‘Ventre de madeira’, retrato da Compostela universitaria

Eva Moreda.
Resúltame curioso que, sendo Compostela unha cidade universitaria ben recoñecida mesmo a nivel internacional, non sexa este un aspecto que dea demasiado xogo nas nosas letras: mesmo a literatura popular podía atopar aí unha especie de filón, pero non triunfou en demasía, aínda que haxa excepcións como Campus norte (2018), de Lito Vila Baleato. Tampouco hai moito do que na literatura anglosaxoa se chamou campus novel. Se cadra co precedente (en castelán, e literatura daquela maneira) de La casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín, ten habido un rexeitamento do motivo literario, unha vontade de distanciarse e de facer outra literatura. Neste sentido, resultoume de sumo interese a lectura da novela Ventre de madeira (Xerais, 2025), de José Carou, Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2024.
Por veces, máis que novela estamos ante unha especie de fresco da Compostela dos oitenta e primeiros noventa: a Compostela de promoción universitarias masificadas que posteriormente alixeiraron bastante. Si que se podería dicir que na novela hai unha trama na que se mesturan o persoal e o académico, pero as máis das veces (os máis dos capítulos ou sección abondo breves) non se trata de avanzala, senón de engadir un trazo máis ao retrato.
Debo dicir que por veces dei en preguntarme se a trama, digamos máis familiar, tamén máis tópica, tería abondo interese e pulo coma para soster a novela por si mesma; a min, persoalmente, ás veces pareceume un engadido. Pero isto pode ser tamén pola solidez e atractivo da outra cara da novela: a académica. Hai aquí un afán por tecer un mapa estudantil de Compostela con nomes e referencias xa coñecidos (a discoteca Clangor, de triste memoria; os edificios universitarios históricos antes da expansión do campus) con outros menos (diversas rúas do Ensanche, non moi bonitas, pero de prezos módicos), pero penso que aquí o acerto está sobre todo nese retratar máis que novelar; no mesturar memoria e experiencia cunha galería ben nutrida de referencias de alta, media e baixa cultura (sobre todo cine, pero tamén literatura, filosofía, ciencia, deporte).
Aínda que, como dixen ao comezo, a Compostela universitaria non foi un espazo literario de demasiada fortuna nas nosas letras, un emparellamento obvio desta novela é con A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro (Galaxia, 2015). Ambos os libros (o de Piñeiro máis orientado cara ao ensaio memorialístico máis que á ficción) comparten un elemento que me semella un descubrimento, que é un xeito de contar case en primeira persoa de plural (no caso de Piñeiro máis literal, no de Carou máis figurado) que non pretende erixirse en testemuña xeracional, pero si que pon o persoal e o colectivo man a man.
♦ Ventre de madeira, de José Carou, Xerais, 2025. 152 páxinas. ♠17,95€






