Blanca Riestra: “O meu ritmo interno de escrita acomódase mellor ao galego”

Blanca Riestra (A Coruña, 1970) é unha das escritoras galegas máis recoñecidas, tanto pola súa obra en castelán coma pola súa narrativa en galego. Na sección ‘Conversas Biosbardia. Os oficios do libro’, que tivo lugar na libraría Cartabón (patrocinadora desta iniciativa), debullou canda o director de Biosbardia, César Lorenzo Gil, a súa traxectoria persoal e literaria.
Riestra falou dos seus avós. Por parte paterna, a autora procede de José Riestra, marqués de Riestra, e por parte materna dun dos arquitectos máis importantes da historia recente da Coruña, Eduardo Rodríguez-Losada. Tamén recordou que a súa nai, Rosario Rodríguez-Losada Trulock, era curmá por parte de nai do escritor Camilo José Cela, e que a presenza do Premio Nobel foi habitual na súa casa.
Aludiu a certa pegada xenética das artes na súa familia. “Creo que todos temos algo que nos leva por vías complicadas e, en moitos casos, ás veces destrutivas, porque os traballos artísticos todos sabemos que en ocasións son insatisfactorios porque non obtés os resultados esperados. Son traballos a moi longo termo que implican dificultades económicas e sociais e que, ao mesmo tempo, te comen a cabeza”.
Lembra a autora a súa fixación adolescente pola poesía: “A min non me gustaban os cantantes de reguetón, encantábame Miguel Anxo Fernán-Vello
A escritora recordou como a marcha a Compostela para estudar supuxo un cambio moi feliz na súa vida. “Alí vivín os anos máis felices da miña vida. “Lembro aquelas aulas cheas de poetas. Todos os meus compañeiros escribían. E eu tamén. Escribía en galego, na revista Ólisbos“.
Desa experiencia xorde a súa primeira novela, Anatol e dous máis (publicada en castelán no 1996, traducida ao galego e editada por Galaxia no 2023). “Publicouse en Anagrama, que xa daquela tiña moita importancia. Eu estou convencida de que se a mandase directamente non ma publicarían nin de broma. O que pasa é que daquela, o meu irmán Eduardo saía con Blanca Andreu, a poeta, que era viúva de Juan Benet. Eu déralle o manuscrito ao meu irmán, e ela leuno, sen que eu o soubese, e decidiu mandarllo a Jorge Herralde. E Herralde díxolle que si… No mundo cultural, moitas cousas teñen que ir que ver cos xogos de poder, pero tamén hai fenómenos que parecen auténticos e inesperados. Supoño que conviven ambos os feitos”.
“Levo escribindo trinta anos e nunca pensei en deixalo”, afirmou Blanca Riestra. “Estou satisfeita coa miña traxectoria, e interésame moito seguir mellorando. O exterior vai e vén. Se estamos pendentes do que sucede fóra de nós, perdemos o tempo”. A escritora explicou como funciona a súa literatura. “Eu teño o meu mundo e non dependo de modas”.
Riestra reflexionou sobre a influencia do compoñente do xénero tamén na actividade literaria: “Para as mulleres, participarmos na esfera pública, supón unha violencia entre o xeito no que nos educaron e o que se necesita para enfrontarse á esfera da industria. Penso que escribir é un acto político para as mulleres”.
A autora explicou por que decidiu empezar a escribir en galego. “Cando volvín a Galicia pareceume evidente escribir literatura en galego. Foime difícil porque tiven que ‘aprender’, non só a través a lectura, senón tamén a través da escritura”. Riestra dixo que coincidía con Álvaro Cunqueiro en que a lingua galega aínda permite unha maior liberdade para o creador. “O meu ritmo interno de escrita acomódase mellor ao galego ca o castelán, e iso que eu escribín moitos libros en castelán. Pero síntome máis cómoda e máis libre… Se reparas nos autores galegos que escribiron en castelán, como Valle-Inclán, decátaste de que el se está traducindo constantemente. O castelán de Cunqueiro está calcado do galego”.






