BiosBardia

O país dos libros en galego

A mellor tradución da ‘Comedia’ de Dante

Clásicos en galego

Estatua de Dante. Florencia.

Marcos Taracido.

A min paréceme que a tradución dos grandes clásicos é un traballo necesario e patriótico no noso tempo. Quizais esas traducións non sexan moi lidas –eu coido que as miñas non deberon chegar ós cen lectores–, pero as dificultades do labor axudan moito a tensionar o idioma, a facelo máis rico. Talvez a súa utilidade pública non se deba medir polo número de persoas que as len, senón pola súa capacidade de influír na construción da lingua literaria. Talvez nun grao tan alto coma a creación literaria orixinal: porque o marco que impoñen os grandes mestres esixe necesariamente un esforzo de elevación da lingua que non pode eludirse.

Darío Xohán Cabana.

Da Comedia de Dante consérvanse máis de 800 manuscritos, proba do éxito espectacular que tivo tras a súa difusión en 1321. Para valorar o dato: en 1330 aparecía o Libro de los enxiemplos del Conde Lucanor et de Patronio, obra fundamental da literatura castellana medieval da que subsistiron cinco manuscritos, só dous completos; e do Decamerón de Boccaccio, dun contexto sociocultural máis semellante ao libro de Dante, consérvanse por volta de cen. Aínda que nos séculos XVI e XVII pasou bastante desapercibida, a Ilustración e sobre todo o Romanticismo retomárona e convertérona sen dúbida nunha das obras máis influentes da literatura, e a súa pegada está presente non tanto como versións ou adaptacións senón como un referente constante, unha presencia tanxíbel na poética das manifestacións literarias e artísticas dos últimos 700 anos[1].

No entanto, da vida de Dante sabemos pouco, e moito dese pouco e polo que el escribiu de si mesmo, e xa sabemos a tendencia pertinaz do ser humano a mentir (ou mentirse) cando fala de si mesmo. Nado en Florencia en 1265 como Durante (o que dura, o que perdura) Alighiero, el preferiu o acurtado Dante (o que dá). De familia non se sabe se nobre mais si podente, a súa educación tivo que ser privilexiada a teor dos coñecementos enciclopédicos que demostra na súa obra; tivo que influírlle a amizade con Guido Cavalcanti, maior ca el e un dos máximos expoñentes do Dolce stil nuovo. Cando tiña nove anos ficou namorado platonicamente de Beatriz (de oito) ao vérense na rúa; volveu vela despois de nove anos, segundo el conta na súa primeira obra, Vida nova; o número nove é fundamental na estrutura da Comedia. En 1290 morreu Beatriz (que estaba casada con outro home); escribiu entón a Vida nova, unha especie de autobiografía do seu namoramento de Beatriz que mestura poemas e prosas explicativas destes; de non escribir a Comedia, Dante sería famoso por esta obra. Após un par de anos casou (matrimonio concertado) e tivo catro fillos. Participou en campañas militares, fíxose médico e boticario e iniciou unha carreira política nunha Florencia profundamente dividida en dous bandos (á súa vez divididos en máis faccións): os güelfos (partidarios do papa) contra os xibelinos (partidarios da preeminencia do emperador romano-xermánico). Pola súa implicación política ao máximo nivel foi condenado ao exilio de Florencia no 1302 co aviso de pena de morte se volvese pisar a capital toscana Xa nunca voltou á súa cidade natal. No seu longo desterro pasou por distintas cidades até afincarse en Rávena, onde morreu de malaria en 1321, aos poucos días de rematar a Comedia na que levaba traballando 15 anos.

Digo Comedia porque ese é o título que lle puxo Dante seguindo os principios aristotélicos dos xéneros literarios: a comedia é aquela que comeza mal e acaba ben. O título co que é universalmente coñecida o obra xorde con Boccaccio, quen a adxectivou, exitosamente, como “divina”. Di José María Micó[2] que hai dous tipos de obras mestras, as improvisadas, coma o Quijote, e as meditadas, como a Comedia; porque todo nesta obra está medido e axustado: un canto introdutorio ao que seguen tres partes (Inferno, Purgatorio, Paraíso) con 33 cantos cada unha, o que suma 100 cantos. Cada canto ten, amais, practicamente a mesma cantidade de versos, e os versos, hendecasílabos, agrúpanse en tercetos entrelazados de rima consoante, estrofa que inaugura o florentino. En canto ao argumento, trátase dun camiño de perfección: o autor/narrador, Dante, esperta no Inferno e o poeta latino Virxilio ofrécese a guialo polo alén, e acompáñao polos nove círculos do Inferno e os nove do Purgatorio até deixalo ás portas do Paraíso onde espera Beatriz. Borges, o máis romántico dos antirrománticos, sostén[3] que Dante escribiu a Comedia co único obxectivo de reencontrase coa súa amada. Polo camiño atopan todo tipo de personaxes, míticos, literarios, históricos e non poucos políticos e contemporáneos do autor con moitos dos que amaña contas e dos que se vinga literariamente. O poema é un prodixio literario, tan universal coma local, tan relixioso coma profano, poético e político, amoroso e cru, delicado e áspero, ateigado de pasaxes fermosísimas lírica e tematicamente, cunha linguaxe e unha poética poderosísimas, descaradas, innovadoras… O poeta estadounidense T. S. Eliot dixo nunha conferencia na que trataba de explicar que significaba para el o poema de Dante:

«Esa é a lección número un: que o gran señor do idioma debe ser o seu gran servo. A segunda lección de Dante —e é unha lección que ningún poeta, en ningún idioma que eu coñeza, pode ensinar— é a lección da amplitude da gama emotiva. […] Eu diría que o gran poeta non só percibe e distingue con maior claridade ca os demais homes as cores ou sons dentro do alcance da visión ou audición ordinarias; debe percibir as vibracións que non alcanzan os homes correntes e facerlles posíbel aos homes veren e ouviren máis matices nun e noutro extremo da escala do que poderían conseguir endexamais sen a súa axuda. […] A Divina Comedia expresa todo o que, como emoción —desde a desesperación da depravación á visión beatífica— é capaz de experimentar o home».[4]

E esas dúas leccións coido que se manteñen na versión galega que, sen desmerecer a ningunha outra obra, non se trata dunha tradución calquera, e voume atrever a dicir unha parvada, tendo en conta que só lin unha tradución ao castelán e outra ao galego: a de Darío Xohán Cabana é a mellor tradución que se fixo da Comedia e seguramente (aviso de boutade) a mellor tradución de calquera outro libro que se fixo á nosa lingua[5]. E refírome á súa segunda tradución da Comedia, a que publicou en 2014 na editorial familiar (Edicións da Curuxa), porque xa publicara outra no 1990 (Xunta de Galicia, publicación que provocou que a cidade de Florencia lle concedese a súa medalla de ouro), pero decidiu que non tiña o nivel necesario, así que fixo unha nova tradución completa. O mesmo caso co Cancioneiro de Petrarca: edición coa Xunta de Galicia en 1989 e nova tradución en 2012.

Darío Xohán Cabana (Roás, 1952; Romeán, 2021) é un dos grandes da literatura galega, mais nada vou dicir da súa extensa produción literaria agás unha cousa: de lermos a súa obra poética[6] dúas cousas fican claras: o seu dominio absoluto das formas clásicas e o seu aguzado sentido do ritmo e a musicalidade do poema. E esa habelencia zumega en cada verso da Comedia. Exemplo de tradutor-escritor, figura que el defende, o seu labor versionando en galego obras doutras linguas é escasa en número, mais extensa en versos e palabras:

Do toscano: o Cancioneiro de Petrarca; a Vida nova e A Divina Comedia, de Dante; Antoloxía do Doce Estilo Novo; As floriñas de San Francisco.

Do occitano: Os trobadores da Occitania.

Do francés: Os tres mosqueteiros, de Dumas; Xácome o fatalista, de Diderot; Claudine na escola, de Colette.

Defende Cabana que unha tradución da Comedia ten que respectar a estrofa, a métrica e a rima porque é o único xeito de achegarse ao orixinal, e así o fai. Deixo como breve exemplo este fragmento no que Ulises, atopado no Inferno, lle conta a Dante como arengou a súa tripulación sobre a virtude da procura do coñecemento (Inferno, canto vixésimo sexto, vv. 112-117):

 

“O frati”, dissi, “che per cento milia

perigli siete giunti a l’occidente,

a questa tanto picciola vigilia

d’i nostri sensi ch’è del rimanente

non vogliate negar l’esperïenza,

di retro al sol, del mondo sanza gente.

Considerate la vostra semenza:

fatti non foste a viver come bruti,

ma per seguir virtute e canoscenza”.

‘Ouh irmáns’, dixen eu, ‘que sodes vidos

entre cen mil perigos ó occidente,

á tan breve vixilia que ós sentidos

nosos lles queda xa de remanente

negar non lle queirades a experiencia,

seguindo o sol, do mundo xa sen xente.

Considerade a vosa procedencia,

pra vivir coma brutos non creados

si pra buscar virtude e coñecencia’.

 

Hai un artigo na revista Viceversa[7], “Sobre a fidelidade”, no que o poeta tradutor explica marabillosamente o proceso de tradución (neste caso do Cancioneiro, de Petrarca) co progresivo puído desacomplexado dos versos dunha canción.

Ah, e que edición a da Curuxa, cumprida con todo o que unha persoa lectora exixente lle pode pedir á tradución dun clásico: versión bilingüe, coa tradución na páxina dereita, e unha páxina esquerda dividida en dúas columnas, a dereita para o texto en toscano e a esquerda para as notas explicativas; e estas notas abranguen tanto aclaracións lingüísticas coma históricas ou de contexto. Principia o libro un limiar, breve, no que aborda a vida de Dante, unha introdución á Comedia e unha defensa da súa tradución, e remata o volume un amplo e precioso vocabulario con «varios centos de palabras non incluídas no dicionario da Real Academia Galega», mais que deberían estar, e tamén latinismos e arcaísmos.

Interior da edición da ‘Divina Comedia’ de Curuxa.

Vou findando este artigo algo atrapallado e chego á proposta doutras traducións do autor. Vertidas xa á nosa lingua a Vida nova e a Comedia, sería interesante termos en galego calquera das outras obras de Dante, coma as inacabadas Il Convivio, obra de carácter filosófico, ou De Vulgari eloquentia, unha reivindicación do uso poético da lingua vulgar fronte ao latín. Porén, vou pedir outra cousa: una nova edición da tradución da Comedia, unha accesíbel ao lector común que popularice a obra, unha edición de peto a un prezo modesto (40 € custa agora) á forza de, xaora, prescindir dos luxos da actual edición.

Agárdovos no inferno.

[1]Os artistas que ollaron para a Comedia son incontábeis, desde Botticelli até Dalí pasando por Doré. Eu gusto moito das ilustracións de William Blake. Interesante este Dante illustrato da Biblioteca Universitaria di Bologna ou o repositorio de case 2.000 imaxes da Cornell University Library.

[2]La “Comedia” de Dante, conferencia na Fundación Juan March.

[3]Nueve ensayos dantescos, Espasa Calpe, 1999.

[4]T. S. Eliot, O que Dante significa para min.

[5]Hai unha divertidísima historia das traducións da Comedia ás principais linguas romances do propio Darío Xohán Cabana n’A música das palabras. De lingua e literatura, 1990-2021 (Xerais, 2022, ver nota 7). É dos poucos artigos do libro que non se atopan publicados en revistas ou repositorios, así que tomo a liberdade de poñelo á disposición das persoas lectoras.

[6]Vinte cadernos (Poemas 1669-2002), Xerais, 2003; Cabalgada na brétema, Galaxia, 2006.

[7]Nº 1, 1995 (https://revistas.uvigo.es/index.php/viceversa/issue/view/157/54). Recollido n’A música das palabras. De lingua e literatura (1990-2021), Xerais, 2022; compendio de artigos, ensaios e conferencias, este libro faise fundamental para coñecer a cultura galega, nomeadamente a historia da nosa literatura e a tradución; hai unha recensión moi valiosa a cargo de Manuel Veiga Taboada:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *