De Fran Alonso a Claire Keegan. Dez libros para outubro do 2026

César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Cáncara, de Fran Alonso. Xerais
O autor parte da anécdota real dunha vaca que foi detida por pastar nun terreo público en Baiona, no 1983, para compoñer unha novela lírica na que realidade e ficción danzan con elegancia diante do lector. Partindo dunha anécdota cativa, aínda que curiosa, a narración vai medrando en espiral para acabar falando do noso tempo e as súas contradicións cun ton coral e resaibo clásico.
Non todo o que cae na rede é peixe, de Moncho Seixo. Morgante
O subtítulo “500 xoias fraseolóxicas galegas” explica o contido deste volume: Un pequeno dicionario de frases feitas máis ou menos coñecidas do galego. Sabes que significar “empreñar polo oído”? “Que vos dean bertorella”? E “verlle o cu á curuxa”? Inclúe un glosario castelán-galego para podermos usar formas xenuínas no noso día a día: Porque dicir “saír de Guatemala para chegar a Guatepeor” se temos: “Saír dun souto para chegar a outro”?
Antoloxía do conto galego de tradición oral, de Henrique Harguindey e Maruxa Barrio. Galaxia
Nova edición dun clásico de Galaxia, que xa se publicara por primeira vez no 1983 e que tivera unha segunda versión no 1994. É un volume de divulgación, pero con presupostos académicos, de clasificación e análise da narrativa popular galega ao longo do tempo. O libro complétase coa introdución de Antonio Reigosa e leva ilustracións de Agustina Shuan.
De Esmelle a Ítaca, de Emma Pedreira e María Besteiros. Universidade da Coruña
O subtítulo é “A pegada de Begoña Caamaño na reescritura mítica feminista”. Este ensaio analiza desde o punto de vista da teoría literaria o universo de Caamaño no relativo á tradición homérica e á materia de Bretaña. As dúas investigadoras toman como punto de partida a hipótese de que o interese da tradición literaria galega por eses espazos míticos ten que ver cun proceso de apropiación cultural de grandes temas e escenarios da literatura universal desde a periferia. Nese sentido, a obra de Caamaño actualiza ese proceso cunha perspectiva de xénero.
Non plantaremos o millo en abril, de Víctor Pérez Estévez. Caldeirón
O autor vigués gañou o Premio Francisco Añón de poesía 2025. Un poemario sobre o paso do tempo, a nostalxia, as persoas e os espazos que xa non están, simbolizados por esa eira de millo pantasma que deixou de sementarse. Versos sinxelos sostidos nun alto ritmo, a naturalidade expresiva e imaxes cotiás pero luminosas.
Rotspanier, de Juan Galán. Galaxia
O subtítulo é elocuente: “Un miliciano galego no exilio francés. 1939-1945”. O investigador ferrolán conta a vida de Joaquín Fernández Millán, mariñeiro da Pobra do Caramiñal que tras loitar como miliciano no Exército de Euskadi na Guerra do 36 cruzou a Francia fuxindo do franquismo. Tras sufrir presidio nos campos de concentración destinados aos republicanos, acabou traballando forzado na Organización Todt, encargada de construír as defensas nazis no Atlántico.
A terra dos abetos en punta, de Sarah Orne Jewett. Tradución de Cristina Cajoto. Hugin e Munin
A protagonista (e narradora) desta novela chega a Dunnet Landing (Maine, EUA) e coñece a señora Todd, unha herborista, que se converte en algo así como o punto de unión entre a visitante que busca a calma para rematar o seu libro e unha comunidade na que destacan as mulleres. Jewett vai acumulando voces, lembranzas, espazos e relacións para construír un universo literario rico e que aínda hoxe, 130 anos despois da súa redacción, se le con grande interese pola súa modernísima estrutura.
Un anaco de mazá seca, de Begoña Feijoo Fariña. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
Esta obra supón a descuberta para o público galego dunha autora nacida en Vilanova de Arousa e que vive en Suíza desde os doce anos. Escritora en italiano, xa publicou catro novelas. Nesta, a primeira que se traduce ao galego, a trama segue a Lidia Scettrini, unha nena suíza que despois de roubarlle un anaco de mazá seca a un compañeiro de clase é separada da súa nai e enviada a un programa de castigo, practicamente un réxime de escravitude.
O proceso e Apaga o candil, de Cándido Pazó. Galaxia
Este volume contén dúas obras de teatro baseadas en personaxes e feitos reais. Na primeira, o autor vigués dramatiza a persecución que o poeta Manuel Curros Enriquez sufriu na Xustiza polo contido de Aires da miña terra, que o bispo de Ourense considerou ofensivo para o sentimento cristián. Na segunda, Pazó achégase á figura de Carlos Díaz, O Xestal (1932-1993), humorista de grande éxito popular, que axudou a facer famosa a canción “Apaga o candil”.
A terceira luz, de Claire Keegan. Tradución de Isaac Xubín. Rodolfo e Priscila
Esta é a segunda obra da escritora irlandesa que Rodolfo e Priscila nos presentan en lingua galega. Neste relato longo publicado orixinalmente no 2010, a trama lévanos á Irlanda rural da década do 1980. Unha nena que vive nunha casa con moitos fillos e poucos posibles, é deixada temporalmente cuns parentes que non teñen fillos e que viven nunha granxa limpa e cómoda. Dunha maneira moi sutil, a narración vainos mergullando no trauma, no silencio e no tabú.






