De María Solar a Stefan Zweig. Dez libros para xuño do 2026

César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
As malas ideas, de María Solar. Xerais
Elías volve a Ferrol para enterrar o pai. Ordenando o seu legado descobre que o vello estaba a fabricar unha bomba. Con este atractivo punto de partida, a escritora e xornalista televisiva demostra dotes para a comedia costumista. O contraste entre o mundo profesional de Elías (a produción audiovisual profesional) e un mundo que esmorece produce momentos de humor e drama, cun ton vitalista.
O silencio redimido, de Silvio Santiago. Galaxia
Reedición dun “pequenos clásicos” da literatura galega do século XX. Publicada orixinariamente no 1977, tres anos despois da morte do seu autor, esta novela está inspirada nas propias vivencias de Santiago, que fuxiu de Galicia fuxindo da represión fascista. A obra lese hoxe máis como un testemuño histórico que polas súas calidades literarias, aínda que o autor de Vilardevós demostra pulso para a narración de aventuras e personaxes.
O amor dos homes avulsos, de Victor Heringer. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
Esta foi a derradeira novela que publicou o autor brasileiro, falecido con 30 anos. Esta novela conta a relación, no Rio de Janeiro da década do 1970, entre Camilo e Cosme. Mais o relevante desta obra non é a trama, senón a gran capacidade de Heringer para xogar coa lingua até case estrangulala. Usa diferentes rexistros con grande audacia e dá gusto deixarse levar polo seu particular xeito de contarnos o que ve, o que pensa, o que lle sucede.
Un intre no tempo, de X. L. Franco Grande. Galaxia
O subtítulo é “Poesía reunida. 1967-2017”. Baixo a edición crítica e notas de Teresa Seara publícanse por xunto os catro libros de poemas de Xosé Luís Franco Grande: Entre o si e o non (1967), O tempo á espreita (1987), Xoguetes do tempo (2015) e O libro das abandonadas (2017). Unha boa oportunidade para reivindicar unha das figuras centrais das nosas letras, quen, na súa faceta poética, optou por padróns clásicos e moi fieis á nosa tradición.
Escolas na e coa natureza, de Corine Martel e Sylvain Wagnon. Tradución de Isabel Soto. Kalandraka
Novo título da excelente ‘Biblioteca de Pedagoxía’. Baixo o subtítulo de “A revolución pedagóxica do século XXI”, os autores reparan na historia do ensino “na natureza” (as Forest Schools ou as ideas de Élisée Reclus) e como actualizar esas ideas ao ensino do tempo de hoxe. Unha proposta ecoloxista para repensar os límites da aula e o relacionamento coa contorna natural.
O pazo das marismas, de Alberte Blanco Casal. Xerais
Blanco Casal converteuse en especialista en quedar finalista do Premio Xerais. Conseguiuno no 2017 c’O Códice esmeralda e mais tamén no 2025 (canda Olaia Sendón) con esta novela de corte popular e enfoque clásico que nos leva ao tempo no que Galicia observaba, con menos distancia da que parecera, o acontecer da I Guerra Mundial.
Oito ensaios sobre Rosalía, V. A. Galaxia
Este volume forma parte da colección ‘Biblioteca 75 anos’. Orixinariamente publicouse no 1952. María Do Cebreiro Rábade Villar encárgase do ensaio introdutorio desta nova edición. Reúne achegas históricas sobre a escritora compostelá de Luís Pimentel, Teixeira de Pascoaes, Ricardo Carvalho Calero, Domingos García-Sabell, Jacinto de Prado Coelho, Celestino Fernández de la Vega, Ramón Piñeiro, Juan Rof Carballo e Salvador Lorenzana (pseudónimo de Francisco Fernández del Riego).
Andrómenas e credos, de Calros Solla. Morgante
O subtítulo é ben elocuente: “Suma mitolóxica de Cerdedo e Montes” e súmase á colección ‘Cerdedo in the Voyager’ que xa conta con 27 títulos. Voluminoso libro de máis de mil páxinas no que Solla plasma todo o saber popular da comarca da Terra de Montes a través da pescuda tanto en materiais escritos coma orais. Unha auténtica enciclopedia universal dun átomo da nación, unha empresa magnífica e ambiciosa que racha moitos tópicos.
Oso, de Henrik Pontoppidan. Tradución de Marta Dahlgren e Alejandro Tobar. Hugin e Munin
Premio Nobel de Literatura no 1917 (canda Karl Gjellerup), o dinamarqués Henrik Pontoppidan aínda nunca vira ningunha das súas obras traducida ao galego. Oso é unha novela de apenas 70 páxinas que conta a historia do pastor luterano Thorkild Müller tras ser destinado a unha vigairía en Groenlandia. Publicada orixinalmente no 1887, reflicte con mestría un personaxe complexo, capaz de inspirar na súa comunidade de fieis respecto e desprezo por mor do seu carácter túzaro, coma o dun oso.
Tres mulleres, de Stefan Zweig. Tradución de María Alonso Seisdedos. Galaxia
Este volume reúne as novelas breves: Medo, Vinte e catro horas na vida dunha muller e Carta dunha descoñecida. Estas obras están entre as máis famosas do escritor austríaco. Agora aparecen en galego nesta edición conxunta que busca cinxir as tres figuras protagonistas femininas, cada unha diferente, pero moi representativas da psicoloxía feminina explorada por Zweig.






