BiosBardia

O país dos libros en galego

Os Premios Nacionais (de España) de Literatura son un recoñecemento político, non literario

Yolanda Castaño.

César Lorenzo Gil.

Recentemente, nunha entrevista para a revista Luzes, a poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, a conta do Premio Nacional (de España) que recibiu por Materia (Xerais, 2023), queixábase de que presentara o libro a practicamente todos os certames de poesía de Galicia e non gañara ningún. E que, en cambio, logo da publicación por parte de Xerais, o libro fora gañando lectores e boas críticas até lograr o cumio do premio: “Non te preocupes se non gañas o premio do concello de non sei que, podes gañar o Nacional de Poesía”. Sobre este certame fai unha curiosa reflexión: “Un xurado [o do Nacional] que non me coñecía de nada, agás a integrante galega, consideraron (sic) que era o mellor poemario publicado en España”.

Sobre os premiados nos concursos de poesía en Galicia considera a poeta: “… Hai unha tendencia a que estean gañando premios persoas inéditas, autoras e autores moi incipientes, mesmo ocasionais, vidos de outros (sic) gremios, e, nalgún caso, continuadores de estéticas pasadas, dos 80, por exemplo. Publícanse os libros e nese momento, no canto de dicir que foron merecedores porque deron que falar, foron influentes, o cal sería bo sinal de que non nos presentemos só autores e autoras, digamos, consagradas… non acadan recensións en revistas ou publicacións especializadas, non son nomeadas para os premios posteriores…”.

Sobre as peculiares características dos Premios Nacionais (de España) de Literatura xa dei a miña opinión no 2015. Só engadiría a obviedade de que ese non é un premio literario, en ningunha das súas categorías, senón un premio político. O Premio Nacional de Poesía, nos últimos cinco anos recibírono tres autoras galegas, unha vasca, unha catalá e unha de expresión castelá. No de Narrativa, no mesmo período, contamos dous autores galegos: Xesús Fraga e Marilar Aleixandre (2021 e 2022, respectivamente) e tres autores en castelán.

Significa isto que a literatura galega estea a vivir unha idade de ouro? Non, en absoluto. Contra o que afirma Castaño, o Premio Nacional non ten apenas valor nas letras españolas e, por suposto, influencia nula nas grandes capitais literarias do mundo (París e, sobre todo, Londres).  É un premio institucional no que o xurado non se escolle pola valía profesional, senón por delegación. Á parte dos representantes do propio Ministerio de Cultura, en cada modalidade actúan “propostos” de, entre outros: a Real Academia Galega, a Real Academia Española, a Real Academia da Lingua Vasca, o Instituto de Estudos Cataláns, a Academia Valenciana da Lingua, a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, a Asociación Colexial de Escritores de España, a Asociación Española de Críticos Literarios, a Federación de Asociacións de Periodistas de España, ou o Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid. Estes delegados teñen a potestade de presentar candidaturas. Case sempre, tal e como recoñecen en privado algunhas persoas que formaron parte dese xurado, son os membros do xurado que fan as propostas que resultan gañadoras os encargados de redactar a acta final, que curiosamente, non se publica no BOE, onde si aparece a concesión do premio, dotado con 30.000 euros.

O Premio Nacional, polo tanto, restrinxe a súa influencia —no caso galego— ao noso propio país. Non é o Booker nin o Goncourt, que atrae a atención dos lectores e os axentes internacionais. Por suposto poderá dicir que Castaño si terá esa repercusión internacional, e estou de acordo, pero os motivos son outros, derivados da propia actividade literaria da poeta, non da obtención deste recoñecemento. O Premio Nacional, para o caso galego, reforza a posición do autor que o recibe diante da comunidade literaria (editoras, librarías, medios de comunicación e lectores), pero non a estimula especialmente. Ou non máis ca outras estratexias.

Quéixase Castaño de que Materia peregrinou polos ollos de ducias de membros de xurados de moitos premios convocados para a poesía galega e que non recibiu ningún. Mais ese non foi o caso dos dous máis recentes Premios Nacionais de Narrativa orixinados en Galicia. Casualmente, tanto Fraga coma Aleixandre gañaron antes ca o Nacional, o Blanco Amor, o premio máis veterano en lingua galega e o mellor dotado, xunto co Torrente Ballester. Polo tanto, a relación entre incomprensión na casa e triunfo fóra é matizable. Tamén é matizable que haxa posibilidade de comparación entre galardóns que se outorgan sen coñecer a autoría con premios a obras xa publicadas.

A afirmación de que deben ser eses autores, ímoslles chamar “intrusos”, por resumir as características que deles dá a poeta, que están a gañar os premios de poesía fronte aos autores consagrados, os que demostren a súa valia mediante a influencia posterior á publicación, é, como mínimo, perversa.

Nin en Galicia nin en case ningún país do mundo un libro compite unicamente como texto no mercado literario. Si, digo mercado e non campo literario, porque a parte simbólica dese mercado (as recensións, as entrevistas, as críticas especializadas…) xa hai tempo que deixou de ser independente ao número de exemplares vendidos ou ás redes de afectos do libro escrito en galego. Só fai falta trazar liñas entre as figuras que participan no sistema para decatarnos de que esa “repercusión” á que alude a premiada nada ten a ver cos méritos da obra. En Galicia vivimos unha época dourada do Autor, con maiúsculas. A explotación (case sempre autoexplotación) da imaxe autoral é traballo necesario, tanto como publicar un libro, para “influír”.

A reflexión de Castaño sobre o porqué de que estean a gañar eses premios de poesía os “intrusos” debería completarse cunha pregunta moi sinxela: Por que se eses autores consagrados son tan bos, non conseguen captar o inmediato interese deses xurados fronte a esoutros produtos ancorados en estéticas pasadas de moda? Se algo falla, que é o que falla?: A escolla dos xurados? O modelo de recepción de orixinais e o tempo para conceder os premios? É errada a idea de que un poeta é bo poeta sempre, é dicir, debemos contar todos os seus traballos como merecedores de premio per se?…

En primeiro lugar, sería un erro considerar que o que marca a excelencia no mundo dos libros é a vontade maioritaria nun grupo de tres, cinco no máximo, membros do xurado dun premio. En moitas ocasións, os premios teñen en conta, voluntaria ou involuntariamente, elementos de teoría dos xogos, psicoloxía social, influencias externas e azar. Ningunha obra é boa simplemente por gañar un premio nin é mala por non conseguilo. Moitas obras necesitan presentarse varias veces a un mesmo galardón para gañar porque o contexto de cada edición varía, xa non só polos cambios no xurado, senón polos propios cambios nas tendencias e expectativas. Un amigo meu adoita dicir: “Calquera pode gañar un premio, sempre que ese ano non se presente ao mesmo Berta Dávila”.

Coido que a autora ten razón cado afirma que un xurado non só premia un texto; a falta de fincarse na figura prestixiosa dun autor, busca ese prestixio noutro lugar: o tema, a lingua, a documentación… Poucas son as actas nas que se fala de valores literarios.

No caso específico dos premios de poesía, tamén chama a atención, en moitas ocasións, os lazos (outra volta a rede de afectos) que une autores que exercen como xurados e autores que exercen como premiados, e cuxos roles vanse intercambiando con certa precisión a pouco que sigamos o fío.

Tamén debería ser obxecto de reflexión o motivo polo que unha poeta con vinte e tantos anos de experiencia na publicación de poesía e que atesoura algúns dos máis prestixiosos premios da poesía galega (González Garcés, 2022; Johán Carballeira, 1997; Novacaixagalicia, 2014; Espiral Maior, 2007…) segue considerando prioritaria a vía do premio para publicar o seu traballo. Para que serve un premio? Para que investir diñeiro público deses “concellos de non sei que” no fomento da poesía?

Para atopar novos talentos? Para estimular a edición do xénero menos vendido con diferenza?

O máis franco sería falarmos de que sen eses premios, o traballo poético non recibe recoñecemento económico. É dicir, non compensa o tempo empregado. Vender 1.000 libros supón para un autor de poesía entre 1.200 e 1.600 euros brutos, segundo a porcentaxe de dereitos de autor pactada e o prezo de venda do volume. O Premio González Garcés, o mellor dotado na actualidade para textos en lingua galega, outorga 6.500 euros. A diferenza é notable. E a aspiración a recibir unha compensación económica e reputacional, perfectamente lexítima, tanto para os poetas consagrados, coma para quen aspira a selo, sexa quen sexa.

 

7 thoughts on “Os Premios Nacionais (de España) de Literatura son un recoñecemento político, non literario

  1. Totalmente de acordo. Sen ir máis lonxe, o ano pasado o mellor libro de poesía gáñoo a mesma autora que o gañou en 2017… e ademais fixo dobrete ao gañar tamén libro mellor editado. Un premio deste tipo ten que aspirar, como ocorre noutros lugares, a difundir e dar proxección á literatura galega ¿de verdade non houbo máis libros de poesía que merezan o galardón que había que darllo á mesma autora en 2017 e 2022? Este tipo de cousas, só serven para danar a reputación dos premios Follas Novas.

  2. Fago ligazón inmediata a este artigo desde a aula virtual da materia Socioloxía da literatura, que imparto en cuarto curso de todos os graos de Filoloxía na USC. Ensina máis en quince parágrafos que tres bourdieus, catro itamares e cinco artemios a falaren de campos e de sistemas en abstracto. Obrigado pola claridade, que é ben escaso. E canta falta fai…

  3. Un xurado que non a coñecía de nada? Xusto o ano anterior, Castaño formou parte, como representante do Ministerio de Cultura (aí é nada!) español, do xurado que concedeu o PN de Poesía Joven a Ismael Ramos:
    Jurado
    El jurado, presidido por María José Gálvez Salvador, directora general del Libro y Fomento de la Lectura, y actuando como vicepresidente, Jesús González González, subdirector adjunto de la Subdirección General de Promoción del Libro, la Lectura y las Letras Españolas, ha estado formado por Carlos García Gual, designado por la Real Academia Española; Amaia Jaureguizar Ormaechea, por la Real Academia de la Lengua Vasca/Euskaltzaindia; Ana María Villalonga Fernández, por el Instituto de Estudios Catalanes/Institut d’Estudis Catalans; Maria Àngels Francés Díez, por la Academia Valenciana de la Lengua/Acadèmia Valenciana de la Llengua; María do Cebreiro Rábade Villar, por la Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE); José Luis Morante Martín, por la Asociación Colegial de Escritores de España (ACE); Ioana Ruxandra Gruia, por la Asociación Española de Críticos Literarios; Luis Fermín Moreno Álvarez, por la Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE); Fernando Reviriego Picón, por el Centro de Estudios de Género de la UNED; Yolanda Castaño Pereira, por el Ministerio de Cultura y Deporte y María Elena Higueruelo Illana, autora galardonada en la convocatoria de 2021.

  4. P.S. Polo que teño oído (eu nunca formei parte de ningún xurado), Castaño, en efecto, presentou ese libro a varios premios da Galiza, mais, cando menos nun deles, que eu saiba, ningún membro o seleccionou porque non lles pareceu un poemario relevante Daquela, a cuestión non é por que “Materia” non foi premiado na Galiza (onde Castaño, por outra banda, ostenta varios premios dende o inicio da súa ascensión) senón por que foi premiado en España, tras ser publicado polo sonado editor Chus Visor…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *