Estampas de ‘Galiza Mártir’ reproducidas e comentadas no xornal bilbaíno El Liberal (1)
Xesús González Gómez.
O domingo 25 de abril de 1937, no xornal bilbaíno El Liberal, xornal que mercara en 1932 o político socialdemócrata Indalecio Prieto, publicábase en primeira páxina, e a modo de editorial, aínda que case ningún dos artigos, noticias e ou reportaxes, que aparecían no xornal ían firmados, o escrito que traducimos a continuación.
UNS DEBUXOS ADMIRÁBEIS DE CASTELAO
ESTAMPAS DA GUERRA
Comezaremos no noso número do martes a publicar unhas marabillosas estampas de guerra, feitas por Castelao e editadas, nun magnífico folleto, polo Ministerio de Propaganda. Malia a natural deficiencia da reprodución en papel, de xornal, o lector poderá apreciar o admirábel traballo do debuxante galego. Castelao ten por enriba da súa mestría e do seu dominio artístico, que é excepcional, a emoción conmovedora do seu temperamento. Castelao viu a guerra a través dun prisma tan dorido coma o que lle ofrece agora a súa Galiza, arrasada pola tiranía. Galiza mártir, titúlase este folleto que contén as estampas de Castelao. Ai, Galiza! Dende o primeiro intre da guerra foi estrangulada polo movemento faccioso. O seu martirio, con efecto, cubría de chagas a terra cuxa lembranza atormenta a Castelao e a cuxa evocación responden as estampas da guerra trazadas pola súa man. Daquela dor foi tirando o artista os seus trazos certeiros até compor un cadro patético e magnífico.
Mais o martirio galego é o martirio de todo o país. Por iso as estampas de Castelao adquiren un ton xenérico no que está contido o proceso bárbaro desta guerra que nos fan. Os instantes máis crus, como os momentos máis angustiados, reflíctense na obra de Castelao que comezaremos a publicar no noso número próximo. Son pasquíns amargos, berros lacerados nos que se asoma toda a terríbel traxedia do territorio invadido pola lepra fascista.
Co tremor patético da súa emoción debuxou Castelao estas estampas. Quen dera un día a Galiza, co seu lapis, os tons auténticos dun pobo exemplar; quen describira nos trazos dos seus debuxos a fisionomía clara da súa terra, e quen antes lograra eses primores do enxeño irónico dos galegos, captou con exactitude a paisaxe dramática deste período.
A última vez que vimos a Castelao foi en Barcelona, o pasado outono. Amigo noso, o primeiro impulso, ao divisalo, foi correr cara a el coa ofrenda da nosa aperta. Contívonos, non obstante, a súa actitude, estaba só, sentado nun banco do paseo de Gracia. Non era simplemente abstracción o que aparecía no seu rostro, senón este sentimento fondo da tristura que lle descompuña a face coa súa pouta dorida. Plantámonos ante el e continuaba sen nos ver. Alí o deixamos, coa amargura desolada da súa angustia, coma unha desas estampas súas. A guerra férenos a todos. Mais cando a guerra atopa un artista que sabe sentir todo o espanto da súa traxedia, que fonda ferida debe facer para que dela deite a obra de arte!
El Liberal, 25 de abril de 1937.
O lector, a lectora quizais teñan a curiosidade de saber de quen é obra este escrito. Un coñecido de Castelao: un deputado a Cortes polos socialistas bilbaínos? Un xornalista que estivo en Madrid durante o tempo republicano? Naquel momento, é dicir, en 1937, as tres grandes firmas do xornal eran o seu director, Cruz Salido, Julián Zugazagoitia, ambos fusilados polos franquismo: estaban refuxiados en Francia e foron reclamados por Ramón Serraño Súñer aos alemáns, que os detiveron e enviaron a España. Xulgados, foron condenados a morte e fusilados, e Teodosio Mendive, de quen non se sabe a data da súa morte). Talvez o autor deste escrito, como dos que seguirán a continuación, foi Cruz Salido, quen á parte de director do xornal, durante os anos republicanos foi tamén cronista das sesións parlamentarias. Puido ser tamén Zugazagoitia, aínda que o dubido. Zugazagoitia foi elixido a Cortes en 1931 e en 1936, é dicir, as mesmas datas que Castelao, polo que de seguro se coñecían. E, polo que se di no escrito que se traduce, o autor coñecía ao rianxeiro.
E a partir do martes seguinte. Lembremos que os luns non aparecían os xornais, só a denominada Hoja del Lunes, que publicaban as denominadas asociacións de prensa de cada provincia. Se ben é certo que tal xornal (ou semanario, xa que só saía unha vez a semana) durante o franquismo foi niño de corruptos e corruptelas, tamén é certo que a partir de 1977 deron un cambio (algún, un pouco antes) e apostaron pola democracia e podían converterse en xornais autoxestionados por xornalistas e verdadeiramente libres: o empresariado español, axudado polos sucesivos gobernos tanto da Unión de Centro Democrático como do PSOE comandado polo dueto artístico González-Guerra, acabaron con tal posibilidade e as Hojas del lunes desapareceron para sempre.
O martes, 27 de abril aparece a primeira reprodución dunha estampa de Galiza Mártir. Estampas que se reproducirán os días seguintes. As reproducións deberon acabar o día 9 de maio, porque a partir desa data non se reproduce xa ningunha estampa; ora, non o podemos afirmar rotundamente, porque na hemeroteca de Bizkaia faltan os días 5 e 9 de maio, e así só demos con oito reproducións do libro de Castelao. A catro delas dedícanlles un amplo comentario, as outras catro son publicadas na primeira ou segunda páxina sen comentarios. As estampas reproducidas foron as seguintes:
27 de abril: «Este é o Deus dos fascistas» (con comentario).
28 de abril: «Arriba os probes do mundo!» (con comentario).
29 de abril:«Cobardes! Asesinos!» (con comentario).
2 de maio: «Queiman, rouban e asesinan no teu nome» (con comentario).
6 de maio: «A derradeira lección do mestre».
7 de maio: «Van a matarnos, pero venceremos».
8 de maio: «Esta door non se cura con resignación».
En próximas entregas daremos a tradución dos comentarios ás tres estampas reproducidas despois desta primeira. Homenaxe a Castelao, si, mais, sobre todo, homenaxe aos redactores de El Liberal asasinados ou encarcerados polos franquistas.






