‘Dakota’, previsible e superfluo

César Lorenzo Gil.
Masha Álvarez (Vigo, 1983) debuta como poeta con Dakota, libro que publica Galaxia na súa colección ‘Dombate’ tras gañar o Premio de Poesía Victoriano Taibo 2023.
Podemos definir Dakota como un libro sen demasiado interese literario, que se percibe a medias como caderno de viaxe a medias como redacción escolar. Unha colección de versos onde brilla o superfluo e o evidente.
Non hai un único xeito de facer boa poesía e o seu resultado nunca é obra da vontade do seu autor, senón dese instante misterioso e irracional que consegue que esa combinación concreta de palabras provoque e evoque un instante único: a arte. Mais para chegar a ese punto inexplicable cómpre, habitualmente, seguir unha estratexia creativa, preocuparse por aspectos como o ritmo, as imaxes, as técnicas literarias, a visión subxectiva…
Dakota si ten esa visión subxectiva, pero o discurso literario é tan plano, tan evidente, tan previsible e tan literal que ese acerto acaba agochado entre unha morea de erros. En moitos casos, intúese que o repouso das ideas e a súa reelaboración beneficiarían o resultado final. Hai potenciais bos poemas neste libro, malia todo.
Un sae de Dakota igual que entrou, coma se asistise a un monólogo de alguén que veu de lonxe, pero que viu máis ou menos o mesmo que se pode ver nun documental ou nunha serie: Viajeros Cuatro con máis ínfulas, pero igual alcance.
O libro está construído mediante o xogo de espellos entre a experiencia dunha viaxe iniciática por un territorio exótico nun tempo vital moi concreto (ese no que aínda se pode descubrir a vida) e a evocación do íntimo, do cotián, desoutra experiencia onde a distancia nola dá o tempo, non o espazo. Á parte de que tal modelo está moi visto na poesía e obriga a quen queira seguilo ter consciencia de todo o que se escribiu cos mesmos parámetros, esa asociación que zigzaguee entre as coordenadas do espazo-tempo precisa dun enfoque propio, o máis particular posible. E para chegar a ese punto de cruzamento o máis importante é evitar a obviedade.
A escrita automática precisa de moito traballo para ser eficaz. O encadeamento de asociacións libres, para realmente ser libre, non pode quedar (salvo en casos xeniais) cos primeiros elementos que nos veñen á mente. Eis un dos principais problemas de Dakota. Non houbo peneira nin escolla suficiente, coma se a voz que enuncia emitise nun baleiro onde non hai outros libros antes feitos cos mesmos propósitos ca este, coma se o lector tivese que entusiasmarse polas cativas miradas, nun mundo rodeado da beleza das grandes palabras. Ou das pequenas. Porque a avaría deste libro non está no alcance da ollada, senón en que o foco se nota apresurado, coma se estivese escrito por alguén con síndrome de Dióxenes textual, incapaz de descartar, incapaz de enfrontarse ao poema agarrándoo polos colares. O resultado, en cambio, aparécenos como un recompilatorio de abrazos de bolboreta; a pesar da súa brevidade, provoca a mesma sensación que achegarnos ao pescozo de alguén que se pasou cun intenso e efémero perfume.
♦ Dakota, de Masha Álvarez, Galaxia, 2024. 68 páxinas. ♠11,60€






