BiosBardia

O país dos libros en galego

A fatiga nómade

Oasis. RED ZEPELLIN/PEXELS.

Rodrigo Osorio Guerrero.

A Axencia da Organización das Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas (ACNUR), acaba de confirmar o primeiro caso da canseira nómade en territorio español. Foi antonte, na rolda de prensa na que Filippo Grandi, o alto comisionado das Nacións Unidas para as persoas refuxiadas, presentou o informe que describe esta nova síndrome que se está a espallar con rapidez entre as persoas migrantes de todo o planeta.

A Organización Mundial da Saúde,OMS, elaborou, por encarga de ACNUR, o ditame «Fatiga nómade: a feble resistencia á desgraza» no que compila, sistematiza e estuda o medio cento de casos que, durante derradeiro semestre de 2020, chamaron a atención das autoridades internacionais sobre este novo fenómeno.

Cando o 20 de agosto Emba Monai, tras o naufraxio do esquife no que viaxaba, se negou a afundirse nas augas do Atlántico, a menos de tres millas náuticas da costa de Gran Canaria, e proseguiu a súa viaxe camiñando sobre o océano non foi por un milagre da virxe do Carme, como axiña manifestara un voceiro da Conferencia Episcopal Española, senón que se debeu ao seu fondo cansazo pola situación que está a vivir: «Son moitos anos de fame e sufrimento. Precisaba algo de normalidade. Non quería que a miña derradeira pegada material fose a do cadáver morado dun outro afogado», díxolles Monai aos voluntarios da Cruz Vermella que o atenderon no porto de Arguineguín.

Este caso foi un dos que serviu para que o equipo de psicólogos que capitanea Mary Ground, da Universidade de Leeds, comezase a estudar o que remataron describindo como fatiga nómade. «Unha reacción normal en calquera homo sapiens que após integrar na súa rutina unha serie de prevencións para salvagardar a súa vida (durmir preto do lume; nunca ficar a sotavento; procurar comida nos vertedoiros; camiñar descalzo a través de desertos; recibir tiros, golpes e lategazos día e noite; beber auga contaminada…) remata por aborrecer tanta medida de seguridade, quer por cansazo de non ter unha vida normal, quer por desconfianza nas autoridades que non son capaces de lle procurar Xustiza, e baixa a garda, deixando que sexan os designios da natureza os que guíen o seu destino. «Prefiren morrer axiña levando unha vida normal que loitar por unha supervivencia chea de dor», concluíu a doutora Ground na rolda de prensa na que engadiu que a canseira «é unha resposta natural a calquera crise que se prolongue no tempo». 

«Ninguén pode aturar ese nivel de estrés durante décadas e por iso é lóxico o que sucedeu no campo de Talbieh, en Xordania», defendeu a doutora Nur Rashiía, «cando, o 10 de setembro pasado, un grupo de quince rapaces acordaron ben cedo para comezar as súas clases nun colexio concertado trilingüe. Estaban fartos da escola provisional nos contedores na que xa foran educados os seus pais, nais e avós! Precisaban un pouco de normalidade». Hoxe ese colexio de Talbieh continúa a funcionar, cuns resultados académicos excelentes, grazas ao fastío de todos os rapaces palestinos.

Onte mesmo, no campo de Dadaab, Absco Quioni, aborrecida da situación da súa prole, decidiu darlles o almorzo que merecían e acordounos para que xantasen un zume de laranxa, bolachas, cacao en leite, bananas, mazás, peras e un pouco de queixo. As súas crianzas non saíron do abraio cando, á hora de xantar, Absco os recibiu cunha crema de verduras de primeiro prato e arroz con polo de segundo. A cea tamén estivo á altura. «Estou farta da fame, doravante cinco comidas ao día, ben o merecemos! A guerra non vai acabar nunca, ben o sei… Hai que vivir!», declaroulle resignada Absco Quioni a este reporteiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *