BiosBardia

O país dos libros en galego

De Xabier Quiroga a Neera. Dez libros para maio do 2026

Xabier Quiroga.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

Alguén ao lado, de Xabier Quiroga. Xerais

O narrador recibe unha pasaxe de avión a Marrakesh e unha estraña mensaxe que o fai viaxar a África. Alí recuperará o contacto co seu pasado e intentará recuperar o tempo perdido. Esta novela amosa a capacidade de Quiroga para crear personaxes e reproducir a lingua oral máis informal. Todo o texto está contaxiado dunha apetecible levidade sustentada no sentido do humor.

No recanto das horas, de Xavier Carro. Galaxia

Este volume recolle 20 contos dun autor veterano, non demasiado prolixo, mais que pasou á historia da literatura galega pola xa mítica As calexas do cigurath. Neste monllo de relatos, de corte clásico, onde a narrativa busca un equilibrio entre dúas fascinacións: a da memoria e a da descuberta. Textos ben construídos e cun resaibo nostálxico que lles queda ben.

A saga do desarraigado, de Francisco Antonio Vidal. Morgante

Non se publican moitas novelas históricas en galego, e menos aínda de tema vikingo, malia a sona destes navegantes nos últimos tempos grazas á televisión e ao cinema, e a pesar de que a súa relación con Galicia foi evidente. Polo que hai que celebrar esta novela, que remite desde o seu título ao xénero épico escandinavo para contarnos, en primeira persoa, a historia de Nuno, ou Ivar Penca Negra, medio normando medio galego que desde a Xutlandia do século XI, na actual Dinamarca, soña con descubrir a terra dos seus devanceiros.

Menstruación en marcha, de Gloria A. Calvo e outras. Tradución de Iago Nicolás. Kalandraka

Gloria A. Calvo, Camila Lynn e Agostina Mileo encárganse dos textos e Martina Trach das ilustracións. Libro divulgativo sobre a menstruación dirixido principalmente ás nenas que están a piques ou acaban de ter o período. Está estruturado con preguntas básicas sobre a regra e engade algunhas curiosidades. O obxectivo da obra é normalizar un proceso que, malia ser íntimo, condiciona a vida das mulleres moitos anos da súa vida.

A ditadura portuguesa contra Castelao, de Antonio Iglesias Mira. Galaxia

“Ricard Salvat en Coimbra 1968-1969′ é o subtítulo deste libro que parte da tese de doutoramento do seu autor. Mais este ensaio case se le coma unha novela: No ano 1968, o director de teatro Ricard Salvat é convidado á Universidade de Coimbra para tomar conta do grupo de teatro universitario para o que empezou a preparar, como un dos seus primeiros espectáculos, unha montaxe sobre “Castelao e a súa época”. Mais a obra nunca chegou a representarse.

Correr, de Jean Echenoz. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Unha novela curta sobre un mito moderno: O atleta checoslovaco Emil Zátopek, alcumado a “Locomotora Checa”. Echenoz, que está considerado un dos grandes nomes da nova novela histórica francesa, recrea a vida do deportista lendario seguindo o seu habitual estilo. Gusto polo detalle, combinado co minimalismo expresivo, influencia da linguaxe xornalística e historiográfica e gran habelencia para recrear o ambiente do tempo da acción narrativa.

Tempo de correspondencia, de Xesús Fraga e Xerardo Quintiá. Xerais

Hoxe disque ninguén escribe cartas. Polo menos non para metelas nun sobre e envialas a través dunha caixa de correo. Mais a literatura epistolar segue viva. E ben viva. Así o demostran Fraga e Quintiá neste curioso libro no que ambos os autores se envían cartas. O máis interesante é que a “trama” das cartas é coma unha estada inestable, que pasa duns temas a outros con espontaneidade; do ton informal ao literario coma quen cae no sono e empeza a soñar de repente. Gran foto de portada, por certo.

Menos que humano, de Osamu Dazai. Tradución de Gabriel Álvarez Martínez. Galaxia

Unha nova xoia para a colección ‘Literaria Universal’, desta volta unha das grandes obras da literatura xaponesa do século XX, a máis famosa do seu autor, que se suicidou canda a súa namorada no 1948 con só 39 anos. Yozo Oba conta a súa propia historia, que é, en parte, a do propio autor da novela, a dun neno “raro”, criado nunha rica familia e sometido desde cativo á certeza de que non encaixa no mundo que o arrodea.

Mulleres empilladas, de Patrícia Melo. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Pouco e pouco, o público galego vai tendo acceso á literatura contemporánea escrita en Portugal e o Brasil, traducida ao galego. Desta volta, Rinoceronte publica unha novela brasileira multipremiada que trata o grave problema dos feminicidios no país americano. A protagonista é unha avogada que necesita fuxir de São Paulo para esquecer unha relación de maltrato. En Acre, Estado amazónico próximo ao Perú, enfrontarase a situacións terribles de desigualdade e abuso ao tempo que terá que recordar os seus propios traumas.

Teresa, de Neera. Tradución de Isabel Soto. Hugin e Munin

Neera é o nome literario da italiana Anna Maria Zuccari e esta é a súa novela máis celebrada. Publicada no 1886, pódese cualificar como obra protofeminista, que revela as dificultades das mulleres do século XIX para poder cumprir cos seus desexos e obxectivos, atenazadas por un patriarcado que as reprimía tanto na esfera pública coma na privada. A novela está escrita con elegancia e precisión, cun ritmo moi áxil e un estudo profundo dos seus personaxes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *