‘A parte fácil’, crónica íntima dunha xeración

Héitor Mera.
Ismael Ramos é un autor que obtivo éxito de público e recoñecemento especialmente polo seu labor poético (gañou o Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández no 2022 e o Johán Carballeira no 2016), mais tamén recibiu o prestixioso premio internacional O. Henry polo seu relato breve “A lebre”, incluído no volume A parte fácil, da que hoxe falaremos.
No seu momento, cando tocou falar da súa poesía, fixemos unha apreciación que, se daquela era intuición literaria, hoxe, con este libro, convértese en confirmación do que pensabamos que podía dar este autor á nosa literatura. E é que, para entendérmonos, subliñouse, con respecto ao seu poemario Lixeiro que tiña unha serie de trazos máis propios do que é a narrativa, o relato, que do que, dun xeito ortodoxo entendemos por poesía. As características dun xénero noutro non é algo que nos deba sorprender e é axeitado se esa vinculación achega algo positivo (lembremos a poesía de Luís Seoane ou, máis recentemente, de Xavier Cordal no que a poesía narrativa se refire, poño por caso). Lixeiro, aínda na súa concepción de libro de poemas, fixo que albiscásemos a potencialidade de Ramos como narrador.
A parte fácil é un libro que combina o coidado formal, esa unidade de esencia tan necesaria nun relato; unhas historias interesantes, nada crípticas e, sobre todo, sensibilidade, intelixencia e sagacidade.
Ramos, parécenos, é un cronista íntimo para unha xeración. Ten a capacidade e empatía de chegar aos problemas, inquedanzas e motivacións coas que calquera se pode sentir identificado a través dos seus personaxes. Vertebra situacións posibles no cotián que nos permiten reflexionar non só sobre os personaxes que as padecen, senón que tamén vemos como interpreta uns tempos novos desde a perspectiva dun home aínda mozo. E ollo… isto non é fácil. Ter a capacidade de amosar estas posibilidades íntimas e sociais dende a sincronía, o tempo no que estamos vivindo, ten gran mérito. Coido que cando pasen os anos, A parte fácil avellentará moi ben. O interese literario teno garantido, mais a visión dos narradores destes relatos adquirirán un maior relevo para os que queiran ollar cara a atrás e ver que é o que estaba acontecendo.
Mesmo desde o punto de vista estilístico e lingüístico percibimos ese punto de crónica para un tempo vivido. No que atinxe ao estilo cremos que é sobrio, pertinente, sen ínfulas e ao tempo redondo. No que respecta á lingua, con ser correcta, non supón un desafío para o lector, non provoca ese gozo da recreación no léxico e frases feitas, construcións enxebres que sempre son de agradecer. Mais o estilo é o propios do tempo, do contexto e das historias que se contan.
A parte fácil, aventuramos, terá máis vida do que habitualmente, e, infelizmente, vemos que acontece con outros títulos recentes. Dá a sensación de que Ismael Ramos deu coa tecla que o consolida definitivamente como un dos autores de maior interese das nosas letras.
♦ A parte fácil, de Ismael Ramos, Xerais, 2023. 144 páxinas. ♠17,95€






