BiosBardia

O país dos libros en galego

Unha entrevista a Castelao na Bretaña

Castelao e Virxinia Pereira.

Xesús González Gómez.

Durante a súa estadía en Bretaña para estudar os cruceiros daquel país, Castelao foi entrevistado no xornal Le Nouvelliste de Bretagne, Maine, Normandie, Anjou. Quotidien regional, xornal fundado en decembro de 1901 e desaparecido en setembro de 1944. Foi creado polos bispos bretóns para contrarrestar a influencia do xornal, tamén católico, mais liberal, L’Ouest éclair. Despois de cambiar de mans, mais sempre ultracatólico e reaccionario, o xornal, en 1924, cando gañou as eleccións o denominado Cartel de Esquerdas (esquerda burguesa, colonialista e antiobreira), o xornal achegouse á ultrarreaccionaria e monárquica L’Action Française, dirixida por Charles Maurras. Cando este foi excomungado por Roma, houbo liortas entre a propiedade do xornal e os bispos bretóns. En 1936 apoiou o levantamento militar en España. Durante a ocupación nazi de Francia, o seu papel non foi moi claro, de aí que desaparecese en setembro de 1944 dando paso a outro xornal, xa comprometido coa Resistencia e coa democracia cristiá.

O entrevistador, que mantivo até a desaparición do xornal a sección en que publica a entrevista co Castelao: Courrier de la Basse Bretagne, asinaba co pseudónimo de Tadir, mais era ben coñecido na Bretaña e no movemento nacionalista bretón. Chamábase François-Joseph-Claude Jaffrennou (1879-1956), era un escritor e político, bardo do movemento neodruídico e autor dunha ampla obra en bretón. Foi detido en 1944 pola Resistencia, acusado de delatar a diversos gaullistas e de denunciar e escribir contra os xudeus, o que, en realidade, non era certo (o da delación de xudeus; o dos gaullistas, malia as posteriores defensas dos nacionalistas bretóns, non está tan claro). Con todo, a súa actuación de 1939 a 1944 foi un pouco escura. Visítense os diversos sitios na rede en que se fala del e da súa obra.

Sobre a entrevista, xulguen vostedes mesmos, pero as palabras do autor de Cousas sobre os militares, sobre a caste militar, hoxe, aínda que fosen declaracións feitas a un medio estranxeiro, valeríanlle ser imputado pola Audiencia Nacional (antigo Tribunal franquista de Orde Pública).

 CORREO DA BAIXA BRETAÑA

 Entrevista a un viaxeiro de Galiza: o senor (sic) Castelao. O movemento catalán, o galego – O que Castelao pensa dos Bretóns.

 O venres 26 de xullo recibía a visita do Señor Alfonso Castelao, doutor en medicina, home de letras e artista pintor en Pontevedra, na Galiza. Ía acompañado da súa dona.

Alfonso Castelao é un home de 44 anos, alto, moreno con ollos azuis, do máis puro tipo irlandés. Percorre dende hai dous meses a Baixa Bretaña, onde persegue dous fins, facerlle esquecer á súa esposa a morte recente do seu fillo único, de 15 anos, e estudar a arte relixiosa do noso país para comparala coa arte española e galega.

O señor[1] Castelao é, con efecto, o director artístico da Revista Nós, órgano do Seminario de Estudos d’Estudos Gallegos (sic). É coñecido en España e Portugal como escritor e debuxante.

Inútil dicir que nestas condicións non ten tempo para exercer a medicina «porque se un avogado, nos di o señor Castelao, ten o dereito a facer versos, sen perder un cliente, un médico que quixese aliar as letras ao exercicio da medicina, vería como todos os enfermos o tomarían por un ignorante.»

Alfonso Castelao estivo en Quimper, Pont-L’Abbé, Douarnenez, Moriaix, Plougastel-Daoulas, Saint-Pol-de-Léon, Carbaix, e irá a Guingamp, Lannion, Tréguier, Saint-Brieue, Pontivy, Auray, Carnac, para chegar dende alí a París e a Galiza.

No curso dun rápido paseo que fixemos xuntos en Kergloff para admirarmos a vidreira de 1490 que decora a igrexa, e o Calvario rústico en granito que representa por un lado a Cristo e polo outro a Mater Dolorosa que sostén o seu fillo baixándoo da cruz, tema frecuente tamén nos Calvarios de España, o líder [leader] galego, que se expresa nun francés fluído, cativoume cos seus vastos coñecementos. Aínda que temendo desvirtuar o seu pensamento, reproduzo o esencial da nosa conversa, cuxos aspectos máis destacados poden interesar a todos os nosos lectores.

Temos en Galiza, di o señor Castelao, un movemento racial[2], chamémoslle rexionalista, se vostede quere, en todo semellante ao voso, cos seus extremistas e os seus moderados. Mais dende a Ditadura de Primo de Rivera, as xentes con opinións federalistas son considerados como republicanos, e en España ser republicano significa revolucionario e todo o que ten de peor.

Non obstante os españois son naturalmente un pobo democrático, pero é máis o nome que a cousa o que se abomina.

Moitos dos nosos rexionalistas chámanse federalistas respectando a forma monárquica. Mais o federalismo, mesmo monárquico, é sospeitoso. O último congreso federalista realizouse hai cinco anos en Barcelona e reuniu cataláns, galegos e vascos, agora está prohibido.

Vivimos baixo un réxime absolutamente tiránico, onde incluso está prohibido pensar e escribir sen orde. Así a prensa, mesmo o libro, están sometidos á visa da censura, da censura militar. E esta aínda é unha sorte, pois sabemos que todo o que é militar é de esencia brutal, inintelixente.

En xeral, os censores militares son moi ignorantes: non comprenden moito o que se di con medias palabras. Dado que os escritos non os desconcertan pola súa forma expresiva, deixan pasar o escrito[3] porque non entenden nada.

Este Réxime durará moito tempo?

Sen dúbida, porque o ditador está sostido polo exército, que forma un Estado dentro do Estado, e tamén pola Igrexa, agás en Cataluña. Os oficiais forman unha aristocracia privilexiada, unida polas Xuntas.

Mais necesitan vostedes un exército?

É unha tradición decorativa. Así, o servizo obrigatorio existe en España, como en Francia.

En Francia enténdese, xa que teme as invasións periódicas de Alemaña, mais paréceme que España, que non ten colonias, que está protexida polo mar e os Pireneos, goza de perfecta seguridade e podería contentarse con forzas de Policía.

Seguramente! Mais vostede non ten en conta as boas oportunidades que este oficio lles achega aos fillos das boas familias. En todo caso, o Exército continúa a ser a grande Institución de España e é nel que Primo de Rivera se apoia para manter o seu réxime.

Non é que a Ditadura de Rivera sexa sanguinaria. As prisións non rebordan de sospeitosos. É máis ben ao pensamento ao que nos referimos.

As festas, os xogos, os desfiles son alentados; o traballo está protexido; a relixión florece; pódese ir dun sitio a outro libremente; as artes e as letras desenvólvense: mais non se pode expresar a mínima idea de cambio social. Coido que Primo de Rivera é un home moi intelixente: nel a brutalidade militar está vernizada de galantaría andaluza, mais, en xeral, o pobo español, moi pasivo, moi tradicionalista, acomódase a este estado de cousas. Os intelectuais sofren!, sobre todo en Cataluña e en Galicia, onde existe o movemento autonomista de que lle falaba.

Cal é a diferenza entre Cataluña e vostedes?

Os cataláns son máis extremistas nas súas opinións ca os galegos.

Cataluña posúe grandes cidades populosas onde os partidos poden organizarse. Galiza é pobre, composta de aldeas e pequenas cidades. En Cataluña a burguesía fala catalán; en Galiza soamente o pobo fala galego. A alta sociedade, o clero pasáronse ao español: predícase nesta lingua a campesiños que a ignoran.

Roma non lle ordenou ao clero catalán predicar tamén en español?

Si e non. A demanda do ditador, Roma ordenoulle ao clero de Barcelona expresarse en español nas igrexas a causa das autoridades e da alta sociedade que asisten aos oficios. Mais esta medida non se estendeu ao campo, onde só se fala catalán. Xa lle dixen que os curas cataláns son moi autonomistas. En Barcelona, os púlpitos eran tribunas antiespañolas: de aí as medidas esixidas por Madrid.

Cataluña pode esperar liberarse?

É imposíbel predicir o futuro. O que é certo é o desenvolvemento continuo do espírito nacionalista neste país. Malia todas as tentativas abortadas, malia a persecución e a proscrición, Cataluña proclama a súa fe no seu destino. O movemento ten agora como xefe o señor Francisco (sic) Cambó, antigo ministro de Finanzas, un home extremadamente rico, que construíu en Barcelona un edificio de 5 millóns de pesetas, onde instalou servizos, bibliotecas, museos, salas, a disposición dos militantes.

Pagoulles aos autores para traducir ao catalán as 60 obras mestras mais belas das literaturas grega e latina[4].

Ah! Se nos tivésemos tal mecenas en Galiza… Mais, repítollo, nosoutros somos soamente algúns intelectuais desinteresados que intentamos espertar a conciencia nacional no pobo galego, e só podemos facelo baixo o disfrace da literatura e das artes a causa da hostilidade permanente dos poderes públicos.

Pero vostedes son máis portugueses do que españois. O seu destino sería, acho, incorporarse a Portugal.

Nunca España consentira deixarnos de boa gana. Evidentemente, a nosa lingua é puro portugués e Galiza considérase como a patria de orixe dos portugueses (Portus Gallicae). En América do Sur, onde galegos e portugueses emigran en masa, forman grupos homoxéneos. Os nosos compatriotas emigrados apoian o noso renacemento lingüístico e grazas a eles o noso Seminario d’Estudos Galegos pode publicar edicións artísticas.

Cando as súas simpatías se viraron cara aos bretóns?

Durante moito tempo ignoramos a Bretaña. Nós proclamámonos celtas, unha póla esgazada do tronco galo en España, mais as nosas olladas dirixíanse sobre todo a Irlanda. Unha tradición común aos galls de España e aos gaels de Irlanda quere que no pasado houbese emigracións de Galiza a Erín e que sexamos consanguíneos.

É polo tradutor de obras mestras portuguesas ao francés, o señor Philéas Lebesgue, que os nosos letrados comezaron a se interesar pola Bretaña francesa. Nós estudamos o voso movemento, seguimos as vosas publicacións desde hai uns anos, e agora os nosos sentimentos transfórmanse nunha certeza. Xa non se permite ningunha dúbida: Galicia e Bretaña son dous países semellantes en todos os puntos, como vestimenta, costumes, vivenda, música, supersticións populares (non temos exactamente as vosas gaitas?).

En fin, a arte relixiosa, a escultura das igrexas e dos calvarios, procede dunha inspiración idéntica que só pode explicarse polo parentesco afastado das orixes da raza.

Regreso da miña viaxe a través de Bretaña cunha masa de documentos e de esbozos que utilizarei nas nosas publicacións e nos nosos xornais para dirixir os nosos compatriotas cara a Bretaña. Ver Bretaña é ver unha segunda Galiza de Ultramar. No canto de ir a Italia ou Alemaña, aconsellarémoslles aos nosos turistas que veñan aquí…

Bretaña é todo un mundo. É pequena no mapa e dise: vereina nunhas poucas semanas. Que sorpresa atopala tan diversa e variada! Cando se pasa de Pont-L’Abbé a Roscoff, cóidase que se cambiou totalmente de pobo. Pódese crer que se pasaron fronteiras e de feito só hai unhas poucas leguas. Aquí, a cada paso, a paisaxe, o tipo humano, a vestimenta, a arte, todo cambia coma nun filme rápido: e para coñecermos Bretaña farían falta varios anos.

Teño a impresión de que a lingua bretoa está moi viva. Nas igrexas sempre oín predicar en bretón. Se o clero está a favor da lingua, é unha forza para ela.

Sen dúbida ningunha. Temos mesmo dous bispos bretoantes, en Quimper e en Vannes, e dous bretóns de orixe, en St.-Brieu e Nantes.

Teñen sorte. Entre nós, en Galiza, é Madrid quen nomea os bispos e é un español quen ocupa a sé arcebispal de Santiago de Compostela.

Vou empezar a estudar o bretón. Na miña próxima visita, lereino. Non virei só, acompañaranme varios dos meus compatriotas.

Traten de facer coincidir esas excursións con algún gran congreso ou festival bretón. É preciso que vostedes vexan os bretóns nas manifestacións do seu sentimento nacional.

É necesario que se acheguen aos nosos militantes dispersos, que loitan por unha causa moi similar á que move tantos pequenos pobos absorbidos polos grande Estados.

É necesario que todos os esforzos das pequenas nacionalidades de Europa se concentren cara a unha acción común, e que os gobernos de quen dependemos escoiten as nosas reivindicacións. A unión fai a forza. Veremos sempre con pracer os celtas de Galicia e de Cataluña procurar amizades en Armórica: tales contactos só poden ser fecundos, aínda que só sexa reunindo homes que comparten un mesmo ideal, cuxas aspiracións nunca poderán ser freadas polas fronteiras artificiais ou naturais. Por enriba das patrias convencionais e políticas, as afinidades de raza celta, de relixión católica, de poesía e de arte, son terreos en que a intelixencia se encontra a si mesma e se ri dos obstáculos achegados polas ditaduras bárbaras á expansión da liberdade e o espírito.

TALDIR

Le Nouvelliste de Bretagne, Maine, Normandie, Anjou. Quotidien régional catholique. 12 de agosto de 1929.

[1] No orixinal francés M., é dicir, Monsieur.

[2] No orixinal, «un mouvement raciste», penso que aquí alguén se expresou mal, e que Castelao quería dicir, claramente, «racial», no sentido que se lle daba a este termos no anos 1920 e anteriormente. Termo que usaban, por exemplo, os anarquistas e mesmo algúns movementos que se reclamaban do marxismo e que non eran, como non o era o galeguismo, racistas.

[3] No orixinal esprit (espírito),mais penso que Castelao debeu pronunciar algo erroneamente récit (escrito, relato) ou que o entrevistador non entendeu ben.

[4] A cousa non foi exactamente como a explica Castelao.Cambó fundou a Fundació Bernat Metge para traducir ao catalán os clásicos latinos e gregos. Hoxe, tal fundación, leva publicados mais de 450 títulos e continúa a publicar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *