BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Eva tomando o sol’, Francisco Castro en estado puro

Francisco Castro.

César Lorenzo Gil.

Eva tomando o sol é unha novela curta que narra unha sinxela peripecia: Henrique, un famoso escritor de 80 anos, viúvo e sen máis familia ca a súa axente literaria francesa, decide retirarse a unha aldea para suicidarse. Mais alá descubrirá o pracer sexual e o amor e haberá final feliz.

A novela é moi “castriana” (mellor así, como un xentilicio; castrista é outra cousa), especialmente por dous motivos: Un narrador moi intervencionista que interrompe acotío a acción para facer reflexións das máis diversas naturezas, e unha ollada a medias amable a medias cáustica sobre o sentido da vida. É unha novela quizais menor no seu propio deseño e alcance, pero sólida e entretida, que se le con agrado.

Ese narrador torrencial, entremetido e dabondo exasperante, é o mellor desta novela. Malia que Castro usou del en gran parte da súa novelística, até o punto de convertelo nunha das súas marcas de estilo, nin sempre conseguiu que funcionase. Mais nesta obra conseguiu atoparlle o punto perfecto. Seguramente porque opera como un alter ego do propio protagonista, ese autor consagrado e canso que pensa que o seu tempo no mundo acabou. “Máis que vivir como galegos, como defende o Gadis, aquí somos máis de Morrer como galegos” (p. 31). Consegue o autor con gran pericia enfiar nesas cativas digresións alta e baixa cultura, deitar referencias máis ou menos populares sobre filosofía (especialmente sobre filosofía), literatura ou antropoloxía con graza, no punto de equilibrio perfecto que acae en cada ocasión. Cunha ollada próxima, diáfana, didáctica no sentido de querer ser accesible para todos os públicos. É certo que ás veces cae nalgún tópico, sobre todo no referido ao ethos rural galego, pero moitísimo menos do que se cae actualmente na literatura galega actual.

O argumento, á parte de sinxelo, é do tipo reconfortante. Se o separásemos do estilo narrativo até podería servir como base para un deses telefilmes alemáns que adoitan emitirse nas tardes da fin de semana na televisión en aberto. É nesa dimensión onde a novela é máis feble. Si funciona o personaxe de Henrique, especialmente na primeira parte, porque a pesar de parecer un clixé, corresponde con moitos escritores reais, próximos a quen, coma o autor, coñece de primeira man a comunidade literaria. Pero os demais son case figurantes, con pouco percorrido. A novela queda sen antagonista, e iso fai que quede en algo así como un divertimento. Esa sensación de enredo ten dous puntos moi febles.

Un, o papel do sexo na novela. O protagonista ten sexo cunha muller trinta e cinco anos máis nova. “Por primeira vez na vida, probou o sabor dunha cona, mellor usar esta palabra que vulva, tan aséptica, cona é máis fermosa” (p. 99). Aínda que debería ser un dos temas que se explorasen de maneira máis profunda no libro, todo queda un pouco edulcorado, na tona. Non se xera conflito narrativo nun aspecto que era propicio. Todo queda esquemático, inverosímil, condescedente ás veces.

Tampouco afinou o autor no desenlace. Á parte de previsible, quizais por querer rematar a novela rápido, privouse dalgúns xiros que, polo menos, mantivesen certa intriga. O tema que parecería rexer a novela (a idea do suicidio e a súa relación coa literatura) acaba, polo tanto, convertido nun McGuffin. De feito, apenas cambiaría nada se esa cuestión pasase a ser secundaria na trama.

Eva tomando o sol, de Francisco Castro, Galaxia, 2025. 148 páxinas. ♠17,25

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *