BiosBardia

O país dos libros en galego

Por que lle chamaron Vitiza a un puticlub?

Antigo Club Vitiza, do Porriño.

César Lorenzo Gil.

O que non puideron varias operacións policiais, puídoo a pandemia. O puticlub Vitiza, situado moi perto da A-52 á altura do concello do Porriño, pechou de vez. Hoxe en día, o edificio, con aires de restaurante de vodas e demais banquetes, xa non ten nin o rótulo e parece improbable que ninguén queira rehabilitar un dos lugares cun historial máis sinistro da historia recente de Galicia, cun homicidio incluído, o que tivo por vítima a Karen Vargas no 2007. Tamén innúmeras redadas policiais por prostitución, trata de brancas e abusos sexuais a menores. Mais desta volta non teño interese en recoller en Dona Orraca a historia do club de alterne senón entender por que no seu momento, antes incluso de ocupar este local, alguén decidiu bautizalo como Vitiza.

Vitiza foi o penúltimo rei visigodo antes da invasión dos musulmáns no 711. Foi un rei famoso cuxa sona traspasou os séculos. Un nome que ecoou na historiografía galega en diferentes períodos.

Vitiza era fillo do rei Exica e da princesa Cixilo, filla, á súa vez, do tamén rei visigodo Ervixio. Segundo a Crónica de Afonso IIIo 694 Exica cedeulle a Vitiza o control do que fora o reino suevo, é dicir, a Galecia, onde afianzou a súa influencia, vivindo en Tui. De facto, a tal crónica considera que pai e fillo cogobernaron, un sobre hispanos desde Toledo, o outro sobre galaicos, desde Tui. Tras a morte de Exica, Vitiza foi rei único dos visigodos até a súa morte, no 710 ou 711.

Daquela, o nome de Vitiza está vinculado con Tui, provincia eclesiástica á que pertence O Porriño. Velaí unha posibilidade de por que alguén, na década do 1980, decidiu bautizar un puticlub co nome do antigo soberano. A presenza de Vitiza entre os galegos foi recorrente.

A propia crónica de Afonso III refire unha sublevación de nobres galegos contra o seu poder (seguramente cando foi deposto polo golpe de Estado de Froilán) na segunda metade do século IX durante a cal o dux rebelde Vitiza, terratenente con propiedades en Tui, mais tamén ao sur do Miño e na actual provincia de Ourense, é vencido, tras unha guerra de sete anos, por Hermenexildo Guterres, un dos condes máis fieis á dinastía de Oviedo, conde de Coímbra, sogro de Ilduara e avó de San Rosendo.

O historiador Amancio Isla considera que o nome Vitiza é moi estraño na onomástica altomedieval e que a súa presenza destacada nas crónicas desta sublevación pode explicar que existía unha liñaxe herdeira daquel primeiro Vitiza que se mantivo no poder na zona miñota durante case dous séculos, sen que no seu dominio interferise a invasión dos árabes.

O eco de Vitiza continuou. O historiador allarizao Felipe da Gándara, que viviu no século XVII, estaba convencido de que unha inscrición por el atopada en San Venancio de Queiroás (Allariz) correspondía co epitafio a tumba do rei Vitiza. O malo foi que ninguén máis deu lido naquel baixorrelevo cousa ningunha, nin referente a Vitiza nin a ningunha outra cousa.

Mais esta querenza por Vitiza que vemos presente na historia de Galicia é suficiente para xustificar bautizar un puticlub con tal nome?

Talvez a explicación haxa que buscala na fama do propio rei Vitiza que os cronistas ovetenses lle foron poñendo.

Na Crónica Silense, escrita seguramente ao redor do ano 1118, o rei Vitiza é acusado de “se entregar á lascivia e á voluptuosidade da carne”. Xa antes, na devandita Crónica de Afonso III, o rei é chamado de depravado que andaba con moitas mulleres a un tempo e se arrodeaba de concubinas. Un putañeiro, vaia.

Claro que esta fama apuxéronlla as crónicas, escritas por relixiosos, xunto con outra: que non atendeu as sedes episcopais e que obrigaba os bispos e presbíteros a contraeren matrimonio. Para Isla, esta acusación pode ter a ver cunha potente polémica que na volta do reino de Vitiza se deu no conxunto da Igrexa, pola intención dos bispos influídos por Constantinopla (e polo tanto do poderoso Imperio de Roma de Oriente, ou Bizantino) de permitir que os membros eclesiásticos puidesen casar, algo que se vía moi mal en Occidente e que seguramente provocou un debate de alta virulencia.

As crónicas, aínda por riba, culparon a Vitiza durante moito tempo da perda do reino. Fora a súa lascivia e afastamento da Igrexa o que levara aos seus fillos: Alamundo, Waquila e Artobas, a aliarse con Tarik, o africano e permitir a “perda de España”.

Foi, xa que logo, a sona de mullereiro, pervertido e cochón o que motivou que Vitiza, na cultura popular se xungase a un lupanar de baixa estofa? É outra posibilidade.

Só quen lle puxo o nome sabe a verdade. Era un historiador metido a proxeneta? Ou talvez perviviron —século tras século, clandestinos tras a vitoria dos condes de Afonso III no século IX— os neovitizianos que mantiveran o reino suevo en precario durante os tempos de dominio andalusí e expansión ovetense?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *