BiosBardia

O país dos libros en galego

Xosé M.ª Álvarez Cáccamo: “Hai estados de ánimo propicios para escribir poemas”

Xosé M.ª Álvarez Cáccamo. JOSÉ GORÍS.

O poeta Xosé M.ª Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) estivo na libraría Cartabón no mes de xaneiro, dentro da serie ‘Conversas Biosbardia. Os oficios do libro’, para repasar a súa traxectoria vital e literaria. O escritor reflexionou sobre o acto de facer poesía: “Un poema aparece, aparece de súpeto. Moitas veces en situacións inesperadas. Bastantes veces na ducha, mentres camiñas, nos soños. Pero eu escribo sempre do mesmo xeito. É dicir, no mesmo lugar, que é a miña mesa de traballo. Apenas escribo fóra da miña casa… E sempre pola mañá e a man”. “Coido que o misterio da creación só se pode estudar, e acabará por coñecerse moi ben, desde o punto de vista da neuropsicoloxía. Non podemos falar de musas, que, evidentemente, é un concepto bastante superado, pero si coido que existen, como dicía Valente, momentos de hiperconciencia, é dicir, hai estados de ánimo propicios para escribir poemas”.

Para Cáccamo, eses poemas que “aparecen” veñen cargados de ritmo: “No meu caso, esa pauta musical sempre vén da man dunha determinada emoción, e é no proceso de reescritura cando intento eliminar aquilo que non está funcionando ben desde o punto de vista musical”.

O escritor recordou a súa mocidade literaria: “Cando cheguei a estudar a Santiago eu era coñecido como Pepe, o poeta, o que significa que eu debía dar bastante a lata… Supoño que dando manuscritos, asistindo a recitais… E eu reafirmeime moito no meu desexo de ser escritor; valeume moito a lectura de Cartas a un poeta mozo, de Rilke. El di algo así como que ‘se unha noite te decatas de que non podes pasar unha noite sen escribir un poema, daquela, ti es un poeta’. E eu sentía en verdade unha necesidade vital. Escribía todos os días e devoraba algúns poetas (Celaya, León Felipe, Neruda…), aínda non galegos”.

Na entrevista, Cáccamo lembrou o seu pai, o tamén escritor e editor Xosé M.ª Álvarez Blázquez. “El tiña unha biblioteca galega moi interesante e pedinlle, cando eu tiña 19 ou 20 anos, que me emprestase libros de poesía galega do século XX. E levei uns vinte libros. Linos todos, e cando regresei díxenlle que houbera dous que me chamaran especialmente a atención. Un era Paisaxe en rocha viva, de Eduardo Moreiras, e outro era, Arredores, creo, de Antón Tovar”.

Malia pertencer a unha familia de artistas (á parte do seu pai, Xosé M.ª Álvarez Cáccamo é irmán de Afonso Álvarez Cáccamo e de Berta Cáccamo, xa infelizmente falecidos, escritor e pintora, respectivamente; e tamén de Celso Álvarez Cáccamo, o autor afirmou que a súa infancia, en Coruxo, foi bastante “parecida á doutros nenos da miña xeración”. O interese do escritor pola relación entre a súa familia e a literatura é evidente. De feito, acaba de publicar un libro onde rastrexa a produción artística dos seus devanceiros. “Atopei ao redor de douscentos títulos escritos por membros da nosa familia”.

https://youtu.be/Ii6_InV5hac

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *