‘La ira azul’, munición de esquerdas para a guerra cultural
César Lorenzo Gil.
O historiador Pablo Batalla publica La ira azul. El sueño milenario de la Revolución, un libro de ensaio divulgativo que se asenta en dúas trabes principais: o percorrido polo feito revolucionario a través da historia, cunha ollada ampla, baseada na historia universal comparada, que cinxe nun único torrente os movementos de protesta popular da Idade Media, a Reforma, a Ilustración e o socialismo contemporáneo. E, en segundo lugar, unha reflexión sobre a situación actual da idea da revolución de esquerdas e o “que facer” ante os desafíos do presente.
O libro está ben escrito, en xeral, cun equilibrio entre interpretación e citas envexable. O autor sabe cambiar de tema, pasar do teórico ao práctico, pór ao servizo do texto as referencias literarias ou etnográficas. Ten un estilo moderno, influído polas redes sociais, ben xerarquizado e agudo cando ten que selo. Quizais a estrutura é un tanto confusa e a escolla dos títulos, máis escura do conveniente nun libro que se pode entender como un manual de uso cotián.
Na liña de autores moi influentes que trataron o tema da revolución ultimamente, caso de Enzo Traverso, moi citado durante todo o libro, Batalla non ten dó en facer unha crítica profunda aos procesos revolucionarios contemporáneos, especialmente a Revolución rusa, pero é máis orixinal e didáctico cando intenta describir a xenealoxía dos movementos revolucionarios desde os tempos preindustriais. É moi interesante a súa explicación sobre a posición relativa da orde nos movementos de protesta, como en moitas ocasións é o pobo o que ten que saír para opoñerse ás “revolucións das elites”, que case sempre consisten en perverter os costumes consolidados ao favor da maioría.
Aínda que non o menciona (e nisto vese a incapacidade da historiografía española para incluír as dinámicas galaicas no seu temario básico), as revoltas irmandiñas do século XV encaixan perfectamente nese modelo: o pobo, dun xeito transversal e cun programa de mínimos, toma o nome do Rei como garantía dun réxime que, mal que ben, era preferible á rapina e descontrol do abuso señorial. Tamén é moi interesante o foco que pon no Gran Levantamento Campesiño de Inglaterra no 1381 ou na tradición de movementos “antisistema” de inspiración socialcristiá, que se ensaiaron en Europa desde a propia instauración da Cristiandade e que, tal e como di o autor, foron mutando até serviren de signo aos movementos revolucionarios socialistas e de emancipación nacional do século XX.
Batalla é, con todo, máis interesante no relativo ao diagnóstico da situación actual. Identifica o neoliberalismo como a gran revolución das elites do noso tempo. A interpretación do thatcherismo como un golpe na mesa contra a orde europea posterior á II Guerra Mundial (asentada no Estado do Benestar) permite calibrar non só o alcance dos obxectivos revolucionarios dos think tanks da dereita, senón reenfocar os métodos de defensa da esquerda actual.
O libro ten, daquela, tamén unha función de arma, ou máis ben de munición para a guerra cultural que parece comelo e distorcelo todo nos nosos días. O primeiro que di o autor é que a guerra cultural está a gañala a dereita xusto porque usa a linguaxe e a táctica revolucionaria. Unha linguaxe subversiva, de combate e rebelión, fronte á “orde establecida” que hoxe representa a esquerda que defende a continuidade do sistema económico. O historiador afirma que a esquerda debe abandonar esa posición “conservadora” e atacar, coas súas armas tradicionais, as da revolución, as mentiras da dereita.
Neste punto, quizais o máis incompleto do libro, estráñase maior análise económica e menos dialéctica. Batalla “culpa” da rebelión reaccionaria, no caso español, as elites empresariais decadentes nun sistema globalizado que non os ten en conta, en alianza cos obreiros machistas que estrañan ter a criada na casa cando volven de traballar. É unha visión que peca de simplismo e compracencia. Aínda que cita os desequilibrios provocados polo neoliberalismo, o libro non profunda no cataclismo cultural que significou para o groso da poboación a entrada no euro: a devaliación interna que provocou unha espectacular perda do poder adquisitivo e a sensación xeneralizada de que a estabilidade, a certeza, é o gran ben inmaterial e inaccesible do noso tempo. Ese malestar vai máis alá da reacción fronte ao feminismo ou ao quecemento global. A esquerda non pode conformarse con ridiculizar os relambidos e os “señoros”, senón que debe propor medidas que alivien o desacougo da xente cunha linguaxe desintoxicada dese cambio de paradigma que impuxo (con moita dor) o neoliberalismo.
De feito, no libro gábase o traballo comunitario que conseguiu transformar a España pobre do final do franquismo nun pais con altos niveis de seguranza cidadá, infraestruturas públicas e educación. Ese pacto social actual que se logrou con asociacións de veciños, concelleiros socialdemócratas e un consenso do sentido común que hoxe se cuestiona, en moitas ocasións, polo abandono desas trincheiras por outras onde “o material” é menos importante.
Certo que Batalla alerta sobre o falso dilema entre dereitos sociais e xustiza social, pero non axusta un razoamento orixinal e plausible que nos quite da cabeza que a socialdemocracia e os seus arrabaldos “á esquerda” fuxiron sen resistencia daqueles espazos onde había que defender os dereitos materiais da maioría. O postindustrialismo quíxoo resolver gran parte da esquerda española en base a un programa que non cambiase de xeito substancial a axenda neoliberal da UE en troca de tomar todo o protagonismo no plano da superestrutura, por seguir a Marx. Hoxe en día, esa devandita guerra cultural demostra que ese esforzo non foi decisivo para controlar a axenda temática e a linguaxe, mentres que o sistema socioeconómico rachou de vez entre empregados e funcionarios; entre propietarios e inquilinos; entre pensionistas e precarios; entre poder nominal e poder real; entre multimillonarios e criptobros.
A ollada dicotómica sobre un futuro ecosocialista ou un futuro ecofascista nótase que supera as metas deste volume e queda un chisco como un apéndice se cadra innecesario, pero moi gorentoso para que Batalla poida propoñer un futuro onde o espírito revolucionario, a esencia da esquerda hoxe adurmiñada, poida brotar de novo.
En xeral, La ira azul é un libro recomendable para armar o brazo, detectar algunhas estratexias (principalmente as da dereita) e, como en todos os libros valiosos, tomar nota de múltiples referencias que nos permitirán profundar naqueles aspectos que nos interesen máis.
♦ La ira azul. El sueño milenario de la Revolución, de Pablo Batalla Cueto, Trea, 2023. 192 páxinas. ♠18€