George Orwell, o visionario
Clásicos en galego

Marcos Taracido.
«Ningún libro está realmente exento de posicionamento político. Opinar que o arte debería estar ao marxe da política é en si unha actitude política».
George Orwell, Homenaxe a Cataluña
O sistema editorial ao redor dunha lingua minorizada, para ser saudábel, ademais, abofé, de ter calidade de seu, ten que cumprir dúas premisas: publicar clásicos da literatura universal e estar ao día das novidades máis salientábeis do panorama internacional, tanto dos autores de prestixio coma dos best-séllers. En ambos os casos, o albo é o mesmo: que as persoas lectoras non teñan que escoller a edición na lingua dominante por non ter a opción na súa lingua, que ao entrar nunha libraría a oferta de clásicos e novidades estea en igualdade de condicións entre a lingua minorizada e a hexemónica. É unha obviedade que o sistema editorial galego apenas ofrece os éxitos internacionais e, excepto algunha honrosa e meritoria excepción, cando o fai é cunha demora considerábel con respecto á edición en castelán. Non vou abondar na causa principal: falta de compromiso político para reverter unha situación histórica de lingua asoballada. No entanto, coido que se pode afirmar que a edición de clásicos en galego é digna e importante, aínda que tamén é certo que moitas das publicacións veñen da época en que as subvencións eran máis xenerosas (ou existían polo menos). Pois ben, comezo con este artigo unha serie na que vou falar deses clásicos da literatura universal que están publicados en galego. E non, non penso entrar a definir que é un clásico.
A fascinación por Orwell
O meu plan para iniciar esta serie era outro, mais a serendipidade puxo nas miñas mans unha novela que me fixo lembrar canto gozara coa súa lectura cando era mozo, e decidín lela outra vez pensando que aquela entusiasta lectura adolescente non superaría a ollada avellentada polos libros e os anos do meu eu actual. E Animal Farm non só non quebrou as miñas expectativas, senón que me levou a ler outros dous textos de George Orwell: Homage to Catalonia (na edición en castelá) e Nineteen Eighty-Four. Inauguran, pois, esta serie sobre clásicos publicados en galego as dúas novelas do autor inglés:
A revolta dos animais, Positivas, 1996; tradución de X. Antón López Dobao
1984, Faktoría K, 2011; tradución de Fernando Moreiras

George Orwell (nado Eric Arthur Blair na India colonizada, no 1903; morto en Londres no 1950) adquiriu ben cedo conciencia de clase como estudante bolseiro en colexios para nenos podentes; e nos cinco anos que exerceu de policía militar en Birmania (hoxe Myanmar) observou os abusos e inxustizas do colonialismo. Desde novo inclínase a apoiar as clases traballadoras e desfavorecidas, forxando unha ideoloxía vacilante entre o socialismo e o anarquismo. Convencido antifascista, no 1937 alístase como miliciano no bando republicano, asignado ao POUM (Partido Obreiro de Unificación Marxista) na fronte de Aragón. Ferido de bala no pescozo, na retaguarda é testemuña das loitas internas entre comunistas e anarquistas e de como todos, mais especialmente os primeiros, utilizan a mentira para manipular a información e obter o control. Lendo Homenaxe a Cataluña, onde narra todos estes feitos, vese con claridade como a experiencia española marcou toda a súa obra posterior.
Animal Farm é publicada no 1945. Antes de continuar: ademais da edición de Positivas hai unha de Faktoría K do 2010, en tradución de Fernando Moreiras; non sabería dicir cal me gusta máis, así que deixo ao final un mesmo fragmento de ambas as traducións. O que si prefiro é o título de Moreiras, A granxa dos animais, fiel ao orixinal; supoño que a elección de López Dobao ten que ver co título tradicional en castelán, Rebelión en la granja. Ben, a miña lembranza da lectura adolescente, feita sen contexto nin coñecementos extratextuais, é a de ter lido unha obra a prol da liberdade e a igualdade, unha obra contra o poder. A relectura actual non refuta aquela e sigo a pensar o mesmo, a pesar de saber que Orwell retrata a revolución rusa e a súa decadencia. A novela é preciosa, sensíbel, de prosa sinxela e de estrutura perfecta, tan conmovedora coma triste e desolada. E se deveu nun clásico é precisamente por mostrar con precisión e crueza como o poder pode corromper e lixar o máis honesto dos proxectos. E porque os personaxes, que son evidentemente arquetipos, non fican só niso senón que desbordan personalidade e humanismo.
1984 publicouse no 1949. Trátase dunha obra moito máis complexa, e aínda que Orwell mantén a súa prosa directa e sobria, a sociedade futura que constrúe require dunha descrición demorada e intricada. Para entender por que se converteu nun clásico cuxos temas e tropos seguen a repetirse unha e outra vez abonda coa presentación: un mundo totalitario no que todo está prohibido, no que cada recuncho está vixiado por grandes pantallas/cámaras (o Irmán Grande), no que a verdade está en constante manipulación e todo está sustentado nestes tres slogans:
A GUERRA É PAZ
A IGNORANCIA É FORZA
A LIBERDADE É ESCRAVITUDE
Poderían estar asinados por algún dos actuais líderes mundiais, non si? Nesta sociedade estase a crear unha nova lingua, a novafala, que simplificará o mundo até o punto de que construirá unha nova realidade e imposibilitará «calquera outra forma de pensamento». Orwell desenvolve en 1984 unha especie de segunda parte de Animal Farm: sobre as cinzas do fracaso do proxecto igualitario, a rebelión fracasada, edifícase, como evolución natural que usa, ademais, os mesmos mecanismos manipulativos da verdade, un totalitarismo perverso en cuxa ficcionalidade identificamos moitas das eivas e perigos das nosas democracias. Xa agora, recomendo encarecidamente o documental de Raoul Peck 1984: 2+2=5 (Francia, 2025), un ensaio visual con textos de Orwell que explora a vixencia da súa obra visionaria no mundo actual.
Por tanto, ambas as novelas son perfectamente actuais, lense con facilidade e apréndennos sobre nós e sobre o mundo que estamos a construír. E fano en galego.
Quero rematar estes artigos sobre os clásicos en galego cunha proposta de publicación relacionada cos libros tratados, e neste caso non podía ser outra que Homenaxe a Cataluña, primeiro porque lles dá sentido e prologa as dúas obras mestras de Orwell, e segundo polo seu valor intrínseco, porque é un gran libro no que o autor británico retrata un momento convulso, irracional ás veces, sorprendente sempre, e faino desde unha honestidade intelectual admirábel, cuestionándose a si mesmo a miúdo e non conformándose nunca cunha única versión dos feitos. Queremos esta obra en galego.
Versións comparadas da tradución dun fragmento de Animal Farm | |
| Positivas, X. Antón López Dobao | Faktoría K, Fernando Moreiras |
| Tres días despois, o vello Maior quedouse con acougo no leito. Enterrárono na horta. Foi a principios de marzo. Nos tres meses que seguiron houbo moita actividade secreta. O discurso de Maior déralles ós animais máis intelixentes da granxa unha perspectiva da vida radicalmente nova. Non sabían cando se ía producila revolta anunciada por Maior, non tiñan razóns para crer que puidese ocorrer durante as súas vidas, pero sabían ben que era o seu deber preparala. O traballo de aprendizaxe e de organización dos outros animais recaeu loxicamente nos porcos, considerados os máis intelixentes. Entre eles destacaban dous verroallos chamados Snowball e Napoleón, ós que criara Jones para vendelos. Napoleón era un marrán voluminoso de aspecto bastante fero, o único berkshire da granxa… | Ao cabo de tres noites, o vello Comandante morreu tranquilamente mentres durmía, e o seu corpo foi soterrado cabo do pomar. Aquilo aconteceu a principios de marzo, e nos tres meses seguintes houbo moita actividade secreta. O discurso de Comandante déralles aos animais máis intelixentes da granxa unha nova perspectiva sobre a vida. Non sabían cando se produciría a Rebelión que predixera Comandante, e non tiñan motivos para creren que acontecería en vida deles, pero vían moi claro que tiñan o deber de estar preparados. O labor de ensinar e organizar os demais recaeu nos porcos, como era natural, pois considerábase que eran os máis listos dos animais. Entre os porcos destacaban dous bácoros chamados Folerpa e Napoleón que o señor Jones críaba para a venda. Napoleón era un porco berkshire, o único desa raza que había na granxa… |







