BiosBardia

O país dos libros en galego

Estampas de ‘Galiza Mártir’ reproducidas e comentadas no xornal bilbaíno El Liberal (4)

‘Cobardes, asesinos!’, de Castelao.

Xesús González Gómez.

ESTAMPAS DE CASTELAO

COBARDES! ASESINOS!

 

Ela, unha muller, sentiu antes que ninguén o estremecemento da guerra. A súa tenrura feminina, vixía apresurada da dor, exaltou a súa sensibilidade en canto que o calafrío da contenda deu os seus primeiros resplandores sinistros. Ela non oíu os tiros, non viu o chispazo dos balazos, mais foi a primeira que se sentiu ferida. Na prisión acolledora dos seus sentimentos, como vive a muller española, presa do cariño ao esposo, da devoción aos fillos, da paixón ao noivo e do respecto aos pais. Ela soubo descubrir que aquela fortaleza cordial en que estaba enclaustrada a súa sensibilidade ía ser batida por todas as furias das adversidades. Ela seguiu arelante aqueles días inquietos, coa densidade do desacougo, nos que non se sabía como sería partida España para que da destrución xurdisen os dous hemisferios, o leal e o rebelde. E un día a cabeza caeu desalentada sobre o peito. Era cando no pobo, escoltado polos tricornes, xurdía, vitorioso o clamor fascista. Aquel día, coa explosión triunfal  dos que se apoderaban do pobo para faceren el un cárcere, foille ofrecida a primeira dor. Temeu polo pai, polo fillo, polo marido. Correu polas rúas e de novo fixo o camiño tantas veces transitado ao longo de todas as súas desventuras. Buscouno no cárcere. Mais non estaba alí. Non chegou a pisar a prisión. Por esta vez non houbo sequera o prólogo do encarceramento. Enlouquecida, ela seguiu tras el. As máis afortunadas só atoparon o cadáver. Houbo moitas que nin o cadáver puideron contemplar. O crime foi tan aleivoso como para ocultarlle mesmo os despoxos irtos de aquel a quen mataran. E uns días máis tarde, moi poucos días máis tarde, ela fixo a travesía cara ao cárcere. Non ía en busca de ninguén. A súa soidade tiña o espanto inmenso do absoluto. Ía ao cárcere, entre dous tricornes, porque xa o calabozo sería o seu fogar. Antes… Pero o que lle aconteceu foi tan terríbel, tan arrepiante, como para que non quixese evocalo, aínda que a dor a fustrigara na carne e na alma. A muller non é coma o home, ao que todo o que pode facerse con é tirarlle a vida. Fronte a un home non pode haber máis que un verdugo. Mais fronte a unha muller hai sempre un verdugo e un sátiro. Antes que o disparo, a dentada. Antes que a opresión, a caricia.

A guerra remove os instintos, axítaos e encréspaos, até facelos saltar. Por iso hai no libro da voluptuosidade un capítulo dedicado ao masoquismo[1]. Hai algo peor que a morte. E é que a morte, antes de devorar, quere gozar da vítima. O verdugo non beixa a un home; mais si beixa a unha muller.

Nestes días de inquietude, cando as mulleres de Bilbao acoden trementes aos refuxios, cando as vimos estremecerse co anuncio da traxedia, pensamos que para elas a traxedia non comezou aínda. Se eses que agora pugnan por saltaren sobre nós chegan asomar as súas fauces en Bilbao, a estampa de Castelao tería realidades sinistras. Franco quere a nosa ría, a nosa riqueza. Mais os soldados de Franco queren as nosas mulleres. O primeiro botín de todo exército é a muller. A muller é tamén a primeira vítima. Elas non comparecen perante ningún tribunal. Antes que a xustiza, por moi dura que ela sexa, coñecen a brutalidade dos instintos. A aldraxe é para elas primeiro que a crueldade. Vós, soldados do pobo, nosos soldados, defendédelas a elas. Elas teñen a abnegación suficiente para sufriren todos os horrores da guerra, mais non poderían aturar as vergonzas dela. Teñen o tempero necesario para afrontaren a morte; mais sería espantoso que sobre elas caese a humillación. A muller non pode ser heroica, soldado do pobo, máis que até un límite. Pídelle todos os sacrificios, pero deféndea. Se é necesario, que cheguen a ela os canonazos, mais que non cheguen os invasores. Está nas túas mans, soldado que pelexas nos frontes vascos, evitar ese martirio ás mulleres bilbaínas. Á túa nai, á túa amada, á túa filla, non as profana o inimigo, as profanas ti, se os deixas pasar.

 

El Liberal, 29 de abril de 1937.

[1] Penso que o anónimo redactor deste comentario sufriu un lapso e no canto do substantivo sadismo escapoulle o de masoquismo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *