BiosBardia

O país dos libros en galego

De Jane Austen a Xabier López. Dez libros para xuño do 2024

Jane Austen.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

Lady Susan, de Jane Austen. Tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin

Pouco e pouco, a biblioteca universal galega vai corrixindo graves eivas históricas. Unha delas era a presenza de novelas inglesas dos séculos XVIII e XIX, un elemento hoxe popular, grazas en parte á popularidade das adaptacións audiovisuais de obras deste período. Unha das raíñas daquel tempo é a inglesa Jane Austen, de quen agora podemos ler esta novela, publicada máis de sesenta anos despois da súa morte, pero seguramente composta cando tiña menos de 25 anos. Obra epistolar na que aparecen xa varios dos temas recorrentes na obra da autora: as convencións sociais, o status da muller na sociedade do seu tempo, estudo psicolóxico dos personaxes… Obra breve e chea de matices que fará as delicias dos lectores habituais de Austen.

Claustro Corda Comensal, de Samuel Merino. Galaxia

Este é un poemario sobre o encerro. Escrito baixo dúas coordenadas moi elocuentes: as citas constantes a versos de Leopoldo M.ª Panero e as referencias a un ingreso real no hospital psiquiátrico de Conxo. Cunha estrutura narrativa e con constantes interpelacións ao lector, o poeta de Mos constrúe unha desas “experiencias reveladoras”, un memorando do sufrimento e do espanto que consegue transformar en literatura.

Verso e acorde, de Alberto Pombo. Xerais

O subtítulo “Relacións entre litertura galega e música pop (1950-2000)” dános unha moi boa pista sobre o contido deste libro. Primeiro, que o resultado agora publicado procede dunha tese de doutoramento, presentada por Pombo no 2022. E, segundo, derivado do anterior, que o ton do libro vai ser máis filolóxico que cronístico. A obra, malia o seu ritmo deficiente e un abuso das fórmulas expresivas académicas, é interesante para coñecer até que punto a creación literaria tivo en conta a revolución da música popular, que se deu en todo o mundo occidental e que en determinados momentos fixo presente a lingua galega incluso na radio fórmula e nas listas de discos máis vendidos.

Lapislázuli. O regreso das superguerreiras, de Alba Rozas. Boadicea

Novela fantástica ambientada nunha Galicia alternativa gobernada por feiticeiros e feiticeiras caciques na que cinco mozas (as superguerreiras), logo de desapareceren durante sete anos, teñen que regresar para acabar cun ataque de robots asasinos. A nova obra de Rozas é un pastiche de moitos tópicos do xénero fantástico, da ciencia ficción e da novela de aventuras mais a suma de toda a bagaxe de videoxogos, series de debuxos animados e cómics. Moi ben escrito e cun distanciamento irónico constante, o que serve para atopar certas semellanzas entre ese mundo inventado e o noso, con todas as súas contradicións e teimas, pero sen deixar de atender a trama e aos seus requisitos en ningún momento.

Pasado arrincado, coordinado por Emilio Grandío Seoane. Galaxia

Baixo o subtítulo “Lugares de memoria democrática en Galicia”, Seoane convoca un monllo de autores que nos levan a diferentes puntos onde aínda fica a pegada do franquismo: Punta Herminia (A Coruña), o pazo de Meirás (Sada), Malpica, a Foxa do Acevo (A Fonsagrada), Ponte Sampaio (Pontevedra), Vigo, no 1972; Vilagarcía fronte ao Iberpuerto. Xa en relación á memoria da loita polos dereitos civís, o libro recorda a mobilización feminista na Facultade de Económicas de Santiago no 1978.

As matemáticas máis sorprendentes, de Fernando Saco Pérez. Xerais

Aínda que o formato deste libro quizais sexa sobrio de máis, o seu contido é moi atractivo. O autor utiliza a matemática para explicar unha serie de “enigmas cotiáns” e “misterios ordinarios” que se fan moi interesantes, especialmente para o alumnado que se enfronta día a día ao estudo desta materia. Mais non só. Cos seus problemas de a diario tan ben explicados, incluso os adultos, tamén os pouco interesados nesta ciencia, desfrutarán cos paradoxos, achados e aparentes contradicións entre o que pensamos que observamos e o que a lóxica matemática nos demostra.

O amigo, de Sigrid Nunez. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

A autora neoiorquina gañou con esta novela o National Book Award estadounidense no 2018. Escrita con mestría e atendendo a todas as técnicas, obsesións e arcos temáticos da modernidade, esta historia sobre unha escritora que “herda” o can dun amigo que acaba de morrer, é conmovedora, intelixente, brillante e está chea de matices. Novela intelectual, máis que de trama, polas súas páxinas vai desfilando un xeito moi concreto de ver o mundo, moi vinculado coa práctica da literatura, a docencia e a convivencia nunha gran cidade contemporánea.

Entomoloxía para misioneiros, de Fernando Castro Paredes. Galaxia

Premio García Barros 2023 (convocado polo Concello da Estrada). Esta novela racha as tendencias temáticas maioritarias na narrativa actual. É unha obra de aventuras debedora claramente da narrativa de Joseph Conrad, pero con ingredientes e técnicas sumados doutras moitas influencias. O resultado é interesante. Unha atmosfera orixinal e moi atractiva que compensa certos clixés na composición dos personaxes e eivas na construción dos diálogos.

Cinco pseudocomedias, de Jose Prieto. Xerais

Este volume recompila algunhas das obras máis importantes das últimas escritas polo dramaturgo naronés, caso de “Fariña” ou “Bernarda”. Esta última recibiu dos premios María Casares no 2019 (mellor texto orixinal e mellor dirección). As outras tres obras que agora saen publicadas son “Bonecas”, “Bye, bye, Honey” e “Culpables”. O ritmo do diálogo, a construción dos personaxes usando os mínimos recursos e a presenza do humor son os compoñentes básicos destes textos, que se desfrutan tamén como lecturas.

Contrabiografía, de Xabier López. Galaxia

O veterano e prolífico escritor de Bergondo escribe a “novela dos avós”, é dicir, unha pescuda literaria sobre as súas orixes e peripecias dos seus devanceiros. Seguindo a máxima de que hai temas dos que só pode falar un e que se un non fala deles, desaparecerán, López constrúe esta Contrabiografía cos vimbios de gran parte da súa obra narrativa: pulcritude expresiva, alternancia entre a anécdota e a reflexión, fascinación pola microhistoria e un sentido de humor permanente, elegante e sutil que serve de ligazón para seguir o narrador-autor na aventura de coñecer as pontes (as pontes son moi importantes nesta novela) cara ao seu pasado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *