‘Arte dexenerada galega’, certas confusións e algúns erros

Xesús González Gómez.
Blanca Paula Rodríguez Garabatos é a autora de Arte dexenerada galega. Catro exemplos fóra da España saudable, publicado por Galaxia no 2024 e premio Manuel Murguía de Ensaio 2023, premio convocado pola Deputación da Coruña. En verdade, nada coñecía de Rodríguez Garabatos, e o que acabo de ler dela non é aliciente para ler novas cousas (ou xa vellas) dela. Mesmo o título é incorrecto.
«Arte dexenerada galega?» Os e as artistas, pintores e pintoras, dexenerado/as son: Luís Seoane, Maruja Mallo, Manuel Colmeiro e Eugenio Fernández Granell. Catro nomes a ter en conta, aínda que para min o máis frouxo de todos é, precisamente, Fernández Granell. Arte dexenerada, evidentemente, para o franquismo, mais aquí hai un erro ou unha equivocación: se ben estes catro artistas podían ser considerados dexenerados polo franquismo, acho que a cousa non é pola súa arte, pola forma da súa arte, senón polo contido e polos temas. Arte dexenerada para os nazis, sábese, era a pintura moderna, dos impresionistas até, daquela, o dada, o cubismo, o surrealismo, a Bahaus e outros ismos menores. E a pintura abstracta. Esa era a arte dexenerada. Os catro pintores estudados, en principio, non pertencían, para o franquismo, á arte dexenerada: o problema era a súa posición política, e, sobre todo, a posición política da súa pintura. Durante o tempo do franquismo, a partir dos inicios da década de 1950, e ás veces un pouco antes, artistas (pintoras e pintores e escultoras e escultores «dexeneradas e dexenerados» expuñan nas salas de artes españolas, e a partir do devandito ano as institucións culturais españolas (franquistas todas) apoiaron a morte o informalismo, o lirismo abstracto, a pintura abstracta e toda caste de pintura que para entendela había que explicala. E arte dexenerada era toda arte que contivese (implicitamente, claro; explicitamente, xa se entende que ninguén ía expola, a non ser que tivese gana de ser hóspede dos cárceres) unha mensaxe social, política, xa que logo. O poder franquista aprendeu dos estadounidenses, do Congreso para a Liberdade da Cultura, subvencionado polos servizos secretos dos EUA, que apoiou toda vangarda aparecida despois de 1945 (agás os situacionistas) na súa loita pola hexemonía cultural, tanto en Occidente coma nos países de Oriente non dominados polos comunistas. (Sobre o tema da promoción/subvención da arte de «vangarda» polos servizos secretos estadounidenses e polas institucións franquistas, son de obrigada lectura: Las vanguardias artísticas en la posguerra española (1940-1959), de Gabriel Ureña Portero, Madrid, Istmo, 1982, e La CIA y la guerra fría cultural, de Frances Stonor Saunders, Barcelona, Debate, 2001 —desta última existe edición do Círculo de Lectores, Barcelona 2002, e diversas versións na rede—). Por outra parte, a partir de 1959, cando se leva a cabo o Plan de Estabilización (económica), a censura empeza a afrouxar, pouco, mais afrouxa, e así, en 1963 Luís Seoane exporá en España, en setembro, na Asociación de Artistas da Coruña, e en novembro no oficialista Salón de Bellas Artes, en Madrid, ben que para Bellas Artes Seoane era un pintor estranxeiro. Penso, ademais, que de seguro que non se expuxeron os cadros máis claramente antifranquistas ou antifascistas, polo que se demostra, máis unha vez, que a censura en pintura (e nas outras artes) se aplica ao tema, ao contido, nunca á forma[1].
Feita esta pequena aclaración, vexamos algo do que di a autora deste volume. No capítulo 2, «Arte saudable. Arte franquista» pódese ler: «A nova orde cultural, que se quixo crear a partir de 1939[2], centrouse obsesivamente no nacionalismo español e na relixión católica. O escritor e crítico catalán, Eugenio D’Ors (sic), xefe nacional de Belas Artes e secretario perpetuo do Instituto de España, converteuse na máxima autoridade en materia artística e impuxo o retorno do academicismo, a tradicións clasicista e as exposicións nacionais» (p. 18). Na páxina 21 lemos: «Fronte a esta arte decadente [a que se expuña nos salóns oficiais], que d’Ors aborrecía por ser ampulosa e groseira, a Academia Breve[3], a través dos chamados “Salones de los Once” […] pretendían educar o gusto das clases acomodadas, evitando a ridiculez académica e introducindo obras de artistas de vangarda».
Máis adiante, noutro capítulo, lese: «O movemento Surrealista, nacido oficialmente en 1924 coa publicación do “Manifesto do Surrealismo” de André Breton, politizouse cando Breton lanzou, en 1929, o seu segundo manifesto onde, para defender o grupo dos ataques do comunismo doutrinario en Francia, declarou que os seus colegas eran seguidores do materialismo histórico» (p. 24). Toda aquela, todo aquel, que lese unha mínima historia do surrealismo (a coñecida, por exemplo, de Maurice Nadeau) sabe que a «politización do surrealismo» comezou teoricamente en 1925, sendo o punto culminante ese ano da politización o panfleto titulado: «A revolución agora e sempre!», e que en 1927, en maio, aparece o folleto «Au grand jour» (a plena luz), asinado por Benjamin Péret, Pierre Unik, Paul Éluard, André Breton e Louis Aragon, pedindo aos seus compañeiros surrealistas que, coma eles, entren no Partido comunista. No Segundo manifesto do surrealismo o que hai, infelizmente, é un axuste de contas con todos aqueles que non entraron no Partido ou se afastaron del para formaren grupos de Oposición de esquerdas, como Pierre Naville ou Francis Gérard (Gérard Rosenthal). E a continuación continúa a escribir Rodríguez Garabatos: «En 1948, o surrealismo máis politizado aliouse co Partido Comunista Francés e, nese mesmo ano, Camus, Aragon, Abate Pierre (o abade Pierre era un crego, abade non é nome) e Merleau-Ponty, entre outros, asinaron un escrito contestatario (sic) titulado “Contre la répression en Catalogne”». En 1948 os surrealistas, os máis e os menos politizados, romperan co Partido comunista: un ano antes deran a coñecer a súa ruptura con tal partido cun panfleto titulado, precisamente, «Ruptura inaugural». En 1951 os surrealistas, con outros intelectuais franceses como Sartre, o mencionado Merleau-Ponty, Simone de Beauvoir, Camus, Daniel Guerin, Jean Lacouture, e un amplo etcétera, que inclúe o agregado cultural da embaixada mexicana en Francia, Octavio Paz, asinan o panfleto antifranquista: «Contra a represión en Cataluña». Quen escribiu o panfleto?: uns din que Camus, e outros, simplemente non se mollan sobre a súa autoría. O que é certo é que Louis Aragon, membro importante do Partido Comunista Francés non asinou ese texto, primeiro porque non llo presentaron, e segundo porque para o PCF os asinantes non eran máis que «salauds anti-communistes».
Na páxina seguinte, ou sexa, a 25, lese: «[…] en España, o auxe deste movemento [o surrealismo] produciuse durante os anos 30, en plena República». Auxe do surrealismo en España? En España o único grupo surrealista que existiu deuse nas Canarias, en Tenerife, todo o demais, a coña esa do surrealismo español, non é outra cousa ca invento de académicos ociosos. Houbo, si, certa influencia surrealista, pero moi frouxa ou tanxencial. Digamos, simplemente, que ningún libro de escritor ou escritora surrealista foi traducido a ningunha lingua peninsular entre 1924 e 1936, nin os manifestos de Breton nin nada de nada: poemas e textos soltos en revistas, catalás ou españolas (mesmo Manoel-Antonio traduciu diversos poemas de autores surrealistas, mais esas traducións ficaron inéditas até que as publicou Xosé Luís Axeitos no volume I, Prosa, da obra completa do rianxeiro[4].
Máis adiante, a falar de Granell, e da súa Elegia por Andreu Nin, afirma correctamente que este cadro «exemplifica a perfecta comuñón entre a ideoloxía trotskista, que preside a súa mocidade republicana, e o credo surrealista. […] Andreu Nin fora o líder da ocupación revolucionaria da compañía telefónica barcelonesa á fronte de varios anarquistas e poumistas que aspiraban a facer unha revolución non aliñada co estalinismo da URRS» (p. 32). Tal dato tírao a autora, segundo nota a pé, de Guadalupe Nettel, Octavio Paz. Las palabras en libertad. Pois ben, o dato está equivocado en canto aos feitos. A sede central da compañía telefónica en Barcelona estaba na praza de Catalunya co Portal de l’Àngel, e fora tomada o 18 de xullo de 1936 polos anarquistas, que eran quen dirixían tal lugar. Andreu Nin e os poumistas nada tiñan a ver, só cando a policía da Generalitat, acompañada dos membros do PSUC, intentou, en maio de 1937, tomar tal central, estalou o que se coñecen como «Feitos de maio de 1937», que acabaron coa ilegalización do POUM e co asasinato de Nin e outros revolucionarios (como Kurt Landau, trotskista, ou Camilo Berneri, anarquista, por só citar dous nomes dos máis coñecidos) a mans dos comunistas. Nin nunca entrou nesas datas nesa central nin dirixiu nada, á parte do seu partido. O POUM acompañou os anarquistas, pero non foron os líderes da revolta e ao ser unha forza minoritaria pagou, dito vulgarmente, «o pato».
Hai outros erros menores que non paga a pena matizar. Polo que respecta á interpretación das obras dos catro pintores mencionados, como non son un experto en pintura, e como difiro dabondo das interpretacións que entrega Rodríguez Garabatos, a empezar pola concepción de «vangarda», calo, porque se non a cousa podía alongarse demasiado e máis ca unha discusión a cousa podería acabar nun diálogo entre xordos.
♦ Arte dexenerada galega. Catro exemplos fóra da España saudable, de Blanca Paula Rodríguez Garabatos, Galaxia, 2024. 146 páxinas. ♠17,35€
[1] Podemos pór un exemplo límite. Os debuxos de Castelao (a maioría de Cousas da vida, os debuxos de negros, os seus óleos, eran doadamente asumíbeis polo franquismo, tanto pola forma como polo, digamos, fondo. Nada, xa que logo, de arte dexenerada. En troques, os debuxos de guerra, Galiza Mártir, Atila en Galiza, Milicianos, de seguro que os podían considerar arte dexenerada, aínda que me inclino por asegurar que os considerarían arte demagóxica, política comunista, etc. Non eran tan parvos coma algúns e algunhas acreditan. Por outra banda, os intelectuais franco-falanxistas adoitaban ser «os primeiros da clase». Outra cousa eran os intelectuais saídos do nacional-catolicismo ou das fileiras miliares ou carlistas.
[2] Que se creou, acho eu.
[3] Fundada polo dito d’Ors.
[4] Manuel-Antonio, Obra completa. Prosa, A Coruña, Real Academia Galega-Fundación Barrié, 2021, edición e notas de Xosé Luís Axeitos Agrelo. Jesús García Gallego publicou dous libriños: La recepción del surrealismo en España (La crítica de las revistas literarias en castellano y catalán), Granada, Antonio Ubago Editor, 1934, e mais Bibliografía crítica del surrealismo y la generación del veintisiete, Málaga, Centro Cultural de la Generación del 27, 1989. O primeiro é un estudo sobre a recepción deste movemento en revistas españolas e catalás. O segundo unha bibliografía de libros e artigos e ensaios sobre os temas que van no título publicados en España até 1989. Digamos que non recolle nada do publicado até esa data en Galicia: nin os escritos de L. Santiso Girón, nin os de Cunqueiro, nin os doutros autores. Antes de 1969, en España non se publicou ningún libro dos grandes nomes do surrealismo, a non ser cousas de Dali, pero do Dalí xa non surrealista. Sobre o surrealismo en España fixéronse estudos e antoloxías que son puros despropósitos. Para unha clarificación, ver Caleidoscopio surrealista, de Miguel Pérez Corrales.






