Xosé Ramón Pena: “Hai conceptos como o de ‘Séculos Escuros’ que os historiadores actuais matizamos”

Xosé Ramón Pena (Betanzos, 1956) é unha das figuras centrais da cultura galega actual. Narrador, ensaísta, crítico, historiador da literatura, responsable do suplemento ‘Faro da Cultura’… Pena foi o convidado das ‘Conversas Biosbardia’, sección patrocinada pola libraría Cartabón, de marzo do 2026.
O autor rememorou a súa relación coa literatura. Punto chave da súa biografía foi unha hepatite que sufriu cando neno: “Estiven fóra de combate catro, cinco meses. Daquela, o único que se podía facer era ler. Lin todos os tebeos do mundo, que me traían os meus pais e amigos que aínda hoxe conservo, como o escritor e crítico Estro Montaña. E foi aí onde collín a afección pola lectura”.
Xa durante a súa etapa universitaria, Pena cultiva amizades tamén moi duradeiras, coma a que establece con Xosé Luís Méndez Ferrín, e participa activamente na actividade cultural da súa época. Coñece e trata a Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor e Ánxel Fole, entre outras personalidades. No 1977 publica o seu primeiro libro de poesía canda Miguel Anxo Mato Fondo e Francisco Salinas Portugal, e comeza unha simpática performance canda Anxo Rei Ballesteros: “Un día díxome que el el mais eu tiñamos que facer actos para renovar as letras galegas. Consistían en que eu empezase dando un discurso teórico, moi teórico, citando a Kristeva, Barthes, Todorov… Se me escoito agora coido que me pegaría un tiro. E a continuación ía Rei Ballesteros citando a Bukowski, Kerouac, Ferlinghetti… A xente quedaba estupefacta”.
O escritor recordou o ambiente social de Galicia cando gañou o Premio Xerais, no 1987 coa novela Para despois do adeus. “Daquela gañar ese premio dábache moita visibilidade. Recordo que me invitaron á TVG e coincidín como invitado con Miguel Bosé”.
Pena explicou que vive o proceso creativo con certo desacougo: “Unha vez que teño clara a historia, o que me gustaría é rematala xa, pecharme nun cuarto e acabala nunha noite”.
Amais do seu perfil creativo, Pena fundou e dirixiu o suplemento ‘Faro da Cultura’, que se publica no Faro de Vigo todos os venres e que recentemente publicou o seu número 1.000. Del destacou o seu talente reflexivo e a diversidade de voces que o compoñen: “Sempre fun consciente de que hai que abrir o suplemento a outras persoas e que teñan outras vivencias, outros mundos e outras idades. Non sempre é doado porque hai certas inercias e cómpre estarmos atentos para evitar que haxa reiteracións”.
Tamén tivo tempo o autor de explicar o seu magno proxecto da Historia da literatura galega, da que xa saíron catro volumes, e anunciou nesta entrevista que xa empezou a traballar no quinto, desta volta en coautoría co investigador, escritor e crítico Mario Regueira.
Pena defende nese traballo que determinados conceptos tradicionais no estudo historiográfico galego, como os Séculos Escuros ou a Xeración Nós necesitan revisión. “Hai certos mitos que non obedecen a unha mala intención de quen os impulsou, pero son mitos que os novos historiadores matizamos. A cuestión dos Séculos Escuros obedece, coido que cada vez está máis claro, a unha visión do galeguismo que nun momento determinado xulga a Idade Moderna en termos de contraposición a unha Idade Media que aparentemente foi unha época dourada, antes da famosa doma e castración do Reino de Galicia”.






