‘A chuvia sobre o mar’, unha aposta pola creación lingüística

Xesús González Gómez.
A chuvia sobre o mar, de Luís Caparrós Esperante, é unha novela que, dende o meu persoal punto de vista, acho mestura tradición e invención, sen ser, porén, unha novela «redonda».
A novela desenvólvese nunha «remota aldea costeira», «nunha Galiza atávica e brumosa». No pazo familiar, «baixo a mirada escéptica e decadente do tío Nicolás […], buscan refuxio Amaro Mariño e o seu (sic) amante Luscinda» que foxen dun pasado traumático na cidade, etc. O refuxio québrase definitivamente co estalido da Guerra Civil no verán de 1936, etc. «Amaro e Luscinda descubrirán que, cando o mundo se desmorona, a neutralidade é imposible e o prezo por manterse con vida pode ser a propia alma». Non continuamos: todo o que se dixo neste parágrafo está tirado da contraportada da novela. Contraportada que tamén presenta un cuarto personaxe: Andrés, «cuxa intensidade política choca coa indolencia intelectual de Amaro».
A novela foxe das dúas vías que nos deixou en herdanza o posmodernismo, e das que falamos a semana anterior. Non é, evidentemente lineal, malia que no primeiro capítulo da primeira parte se nos presenten tres dos personaxes principais da novela e algún secundario: para poder apreixalos na súa totalidade hai que lela por completo. Neste primeiro capítulo veremos que, dunha maneira ou outra, tanto don Nicolás, como Luscinda, e mesmo Amaro, están mergullados en certa comodidade doméstica; comodidade ou indolencia –iso debe decidilo a lectora ou o lector– , pero malia esa comodidade, pouco a pouco (o ritmo narrativo imposto polo autor) o medo ao futuro vai apropiándose dos seus ánimos. Medo ao futuro ocasionado polos actos e feitos do presente que se está a narrar. Sen estridencias, ás veces con certa frialdade, con tranquilidade, o autor (ou as diferentes voces narradoras) consegue que quen le se mergulle nun territorio que se podería denominar de «loucura calmada».
Ora, o interesante da novela son, ademais de certa creación lingüística, que ultimamente está como que esquecida na literatura galega (outro dos herdos do posmodernismo; e ademais, moitas veces, cando se fala de creación lingüística é simplemente riqueza léxica e máis nada), creación que adoita aparecer sobre todo nun soliloquios (máis que monólogos), que son como contrapuntos, en certo modo, da acción que se vai desenvolvendo. Soliloquios (aínda que debo confesar que se achegan moito ao monólogo) que son como «descansos» na acción e onde o autor desprega frases, de máis de vinte e cinco liñas, frases en certo modo «proustianas». O autor alterna estes monólogos ou soliloquios con frases longas, cunha escrita que se podería dicir «nerviosa», ás veces cun exceso de puntuación e outras con frases (sic) dunha soa palabra, mais penso que isto non o pensou o autor: saíulle mentres escribía. Noutras palabras, o proceso da escrita, a estrutura da novela, que se ía construíndo a medida que avanzaba o autor na súa escrita, esixíanlle tanto eses monólogos ou soliloquios con escrita «lenta» como esas outras páxinas de escrita «nerviosa». Se ben é posíbel que o autor tivese, como tiña Proust, por exemplo, toda a novela na súa cabeza mesmo antes de empezar a redactar a primeira liña. Mais só tiña a «novela», logo debía empezar a escribila, pero intentando non caer en celadas, cando un escritor empeza a pensar na estrutura do seu libro, está perdido, hai escritores que programan os seus libros con criterio arquitectónico. Antes de anotaren a primeira palabra xa teñen o libro na cabeza nos seus menores detalles. É posible que antes de decidiren a historia que pensan contar xa lle deran unha estrutura case metálica. Despois, todo consiste en encher esa estrutura e tampouco resulta demasiado difícil. Algunha experiencia vital, certa nobreza de linguaxe. O resultado é un libro que o seu autor non necesitaba escribir. Non necesitaba absolutamente escribir. Un pode escribir libros metendo palabras en maquetas ou por botar fóra o que leva demasiado tempo dentro. En troques, dáme a impresión de que Luís Caparrós necesitaba escribir A chuvia sobre o mar, a súa primeira, que se saiba, novela, con máis de 70 anos. E necesitaba fuxir do autobiografísmo.
Fuxindo del (aínda que poida haber vivencias e experiencias reais e persoais na novela), «realiza» a súa obra dominando, en primeira instancia, as estratexias narrativas e a creación verbal, e entrega unha novela desprovista das guías e seducións do argumento e a intriga, unha narrativa que esixe un sentido da palabra, da elección da palabra xusta moito máis afinado que nunha novela de formación, que nunha novela máis realista e máis tradicional. En certo sentido, a elección das palabras no tipo de narrativa que cultiva nesta súa primeira novela Caparrós, é fundamental (sobre todo nos soliloquios ou monólogos), porque esta narrativa reclama, como o verso libre, un esixente sentido do ritmo, non poético, senón narrativo, mais tamén unha simbiose de ambos.
A novela vaise desenvolvendo até chegar a un final que deita con toda naturalidade dos personaxes e dos feitos tal como os presentou o autor. E non só dos personaxes, digamos, principais, senón tamén de Andrés e Aurora, cuxa importancia é maior do que se pode pensar a partir dunha lectura máis ou menos rápida da novela. En certo modo, estes personaxes (secundarios) poden roubar, eu penso que lles rouban, moitas veces o «protagonismo» aos personaxes principais (como nun filme). Ora, se ben ese final (xa estalou a guerra civil) pode semellar natural, é —acho— sobre todo sorprendente, sabemos que é un final natural, quizais a única maneira de acabar a obra. Mais sabemos isto só despois de ler a novela na súa integridade. Xa sabemos que difíciles son os finais das novelas. Ás veces hai deixar os finais abertos, outras veces darlles un final happy end —finais que adoitan caer a maioría das veces no denominado «mecanismo de consolación»— ou un final «forte», é dicir, desmoralizador. Sábese que nunha novela é máis importante a camiñada que a chegada, mais se a chegada, o final da novela, é, como o dun conto, imprevisíbel e necesario: é dicir, non o vimos vir, mais cando o lemos decatámonos de que era a única maneira de acabar o libro, entón, o «valor» da obra sobe. Velaí o final desta novela.
Mais cómpre afirmarmos que os acontecementos ficticios e a relación entre os personaxes (que nunca son presentados psicoloxicamente, senón mediante feitos ou declaracións deles mesmos) reproducen en miniatura o movemento da Historia, como se pode percibir cando se chega ao clímax. Clímax creado a partir de posicións morais do autor; morais (e quizais tamén espitemolóxicas) que dan como resultado unha escrita, e unha forma, determinadas. Nun dos soliloquios pódese ler: «Tamén a escrita constrúese (sic) con máscaras e disfraces» (p. 151). Porque, talvez, escribir sexa quizais, tan só, como pensa don Nicolás (que ademais é compositor de musicas, de boleros): «[…] acordar a conciencia do vivido, mais as palabras son demasiado delgadas. Se puidese fundir a enguedellada caligrafía destas liñas sobre o pentagrama… // Condenado a escribir, condenado a dicirme unha vez e outra, condenado a sobrevivir. Onde fuxiu a vida? […].» (p. 18) Si, talvez escribir sexa só iso. E a literatura perseguir «golpes de illas no refluxo dos recordos. Soamente a forza de palabras reteño o tempo e largo a áncora nas horas, algo que a xente moza non podedes entender, porque para vós o tempo é invisible e para min, simplemente, xa non é» (p. 19), dille don Nicolás a Amaro, sen se decatar, talvez de que a forza de palabras, non só retén o tempo, é dicir, alóngao, senón presenta unha historia con todas as súas consecuencias. E a forza de palabras, antes de chegar a ela, véntase a catástrofe… histórica, por así chamala. Catástrofe que está presente en cada un dos personaxes da novela: Nicolás, Amaro, Luscinda, Andrés, Aurora, sen, porén, seren símbolos de nada. E sen seren monicreques en mans do narrador.
Estamos, xa que logo, diante dunha novela fóra de serie? Penso que non. Ás veces custa bastante dilucidar cal é o tema da novela. Mais estamos ante unha boa e interesante novela que aposta pola literatura, a creación lingüística e o poder da imaxinación, algo, infelizmente, non demasiado usual nos tempos que corren.
Ora, un reproche, ou aviso, ao autor: nas próximas obras, que espero atento, debe revisar a colocación dos pronomes te e che: «Amaro, déixache de historias» (p. 47), «Cóidache del» (p. 49), «Déixache de contos» (p. 54) e moitas veces máis.
♦ A chuvia sobre o mar, de Luís Caparrós Esperante, Laiovento, 2025. 226 páxinas. ♠17,95€





