BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O libro e o tapiz’, os perigos da documentación

Xabier Paz.

César Lorenzo Gil.

Xabier Paz volve ao universo medieval no que xa ambientara A galera de Xelmírez (Xerais, 2015). Desta volta, O libro e o tapiz quere ser un ambicioso achegamento á difícil relación entre o arcebispo de Santiago Diego Xelmírez e a raíña de Galicia Urraca Afonso, dacabalo dos séculos XI e XII.

A novela está construída, principalmente, cun modelo especular, onde Xelmírez e Urraca falan en primeira persoa. Empezan sendo narradores que pasan de ser testemuñas nas primeiras liñas de cada capítulo no que toman a palabra a cronistas dos acontecementos do seu tempo, con profusión de datas, lugares e fontes.

Velaí o principal problema desta obra. O autor —tal e como confesa nunha nota bibliográfica final— estivo unha década documentándose para escribila. “A enumeración de todos os textos visitados resultaría prolixa, mesmo babélica e tediosa”, afirma. Esa carga, desafortunadamente, desequilibra o texto; faino demasiado lento, en moitos momentos inerte. Paz non é quen de crear un universo autónomo. O lastre da investigación histórica imponse sobre a literatura. Por exemplo: non se conforma con citar algún texto, senón que o tal texto aparece na novela, coma se o necesitase para reafirmar o que nos conta. Isto sucede demasiadas veces.

Non só porque o que sabe sobre a época abafe o texto, senón porque en realidade quixo camuflar ese protagonismo documental mediante un esquema narrativo convencional, de monólogos de sentenza longa e descrición de ambientes con pouso clásico, medievalizante na intención, pero decimonónico no resultado. Co problema engadido de que Xelmírez e Urraca falan máis ou menos igual, co cal o efecto do contrapunto non se produce.

Só en contados momentos parece que o autor quere independizar o relato do “rigor”. Só en contados momentos esquece a historia e fai literatura: evocación, imaxinación, curiosidade, dominio das técnicas expresivas… Neses breves escintileos está o mellor desta obra, unha ollada autónoma ao espírito do tempo da historia, pero quizais aparece demasiado agochado para que o desfrute de veras un lector. 

O libro e o tapiz non responde aos modelos máis actuais da novela histórica. Actualiza o enfoque sobre a época seguindo os parámetros da nova historiografía galeguista (a pegada de Anselmo López Carreira é explícita), pero non para divulgar entre o público xeral as novas interpretacións históricas desta corrente. Renuncia a facer unha novela popular; ben ao contrario, esta é unha obra moi erudita. Mais queda lonxe da novela histórica literaria contemporánea que especialmente se desenvolve con éxito en Francia, baseada na destilación da documentación, a atención ao detalle e mais a síntese.

O libro e o tapiz, de Xabier Paz . Xerais, 2023. 280 páxinas. ♠19,50€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *