botou man do primeiro que pillou para empregalo de arma. Resultou ser un crucifixo invertido que había colgado sobre a cabeceira do leito.

―Maldito trebello infernal! Agora verás.

            O imp oíu tarde a ameaza, porque cando parou de facer soar o timbre xa ía polo aire impulsado por un seco golpe de crucifixo.

―Uiiiiiiiii! Que me escalabroooooo!

                O espertador foi parar á cara de Agonías, que estaba entrando no cuarto para darlle os bos días ó seu “convidado”.

―Ai, ai, Por que a min? Por que sempre a min? ―queixábase o demo fregando o nariz―. Mal empezamos o día, ai, ai. Se xa sabía eu que hoxe non me debía de erguer da cam… da caixa esa.

―Estache ben ―decidiu Jincho.

―E logo por qué?

―Estache ben e punto. Teño fame, que tes para comer?

―Non dá tempo de preparar nada, temos que saír pitando para a asemblea ―O demo sacou unhas cousas da artesa―. Unhas sobras e un pratiño con leite valeríanche? Non, non, non, tranquilicémonos, tranquilicémonos ―tatexou ó detectar a reacción do humano―. Tes que comprender que eu non sei o que comen os paladíns, nunca tiven que ter conta dun. Mira, xa pararemos polo camiño e pides ti o que queiras. Agora vamos, que é tarde.

―Iso xa está mellor. Pero, a propósito; non teño roupa e o que é peor, tampouco teño armas.

―Meu deus, é verdade! ―exclamou botando as mans á cabeza―. Que imos facer! Xa bastante chamas a atención por ser a única alma humana viva no inferno para que aínda por riba vaias por aí en camisón. Non pode ser! Teño que atoparche algo.

―E logo non terás por aí nada teu que me sirva, ho?

―A miña roupa non che vai valer ―Tiña algunha que si, pero non quería que aquel humano lla puxese. A saber o que lle podería contaxiar―. Xa está, pon o mantel da mesa. Cortamos por aquí, e… aaaasí, ves? E se tapas a cabeza con este pano que sobrou parece talmente unha túnica. Ala, mira que ben!

―Unha túnica a cadros brancos e vermellos, non sei eu… igual chamaba menos a atención co camisón.

―Dá igual, dá igual. Veña, vamos, vamos! ―Metía présa Agonías mentres lle axustaba o mantel coa pericia dun xastre.

―Arrecarallo! Tranquilízate un pouco ―protestou Jincho apartando o demo de enriba súa―. Pero a que hora é a reunión esa?

―As reunións secretas son todas ás dez.

Jincho respirou unhas cantas veces e colleu aire.

―PERO TI ESTÁS PARVO, ORCO?! SON AS OITO DA MAÑÁ! NON PUIDEN FACER O MEU DESCANSO COMPLETO! NON PUIDEN ALMORZAR! NON PUIDEN FACER OS MEUS REZOS MATUTINOS!

―Pero quen sabe o que pode pasar… ―xustificou o demo―. Pode ser que pinche o demobús ou que nos atraquen polo camiño ou…

―Será posible… ―Todos os músculos do paladín estaban en tensión, pero contívose facendo un esforzo sobrehumano―. Está ben, está ben. Se ti o cres tan necesario, vamos, vamos xa.

            Ás 8:37 estaban os dous agardando fronte á porta da casa de Pánico.

―Cincocentos metros! O sitio estaba a cincocentos metros! ―rosmaba Jincho entre dentes―. Merecías que te…

―É que a min gústame ir ós sitios con tempo e… e… Por que me miras así? Que vas facer?

            Cando chegou Peste topouse con Agonías sentado no portal cun ollo inchado.

―E ti? ―preguntou o líder do Movemento dando voltas sobre si mesmo (procurando non facer xiros bruscos co pescozo)―. Non me dirás que che escapou de noite!

―Que? Non, non. Colleume os cartos e foi para a cafetaría.

―E como non fuches con el, langrán?

―Non me deixou. Dicía que o estresaba e que quería almorzar tranquilo. Xa ves ti que parvada!

―Vai entrando, xa vou eu a buscar o humano.

            Agonías petou na porta e Pánico deulle entrada ó soto. Ó pouco apareceron Jincho e Peste, con cadanseu café na man.

―Seguro que pediu o almorzo Super-Xigante-Infernal o moi canalla! Xa non vou chegar a fin de mes, terei que pedir almas prestadas outra vez.

―Toma, Agonías ―Interrompeulle os pensamentos Jincho ofrecéndolle o café que levaba el e o solto que sobrara―. Eu xa tomei un. De feito tomei catro e… recoñezo que me pasei antes mazándoche o ollo. Desculpa.

―Gra-grazas ―respondeu o outro atónito.

―Despois de todo imos ter que traballar xuntos. Polo contrato e iso. PERO NON TE AFAGAS!

            Peste ollaba a escena satisfeito. Jincho parecía comprender por fin que eles non eran mala xente. Máis que nada porque non eran xente, pero ese era un detalle menor. Entre tanto, alguén entrara no soto e deixárase caer nunha cadeira. Espeluxado e con lentes escuras, acababa de facer acto de presenza por primeira vez en moito tempo, Vicio.

―Vicio! ―sorprendeuse o líder―. Malditos os ollos! Canto tempo sen verte. E ademais chegas cinco minutos antes. Vexo que por fin te empezas a interesar polas actividades do Movemento.

―A ver o simposio ese tan importante, recoiro! ―protestou o resacase demo botando unha man á testa―. Veña, que estou de reenganche e non me aguanto! Vaia volta dei onte polo purgatorio. Mimá como me puxen… Non podo cos coll… TRUM! ―Pegou un golpe coa fronte na mesa e comezou a roncar.

―Hihihí, bos días a todos ―saudou Aberración ao tempo que entraba pletórico pola porta co corpo empatado con grampas do quince―. Ai! ―berrou dando un salto cara atrás ó comprobar que Jincho andaba ceibo pola sala―. Hihihí, non me amputes nada hoxe, por favor.

            Jincho tiña asento no altar maior xunto con Peste, Guerra e Rabia. Cando todos os asistentes (menos da metade dos corenta convocados) estiveron sentados e en silencio, o líder da rebelión tomou a palabra.

―A ver, ante todo quero presentarvos o ser que nos vai salvar da tiranía do Maligno. Todos estaredes xa máis ou menos ó corrente, pero esta é a súa presentación oficial en sociedade. Grazas a el as cousas aquí no inferno volverán ser como eran antes: gloriosas! Cada un volverá valer o que ten, terá o que mereza e merecerá unicamente o que consiga por si mesmo. Abaixo o boísmo! Viva a elite social!

            Os demos aplaudiron de forma rutineira.

―Pero non; como xa dixen, hoxe non estou aquí para adoutrinarvos máis. Creo que diso ides ben polo de agora. O que vos quero ensinar hoxe é a solución a todos os vosos problemas ―aclarou sinalando o humano, sentado ó seu carón nun tallo―. O seu nome é Jincho. Un paladín do plano dos mortais.

            Jincho erguese, a súa impoñente figura vestida co mantel a cadros era perturbadora. Algúns demos xemeron de medo.

―Non vos preocupedes, segue todas as miñas ordes ―tranquilizounos Peste―. É mansiño coma un cadelo amestrado.

            O paladín colleu a Peste polas solapas do abrigo e ergueuno no aire para poder botarlle unha mirada de odio directamente ós ollos.

―A que xogas, demo?

―Haha ―riu Peste cara o público―, ten xenio, verdade? E iso é o que precisamos, non é? Recorda que firmaches un contrato, humano ―dixo despois cara a Jincho nun murmurio maligno―. Pórtate ben ou non volverás xamais ó teu mundo.

            Rabia subírase encima de Jincho para liberar a Peste, pero os músculos do humano non cedían ós seus esforzos.

―Máis che vale cumprir a túa palabra, demo ―Jincho pousou a Peste e sacudiuse a Rabia dun golpe de ombreiro, quen caeu aparatosamente sobre as candeas do altar.

―Garda as túas forzas, humano, para o teu cometido ―continuou Peste con menos enteireza que coa que comezara o discurso―: entregarme… quero dicir… entregarnos a Espada do Metal.

Rabia ergueuse de súpeto e pillou a Jincho polas costas cunha chave improvisada. Jincho revolveuse e saltou cara atrás, espatelando a Rabia contra a parede. Ó notar que afrouxaba soltoulle un golpe co cóbado co que se desfixo definitivamente del.

―A Espada do Metal ―repetiu Jincho, pensativo―. De que metal exactamente?

―A Espada do Metal Absoluto forxouse coas almas de 666 bardos de pelo longo, dedos rápidos e voz aguda ―recitou Guerra―. E con ela, o seu portador pode canalizar e manipular todas as almas que entran no inferno.

―Unha espada feita de almas para controlar outras almas ―razoou Jincho―. Se o voso obxectivo é roubar este poderoso artefacto, por que non chamastes mellor un pícaro?

―A Espada non se pode roubar, hai que ganala ―suspirou Peste―. Podes facelo con trampas ou enganos, pero o seu portador ten que traspasala voluntariamente. Ningún Maligno antes ca el empregara a Espada para… para nada, para nada máis que para perpetuarse no poder. Pero este demo tolo púxose a promulgar leis, amañar fochancas e dar subvencións. E todo coas almas dos demais! Como ves, humano, a nosa causa é máis ca xusta. Queres engadir ti algo máis, Guerra?

―Si. Que me doe un pouco a á esquerda ―comentou o diaño mentres se automasaxeaba cunha man a membranosa extremidade―. Vai haber cambio de tempo.

―Jincho, cando queiras.

Jincho bebeu un longo grolo de auga antes de continuar.

―Demos, criaturas noxentas e seres repugnantes en xeral ―saudou o humano―. Non estou aquí de bo grado. Non creo que ninguén o estea, pero firmei un contrato e tratarei de cumprilo no menor tempo posible para desaparecer da vosa repulsiva presenza canto antes.

            Os demos asentían e intercambiaban miradas de conformidade ó comprobaren a gran profesionalidade e educación exquisita coa que actuaba o humano.

―Dada a miña experiencia, este é un típico caso de S.D.I.C.E.P. ―o paladín xirouse cara ó encerado para escribir as siglas―. Ou o que é o mesmo: Ser-Demoníaco-Inmortal-Con-Exército-Propio.

―As forzas do inimigo excédenos aproximadamente nun 25.000% ―acordou Guerra analizando un dosier que tiña na man.

―E son to-to-to-todos inmortais ―matizou Pánico.

―Mala cousa ―rosmaba Jincho―. Vaia vicio que tendes todos de ser inmortais. Con estas premisas só se me ocorre un plan viable.

―Coméntanos de que se trata, Jincho ―interesouse Peste.

            Jincho fixo unha pausa dramática coas mans levantadas.

―METELO NUN SACO E TRAELO COMIGO ATA AQUÍ PARA OBRIGALO A RENDERSE! ―espetou con decisión o paladín.

―De verdade te cres capaz de facer iso? ―preguntou Peste.

―Non me resultará difícil reducilo. Só teño que ter coidado de cachalo só. O factor sorpresa é crucial nestes casos.

―O do factor sorpresa ese que dis está moi ben, hihí, pero aquí igual che é máis importante o factor tamaño, hihihí.

―A que se refire este espantallo? ―quixo saber o Paladín.

―O caso é que de tanto chupar almas, o Maligno mide uns dez metros. Sen contar os cornos ―aclarou Guerra.

            Guerra e Pánico estiveron atentos e colleron o corpo desvanecido de Jincho antes de que batese co chan. Moitos demos levantáronse para interesarse polo estado do guerreiro.

―Ai, ai, ai. Que nos morre antes de empezar! ―choraba Agonías.

―Deixádeme, deixádeme! Foi só un mareo! Xa estou ben! ―Remexíase o humano tratando de se poñer en pé―. Tras esta revelación creo que teremos que cambiar de metodoloxía. Necesitarei armas e armadura.

―Eu teño unha armadura vella no faiado ―comentou Avaricia―. Fixérama meu pai para unha función na escola cando era pequeno.

―Querédesme endosar unha armadura de cartón, desgraciados! ―berrou indignado o humano―. Recordade que eu non son inmortal, preciso dunha protección consistente.

―Non, non, de cartón non ―aclarou Avaricia―, meu pai era ferreiro, fíxoma de latón.

―Ah, de latón…! ―ironizou o humano―. Nese caso quedo moito máis tranquilo.

―E por suposto non te imos mandar só nesta arriscada misión ―informou Peste―. Necesitarás algo de músculo extra, un guía e un chisco de alivio cómico.

―Non che me chista nada repartir experiencia, pero neste caso penso que vai a haber de sobra ―admitiu Jincho.

―Eu, eu! ―saltou Guerra―. Quero ir eu!

―Non, non, Guerra ti non. A ti… eh… necesitámoste aquí. Vai ti, Rabia.

―COOOMO? ―exclamou o iracundo demo, que aínda estaba recollendo dentes do chan.

―Si, ti e Agonías, que xa o coñece ben e tenlle confianza.

―Xa sabía eu que me ía tocar. Si, home, si, xa o sabía eu… Sempre Agonías, sempre Agonías… ―lamentábase o diaño.

―E por último…

            Peste deu un longo paseo coa vista pola sala. Aló onde miraba explotaba unha epidemia de toses, proídos, lapis que caían ó chan e demos que desaparecían baixo as mesas.

―Mirade, hihihí, mirade… Vicio está levantando a man… debe querer ir el… hihihí…

―E verdade iso, Vicio? ―preguntou Peste gratamente sorprendido.

Pero Vicio non lle podía responder, xa que estaba profundamente durmido sobre a mesa, coa cabeza descansando nun brazo e o outro apoiado contra a caluga e co dedo índice lixeirisimamente erguido.

―Eso, eso. Que vaya el Vicio! Y luego no? ―esixiu Autoodio.

―¡Vicio, Vicio!

―Pois está decidido logo ―rematou Peste, xa canso―. Iredes os tres con Jincho a pola a Espada do Maligno.

            Nese intre oíron uns golpes que viñan do piso de arriba. Agardaron en silencio mentres Pánico ía mirar que sucedía. Ó pouco o dono da casa baixou ó soto para propagarse.

―É a ga-ga-garda repppblicana!! Estamos rodeados!

            Aínda estaban dixerindo a nova cando os asaltou a voz dun altofalante: “Entregádenos o humano ou preparádevos para sufrir as consecuencias”.

―Rápido, protocolo de emerxencia! ―ordenou Peste.

            Os demos comezaron a sacar agullas e nobelos de la duns sacos que había arrombados nunha esquina. Mentira e Autoodio despregaron o cartel de I Curso de Labores de Gancho.

―Pánico, sube e trata de ganar tempo.

―Co-co-co-como?

―Ti fálalles. Do que sexa.

            A voz do altofalante insistía: “Sabemos que trouxestes ese humano de forma ilegal. Soltádeo ou teremos que entrar nós por el”. Peste abriu unha porta secreta tras o altar e mandou pasar a Jincho, Rabia, Agonías e Vicio.

―Este tobo vai dar carreiro abaixo ―díxolles Peste ós tres demos―. Se non damos saído desta tede conta do humano e facede que cumpra coa súa palabra.

            Cando estiveron dentro selou a porta e foi coller o seu nobelo pensando no parecido que eran facer plans e calcetar.

            Jincho, Rabia, Vicio e Agonías chegaron ó final do túnel e saíron a unha bodega escura, fresca e chea de po e arañeiras. Miraron por unha fiestra e alí ó lonxe viron a garda apartando a Pánico a un lado para entrar na casa franca.

―Por que levan un armario nunha carretilla? ―preguntou Jincho.

―O do armario é Demencia, o subordinado máis perigoso do Maligno ―respondeu Rabia.

            Jincho púxose a revisar a bodega por se atopaba algo que lle fose útil. Cortou un sedeño cos dentes e atou o mantel máis firme ó seu corpo. No chan había unhas cadeas pesadas e apañounas. Deulles unhas voltas no aire. Non tiña competencia, pero mellor iso ca nada. Colgada dun gancho viu unha fouce. Deixou as cadeas e examinouna. Non estaba moi afiada pero ía máis co seu estilo cortante. Cando xa a ía encaixar no cinto de corda avistou unha gadaña apoiada nunha cuba de carballo. Foina coller deseguido, pero ó achegarse descubriu outra arma distinta que o deixou fascinado. Esquecida a gadaña, empuñou a dúas mans o mango de madeira daqueloutro descoñecido instrumento de guerra. Pechou os ollos e ensaiou uns golpes. Despois achegou o metal ó nariz. “Mithril. Manufactura anana. Dano 2d8. Crítico x5”.

―Se veu ata aquí en persoa é que o está tomando moi en serio ―engadiu Vicio sobre a presenza de Demencia―. Agardemos un anaco antes de saír. Que, que é iso?

            Vicio deixou de mirar pola fiestra, había algo dentro da bodega que estaba creando unha luz cegadora.

―Apagade ese candil! ―berrou Rabia.

―Non é un candil, é Jincho ―sinalou Agonías.

            Jincho e a súa arma escintilaban. Parecía en transo.

―Que fai? Está falando en arameo.

―Debeulle dar unha baixada de tensión.

―Non, atendede ben, está lanzando conxuros. Estase chutando ―aclarou Vicio.

―Que fas, Jincho? ―Agonías tratou de facelo entrar en razón―. Os malos aínda te estás buscando aí fóra e ti pareces unha árbore de Nadal.

            Jincho deixou de conxurar. Parecía satisfeito. Saíu da bodega sen que ningún dos demos se atrevese a detelo. Puxo rumbo cara aquel armario falante.

―Que fas, tolo! Onde vas? ―berrou Rabia fóra de si.

―E por que levas un sacho! ―engadiu Agonías.

            Jincho, co sacho ó lombo e cargado de auras e feitizos, nin se xirou ó responder.

―Vou arrombar a leira.

14 thoughts on “A Espada do Metal: 3. O plan

  1. Que bo ritmo ten este capítulo! Aínda que hai cousas que non entendo, supoño que serán alusións ao mundo dos videoxogos, que descoñezo completamente. Pero esa arma de manufactura anana do final parece un artefacto que pode resolver de forma sorprendente a batalla con ese diaño de dez metros.
    As personaxes vanse delimitando moi ben, van reforzando o seu carácter. E hai sentido do humor moi ben dosificado, o heroi bruto emburullado nun mantel de cadros, o curso de labores de gancho, ou os apuros de Agonía para saír sen almorzar.
    Por certo, acabo de decatarme, ¿os personaxes son todos masculinos? ¿ou simplemente está abolido o xénero no inferno? Quizais pode desenvolverse isto máis adiante.
    Poucas suxestións atopo que facer. Por aportar algo, resúltame algo esaxerado de máis o contraste entre o cortello que se supón que é a vivenda de agonías coas pantuflas de coelliños. A escea da caixa para durmir tampouco me resulta moi convincente. Quizais alongar a negociación, ou ao contrario, deixar a caixa nun amago que se resolve de inmediato. Xa digo que é por forzarme a dicir algo, por se axuda.

    1. ola Mercedes. Espero que me perdoe Cesar pero vou romper o protocolo e responder en quente, porque ademais esta vez a resposta “natural” seria dentro dun mes e para daquela, non sei, non ten o mesmo xeito. É que creo que o guay disto son os comentarios pero tamen poder responder, e poucos o fan, non sei se é por ter que esperar 1 semana ou porque realmente non apetece. Xa somos poucos a falar, non quedemos calados. O torneo é noso, aproveitemolo!
      dito isto. Efectivamente vaise falar mais adiante do tema do xénero no inferno. gustame que te fixaras niso porque significa que fixen ben tendoo en conta como un problema a resolver, hehe. Estou dacordo contigo no que sinalas ó final. Algunhas cousas non están ben compaxinadas. No da caixa para durmir tamen che dou a razon, a veces hai que ir probando a cegas e ver se certas cousas van funcionar ou non. De feito habia mais negociacion pero borreina, por exceso de caracteres e porque me parecia que me estaba complicando demasiado. Revisareino.
      Grazas polo comentario, todo axuda, e para iso me apuntei, para contrastar opinions, revisar e pulir. Insisto, aproveitade este mes para comentar e responder, para falar, queixarse ou explicar cousiñas que quedaran no aire. Somos os showrunners dos nosos proxectos!

      1. pois non sei que protocolo é ise que saltaches, aí perdinme…
        Eu creo que mellor conversar nos comentarios que é como se aprende. Grazas por contestar!

      2. o protocolo é que en teoria non se pode responder ós comentarios que che fan ó teu capitulo ata que se publica o seguinte. Creo que non está nas bases, é unha especie de regra non escrita.

  2. Este capítulo ten moi bo ritmo, ou mellora o ritmo do conxunto, non o teño claro. Sexa como for, a min funcionoume. Séntanlle ben as mudanzas de escenario e as elipses (da reunión á casa, da casa á reunión), que axilizan e rachan iso que comentaba sobre o plano secuencia. Tamén gostei de que o protagonismo máis coral dos primeiros capítulos comece a reducirse e vaiamos ficar cunha escolma máis pequena de demos. Axuda moito a distinguilos e a investir emocionalmente neles.
    A única crítica que podo facer é que despois desas mudanzas, ao final o groso da acción volve dirimirse nunha reunión. A min non me resultou molesto, vaia, mais está ben notar que ese tipo de situación narrativa ten un protagonismo absoluto. Talvez faga parte do humor sobre o funcionariado infernal, non o sei; mais se continúa moito máis pode chegar a se facer un chisco monótono.
    Dúas cousas que me chamaron a atención: usas o verbo “chutar”, que non teño claro se vai no sentido de “drogarse” ou é vocabulario dos xogos de rol; intuitivamente, pensaría que o lóxico sería “chetarse” (usar trucos) ou “bufarse” (mellorar as estatísticas do personaxe cun conxuro, por exemplo). O outro que me chamou a atención é a imaxe do cabaleiro co sacho, que parece unha referencia a un xogo indie moi popular, Shovel Knight. Se non é unha homenaxe deliberada, tamén xenial que o sexa despropositada, porque é un dos meus xogos favoritos.

    1. tiña moitas dúbidas con este capitulo precisamente porque volvia haber unha reunion e pensei se esa repeticion lle ia facer perder frescura, como dis. Por sorte non hai mais asembleas infernais proxectadas no futuro, hehe
      Moi interesante tamen o que dis sobre chutarse. No noso grupo cando facemos algo asi (normalmente tomando pocions tamen) dicimos que nos estamos chutando, que leva unha connotacion temporal. Chetarse para min é algo mais longo no tempo. Vas chetado indefinidamente, non tes un tempo determinado no que remata o bufo. Este ultimo, o de bufarse, si que cadraria ben, so que a min esa palabra me chegou tardiamente e non a teño recollida ainda no meu vocabulario habitual.

      1. Preguntábache xusto por iso! “Chutarse” é unha palabra que (creo) non cheguei a usar habitualmente, mais soábame ben, talvez de a ter ouvido dos primos máis vellos ca min. Se cadra, pois, é unha cuestión xeracional, ou igual é que sempre fun máis de xogos de rol individuais, así que non incorporei moito vocabulario.

      2. Eu aquí estou con Pablo, chutarse ten un punto sempre como de droga, incluso dos efectos temporais que teñen algo bo e algo malo. Mentres que bufarse, ou chetarse, e como poñerse forte, independentemente do tempo que dure o bufo. Con todo, que conste que igual é porque é máis “lingo” de videoxogo e non tanto de rol, que sempre hai microvarianzas entre xéneros e grupos de amigos.

  3. Paseino moi ben lendo este capítulo, con risas e sorrisos en todas as ringleiras. Imos sentindo máis próximas ás personaxes e hai moita orixinalidade na resolución das situacións: un plan de emerxencia dos demos consistente en ganchillar, un heroe que vai vestido de mantel de cadros, armado cun sacho e alumeando, o trasniño despertador… Por certo, é sorprendente ese humano; mantén á raia aos demos, sabe de liortas e sóbralle valentía.
    Por outra banda, valoro moi positivamente ese guiño á política e á ridiculización da critica á distribución da riqueza. Non deixa de ser reflexo de voces da sociedade. Gustaríame que iso se mantivera. A ver se ese Maligno vai ser un Benigno?
    Eu non sei de videoxogos. Pode que me perda algo.
    E con respecto ao uso do verbo “chutarse”, a min resúltame familiar. Usámolo como sinónimo de “drogarse”.
    Eu non atopo cousas que mellorar. Penso que os futuros capítulos irán resolvendo as dúbidas. Vexo un traballo ben enfocado e moi divertido.

  4. Gustoume, e comparto cos meus compañeiros o tema do ritmo. Abofé que se fai doado de ler.
    Fascíname, como a Rosa, o tema da política, e que autoodio diga cousas en castelán, moi ben traído e logrado.
    Ía dicir tamén o tema do feminino pero xa vin que se comentara antes. Non sei se cando se traia máis adiante se caerán en tópicos, agardo que non, xa que ás mulleres certas veces se nos canoniza e trata como boas e compasivas. Aínda que vendo como vas os tiros, non creo. Teño ganas de seguir e a verdade que non se me ocorren nen moitas cousas que mellorar, nen consellos que dar, máis que seguir mantendo a congruencia das personaxes, que xa de por si me parece complicado, bastante, e quizáis ter máis partes descriptivas no medio dos diálogos (?) escolla persoal

  5. Deste episodio o que máis me funciona é o primeiro terzo, a parte a soas do Jincho e Agonías, pasar dun escenario ateigado a ese momento case de parella cómica máis a un estilo Gordo e Flaco gustoume moito. De feito, o que botei algo en falta aquí foi quizais aproveitalo para facelo un punto máis íntimo, sería quizais o momento en que o Jincho se abre un pouco máis cun demo que lle demostra amabilidade, e por esa vía sabemos máis cousas do paladín, de como é el en concreto máis alá da súa profesión. Quizais de novo son eu pedindo cousas que o proxecto non quere darme, pero como que me gustaría saber un pouco do lore del como persoa na súa dimensión, para emocionarme máis coas decisións que toma no inframundo. Quizais apareza máis adiante, ou sexa máis unha comida de tipos, nada está mal aquí.

    Da segunda parte do capítulo, penso que a acción esta narrada con moita soltura, demostrando pericia, supoño que habera moitas escenas así e teño gana de lelas. Tamén me gusta como se estreitan as personaxes pero mantense esa especei de mente colmea neles, aínda que penso que Agonías colle máis consistencia como personaxe independente, e por esa vía pode chegar humor moi potente.

    Desta segunda parte xa comentaros os compañeiros que era de novo “unha reunión” e eu tamén o notei un pouco repetitivo nese sentido. Quizais algún elemento espacial marcado que diferenciase o momento, ou algunha dinámica, como que os collesen in fraganti pero facendo algo, podía darlle un sabor distinto. Mais se xa dis que tes outras ideas para as seguintes escenas, benvidas. Teño gana de facerme un Leroy Jenkins co Jincho.

    1. quen me dera poder volver atrás e cambiar algunhas cousiñas destes primeiros capitulos. Os problemas do directo. En todo caso, se notades algunha incoherencia argumental deixo dito que o texto novo prevalece sobre o anterior. Falo de cousas pequenas, como se primeiro dixera que a casa de Agonias está en Vite e despois a situo en Sta Marta.
      É certo o tema da repeticion da reunion, é algo que queda pendente para unha revision futura da novela. Tal vez facer que a do 1º capitulo que fose mais curta e con menos xente e logo agrandar esta para ir de menos a mais e non ó reves.

  6. Gustoume moito máis este capítulo que o anterior. É certo que ao ter unha nova xuntanza de grupo as veces custa seguir algúns diálogos, pero aceptando o paladín o seu compromiso e marchando con tres voluntarios, supoño que xa terá unha maior facilidade a hora de contar a historia.

    Non sei se tamén descendera o uso de diálogos ou se manterá a estrutura teatral, eu na cabeza xa imaxino a algúns actores e actrices galegas nos papeis.

    Tamén tivo algún momento que me resultou bastante gracioso, como o da armadura de cartón non, que o meu pai era ferreiro.

    Teño moita curiosidade de sen van ir pasando lugares e probas ou se acción vai ser máis lineal, a decisión é de Lois. Eu igual me decantaría por lugares, como na tradición literaria, pero un percorrido máis curto e líneal podería darlle axilidade á trama.

    1. Fíxome moita graza o de imaxinar actores e actrices para os papeis. E en efecto calquera numero de demos podería ser interpretado por homes ou mulleres sen que iso supoña ningun cambio nin no argumento nin na esencia da novela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *