BiosBardia

O país dos libros en galego

Eivas e desacertos dos Premios Follas Novas

Logotipo do Premio Follas Novas.

César Lorenzo Gil.

Acaban de facerse públicos os títulos e iniciativas “candidatos” aos Premios Follas Novas 2024, que se entregarán, como é costume, en maio, nunha gala en Santiago. Mais nesa gala non se dilucidarán os gañadores en cada categoría de entre esta listaxe. Non. Antes, un xurado escollerá os finalistas, tres por área, que serán os que realmente teñan posibilidade de gañar. Este modelo, que xa rexeu o ano pasado, complica o proceso, crea unha especie de semifinalistas e finalistas, confunde a moitos, dentro e fóra do sector editorial, e non xera ningunha expectación engadida, máis alá da sensación efémera de que unha gran parte dos “candidatos” non terán tempo dabondo para celebrar un recoñecemento que se borrará decontado da memoria.

O Premio Follas Novas reúne os antigos galardóns a obra publicada que antes se dividían entre a principal asociación de escritores, a AELG, de editoriais, a AGE, e de librarías de Galicia. Un sistema clásico de finalistas, gala e premio (unha figura de Rosalía deseñada por Sargadelos, sen dotación económica). Un modelo cinematográfico que culmina na gala o proceso de selección entre as propias bases de cada asociación. Pero non son esas asociacións as que escollen, senón un xurado “para-todo” que tanto decide sobre o mellor libro de poesía coma do mellor libro de cómic ou elixe que iniciativa fixo mellor a promoción da lectura.

O paso do tempo non axudou o premio. O sistema de semifinalistas e finalistas, a opacidade sobre o xurado e, sobre todo, a incapacidade para que a gala de Santiago se difunda máis alá dos candidatos, foron minando unha convocatoria que perde prestixio ano tras ano.

O premio sofre eivas, como o desprezo que sofre por parte da Televisión de Galicia, que nunca retransmite a gala, malia que si ten espazo na súa grella para entregas de premios vinculadas á Festa do Cocido de Lalín ou si atende os premios de teatro María Casares ou os audiovisuais Mestre Mateo. Neste sentido, os convocantes dos Follas Novas se cadra deberían rematar coa gala mentres o ente público non se comprometa a programalo en directo como medida de presión.

Mais tamén sofre desacertos propios. A categorización é estraña e provoca que un mesmo título poida ser candidato e finalista en máis dunha categoría. Pode ter sentido noutras industrias, máis colectivas, pero a produción de libros é dabondo ampla como para que non haxa títulos atrapapremios. Todos os anos aparecen cousas raras: libros fóra de sitio, candidatos grazas a reedicións. Incluso houbo autores que renunciaron ao ver que na lista de finalistas non se respectaba ao xeito o xénero do seu título.

Quizais debería utilizarse un xurado, público e con prestixio, para fixar os finalistas de entre todos os preescollidos polos diferentes gremios participantes e considerar un sistema máis democrático e amplo para a elección final. Ou crear xurados específicos por cada área para que se evite a sensación de que hai un xurado que tivo que ler en semanas trinta volumes e que tanto entende de ilustración editorial coma de narrativa. Uns premios que simbolizan o pulo industrial de toda unha cultura non poden resolverse dun xeito tan básico. Non pode xerarse unha expectativa entre candidatos para retirarlles o status poucas semanas despois.

Só tomando en serio os premios e garantindo a súa transparencia valerán para algo. Para dar prestixio aos finalistas e premiados, para atraer os lectores e para desterrar as sospeitas, que ás veces forman parte da fantasía da conspiración, mais que noutros casos agroman en terreo estercado polo desleixo e a falta de profesionalidade.

A lingua galega está falta sempre de premios a obras ou iniciativas xa concluídas. Hai demasiados certames para novos proxectos e pouca capacidade de homenaxe e aplauso. A xente hai que valorala cando está viva. Pero os criterios de valoración deben estar claros e que o público os coñeza. Só así lle prestará atención a unha industria que está máis viva do que moitas veces se pensa, que inviste moito diñeiro todos os anos, que crea emprego e define un imaxinario onde miles de persoas se entreteñen e forman ano tras ano.

4 thoughts on “Eivas e desacertos dos Premios Follas Novas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *