Na procura de Andrei Voznesenski (II)

Xesús González Gómez.
Que eu saiba, Voznesenki nunca foi traducido, nin editado, «autonomamente», é dicir, en volume individual en España. Non sei en antoloxías de poesía rusa. Ou en revistas ou xornais, aínda que as miñas catas en xornais e revistas españolas nunca dei cunha tradución dun poema do ruso, o que non quere dicir que non existan. Nin en catalán. Nas dúas grandes antoloxías de poesía rusa publicadas neste idioma: Guillem Nadal: Antologia de poesia russa (Palma de Mallorca, Editorial Moll, 2000, edición ao coidado de Gerard Adrover Thomas; é unha nova edición, aumentada con traducións inéditas, dunha antoloxía co mesmo título, publicada pola mesma editorial no 1981. Nadal, diplomático de profesión, morreu en 1976, en Zúric, polo que as antoloxías son póstumas). Nesta antoloxía, que contén unha grande cantidade de poetas, non aparece, para nada, Voznesenski. A outra antoloxía, aparecida na colección Les Millors Obres de la Literatura Universal (2) (MOLU), da que saíron 183 títulos, Poesia russa contemporània (Barcelona, Edicions 62, 1991), edición de Ricard San Vicente, diversos tradutores, a escolma era ben pequena, aínda que interesante, velaí os autores escollidos: Valeri Briusov, Aleksandr Blok, Nikolai Gumiliov, Anna Akhmatova, Boris Pasternak, Osip Mandelshtam, Marina Tsvetaeva, Vladimir Maiakovski, Sergei Esenin.
O de 2 significa que os libros aparecidos nesta colección eran de autoras e autores do século XX. Antes, MOLU publicara 50 títulos que van dende o século XIII, até o XIX, ambos incluídos. Nestas coleccións, por exemplo, saíron os volumes Poesia galaico-portuguesa (1984), edición de tradución de Josep María Llopmart (escolma que vai dende os trobadores até o século XIX: poetas galegos e portugueses), e, tamén ao coidado e tradución de Llompart: Poesia gallega, portuguesa e brasilera moderna (1988). Lectoras ou lectores curiosos poden ver os títulos publicados na entrada que lle dedica a Wikipedia á colección.
En Galicia, en libro, non temos ningunha tradución de Voznessenki, e, polo que sei, tampouco contamos con ningunha antoloxía de poesía rusa ou soviética. Ora ben, en xornais e revistas si apareceron traducións de poemas, deste poeta. E, comparado co resto do Estado, moi cedo.
Citemos por de aparición
Xornais: Faro de Vigo: «Walki-talki», 9 de abril de 1963, sen nome de tradutor mais evidentemente é Cunqueiro
El Progreso: «Eu esílome en min…», 14 de marzo de 1971, tradutor: Xesús G. Gómez. Velaí a «presentación» e mais a tradución do poema:
«Andrei Voznessenki é hoxe en día o millor poeta con que conta a literatura soviética. Pasado o resprandor de Eutuchenko empeza a dárselle a Voznessenki o seu real valor: a primeira pluma lírica da Unión Soviética. Hoxe presentamos un dos seus poemas traducido do francés[1]
EU ESÍLOME EN MIN…
Eu esílome en min eu son o meu arrabaldo
Estou en Mikhailovskoïé[2]
alampan os meus piñeiros voltos a pechar
sobre a miña face turbia coma un espello
naufragan os pulos e as pérgolas.
Eu son o río i eu son o universo
que pasa inda máis aló do meu horizonte.
tres soles roxos sanguean antre
tres bosquiños tremantes coma vidros
tres mulleres locen nunha soia
coma caldeiros un dentro do outro
unha me quere e ri a gargalladas
e outra báteme as aas
e a terceira nun curruncho
alporizada coma un carbón ardente
non me perdoa.
E inda se quere vengar
E a súa ollada alomeame coma unha candea
No fondo dun pozo.»
Faro de Vigo: «Nosa Señora de Kazán», 11 de xuño de 1972, asinaba a tradución Manuel Mª Seoane, é dicir, Álvaro Cunqueiro.
Revistas: Grial, nº 23, xaneiro-marzo 1969: «A voce vibrante de Andrei Voznessenki», Micaela Misiego (estudo e traducións). Os poemas traducidos son os seguintes: «Gran fogo na Escola de Arquitectura», «A lileira, “Moscou – Varsovia”», «Primeiro xelo», «¿Quén es ti?», «¿Ónde estás?», «Bella Akhmadulina» –poema dedicado á ex-muller do seu amigo Yevgeni Yestushenko–, «Balada DO.», «Interior», «Estructuras», «Un principio», «Voce de negro & bongos», así como fragmentos de poemas en verso e prosa, e tamén fragmentos do «Caderno de notas» do poeta. É dicir, unha moi boa representación da poesía de Voznesenki e un excelente estudo da súa poesía.
As versións do poeta ruso fíxoas Micaela Misiego a partir das versións ao inglés do poeta W. H. Auden.
Pasando ao plano persoal, debo dicir que cando lin (que debeu ser por abril ou maio do afastado 1969) ese ensaio e esas traducións chamaron a miña atención sobre o poeta ruso, do que nas librarías barcelonesas non atopei ningún libro, nin en castelán, nin en catalán nin en francés. Meses despois, xa en 1970, non sei como, non o lembro, souben dunha antoloxía de Voznesenski publicada pola Dom Quixote de Lisboa. Debeu ser grazas aos libros portugueses que me regalaba Basilio Losada, un deles era O Poeta apresenta o Poeta, de Vinicius de Moraes (segunda edición), publicada na colección Cadernos de Poesía da devandita Dom Quixote. O libro traía os números publicados nesta colección, e entre eles consignábase Antimundos, de Voznessenki. Non lembro como, supoño que lle dixen a Basilio se mo podía comprar (compraba libros portugueses que lle enviaban por correo), e ao cabo dunhas semanas tiña comigo o exemplar do libro do poeta ruso. Foi comprado na Livraria Sá da Costa, de Lisboa, e, a lapis, está consignado o prezo, que non lle borrei, 25, supoño que escudos, que daquela, se mal non lembro, era algo así como cada escudo dúas pesetas ou dúas cincuenta.) Ou, talvez, mo trouxo de Portugal o lector de portugués da Universidade de Barcelona, Joaquim Matos Chaves, que sería brutalmente asasinado no 1992. Matos Chaves era un tipo estraño –non soubemos nunca, por exemplo, que tamén era pintor e crítico de arte–, e circulaba en Barcelona, en certos medios, que era axente da PIDE, o que non acredito, xa que despois do 23 de abril non foi «molestado».
Antimundos é unha escolma de diversos poemas, algúns fragmentados, de Voznessenki. Conta con dúas páxinas iniciais, antes do título, en que se dá unha biografía do poeta. Vén despois do título (que reproduce a portada) unha ficha do libro, en que se di: «Versão de Armando Silva Carvalho, feita sobre a tradução directa do ruso de Clara Schwarz da Silva». A presentación, asinada por Silva Carvalho, titúlase «Ya Gòya», titulo dun poema do ruso, que se traduce nesta escolma: «Goya». En total tradúcense once poemas e dous fragmentos do longo poema «Oza». Como curiosidade, digamos que só un poema dos vertidos ao portugués fora vertido ao galego por Micaela Misiego (lembrémolo, dende a versión inglesa de Auden). Vexamos as diferenzas (avisemos que na versión francesa se fala de Institut d’ Architecture e conta, como a «galega», con máis versos que a versión portuguesa).
Gran fogo na escola de Fogo nas Belas-Artes
Arquitectura
¡Hai un gran fogo Há fogo en Belas-Artes!
en Arquitectura! Nas aulas, nos desenhos
¡Aquelas grandes sáas! Como gritos de amnistia través das grades
¡Aqueles deseños todos nós gritamos: Fogo!
a arder! ¡coma cartas de amnistía
a arder! ¡a arder! Na frente adormecida
impúdica, insolente,
Coma un gorila de cú bermello há uma janela a arder,
alá enriba na fachada durminte – vermelha, chamejante!
a fenesrra
desenrodelándose, bruando Apresentamos já as nosas teses
pra loitar – pra se abrir é agora a vez de as defender.
ó fogo! E debaixo dos pesos, nos armários,
são os meus trabalhos que crepitam!
Estivéramos estudando
pra os derradeiros eisámenes, sí; Whatman – rasgado
As miñas teorías van ruxendo nun rubro cair de folhas!
na ben pechada Os meus projectos ardem
arqueta – e ardem as cidades!
Coma unha inorme botella Alimentada a petróleo
de kerosee – a chama devorou cinco anos –
cinco vrans, cinco invernos cinco Verões e cinco Invernos…
refoléanse en chamas Karinotcha Kracilnikova
Ouh miña doce Karen, repara como nós ardemos!
Ouh nós estamos ardendo!
Adeus, ó Belas-Artes!
As pequenas notas Deixai arder à vontade
pra margallar nos eisámenes, as festas os presèpiozinhos cos seus amores
todo se vai, foise, arriba, arriba e todos eses céus de rocoço!
nestas chamas –
Alí estás ti, bermella Ó juventude, ave do paraíso,
no vieiro dos morodos – ó ave louca,
Adéus, adéus! O teu diploma transformouse en chamas!
¡Qué che vaia ben, Arquitectura! Agora é tempo de nos separarmos.
¡Qué vos vaia ben en chamas A vida – un punhado de cinzas.
cortes das vacas con pequenos Cupidos, Todos nós ardemos.
barrocas Caixas de Aforro! Ardemos porque estamos vivos.
Ouh mocedade, ou Fénix.
E amanhã, nos dedos que desenhem
Ouh parvo, en chamas uma abelha irá deixar o seu veneno:
vaise o teu certificado final! a ponta dun compasso
Ouh mocedade, ti moves o cú, em mãos cruéis.
nunha faldra bermella, ou mocedade
ti moves demáis a túa lingua – …Mas tudo ardeu já completamente.
Entre suspiros.
Que che vaia ben, tempo de tanxelar Tudo acabou! E tudo recomeça!
lindeiros! Isto é vida E o melhor é irmos ao cinema.
– trasladar a alguén dun fogo
a outro – todos nós estamos 1958
en chamas, ti vives –
ti estás en chamas!
¿Qué rabilas, que cables?
nacerán neste fogo –
atoparse
as follas de Papel de Watman
coma os primeiros sulcos do esquí?
Pero mañá, grallando
coma un paxaro diabólico
máis irritado que unha vespa
atoparáse un par de compases
nunha presada de cinzas, e
picará…
Xa todo se queimou agora,
mui ben.
Todos
alentan fondamente, libres.
Rematóu todo?
Todo empezóu!
Agora, imos ver
aquela película.
Voznesenki foi tamén autor teatral, infelizmente nunca vin representados textos nin teatralizacións de poemas seus. No libro colectivo, Lioubimov. La Taganka (Paris, CNRS), dirixido por Béatrice Picon-Vallin, Claudine Amiard-Chevrel, nun estudo sobre as sobre «montaxes poéticas» realizadas no Teatro de La Taganka, do que era director Iuri Liubimov, nos anos 1960-1970, escribe entre outras moitas cousas – o seguinte: «Se A boa persoa de Se-Tchuan, de Brecht, constituíu un auténtico manifesto do teatro novo, Os Antimundos [de Voznesenki] abre unha páxina orixinal e fecunda: a teatralización de poemas, confirmando que estes están feitos para seren escoitados e vistos publicamente, e non só lidos en privado. Inicialmente, trátase dunha lectura única de poemas de Voznesenski, na que o autor participa xunto cos actores. A acollida é tan cálida e os actores tan entusiastas que se elabora un espectáculo, mais sen a colaboración dramatúrxica de Voznesenski, que continúa de viaxe. A dobre temática de Antimundos contrapón a vida soviética ao Occidente capitalista: complétase cunha serie de oposicións: prosaico/poético, tráxico/satírico, real/fantástico .[…] e dez anos representarase oitocentas veces Os Antimundos, enchéndose sempre as salas»[3].
[1] A tradución estaba feita a partir da versión francesa publicada nas páxinas de «Le Monde des livres», suplemento de libros do vespertino parisiense Le Monde. Suplemento do que tamén Cunqueiro traduciu diversos poemas aparecidos nel. Como non escribín no seu día, e como hoxe non conto no meu arquivo con ese suplemente, non lembro quen foi o tradutor francés do poema.
[2] Lugar onde foi desterrado Pushkin.
[3] Claudine Amiard-Chevrel: «Les montages poétiques», in Béatrice Picon-Vallin: Lioubimov. La Tanganka, París CNRS.






