BiosBardia

O país dos libros en galego

Estampas de ‘Galiza Mártir’ reproducidas e comentadas no xornal bilbaíno El Liberal (e 5)

Queiman, rouban e asesinan no teu nome!, estampa de Castelao

Xesús González Gómez.

ESTAMPAS DE CASTELAO

QUEIMAN, ROUBAN E ASESINAN NO TEU NOME!

 De xeonllos, ante un vello crucifixo. Aínda non lles puxeron aos cristos fascistas de España as botas de montar e as cartucheiras nos cadrís. Aínda non llas puxeron porque na España fascista non están moi seguros de poder implantala. E esa muller, axeonllada perante un cristo, xa non atopa o acento piadoso das pregarias e á vez rómpese no balbucir amargo das imploracións. As dianas cuarteleiras e as marchas militares dos facciosos están agora compostas con ladaíñas. Xurdiu, de improviso, a vaga relixiosa e no terreo rebelde seica se reza a toque de corneta.

Mais en España, con efecto, a relixión ten os seus clamores, e cando se pretendeu facer dela o eixo do movemento, e cando o catecismo fica inserido nas ordenanzas militares, o vello misticismo da raza ábrese paso e marca no acto as pegadas da diferenciación. Esa muller devota que debuxou Castelao ten unha relixión ben afastada da que se fabricou agora ao redobre dos tambores e co desfile dos fusís. Esa muller prostrouse, non perante un deses cristos zarandeados polos facciosos, senón perante unha vella imaxe dos camiños, e alí, coa fonética desgarrada dos saloucos, musita o seu espanto.

Porque é agora, cadrando co delirio relixioso que exhiben os rebeldes, cando o crime, a pillaxe e profanación adquiren proporcións monstruosas. A inxenua muller, de devocións candorosas, a que acreditou que rezar era un camiño de perfección, espántase de que cando as armas chorrean auga bendita é cando máis feroces se tornan. Mais esa relixión fascista, que converte en sangue a auga bendita, será, en todo caso, a que mereza ser derrotada e a que se enterrará ao seren vencidos os facciosos, sen que por iso o sentimento relixioso poida perder as súas raíces de pureza. O que ten zume humano e xeneroso ten dereito á inmortalidade. O que é terreo e serve de bandeira ficará sepultado. Esa é unha relixión que cambiou os mandamentos polos pecados capitais. De que hai sentimentos dispares na emoción relixiosa temos o dramático testemuño de Durango e a proba amarga de Gernika. Aí está, entre a desolación deses dous pobos de cuxas ruínas gozan agora, a liña divisoria. Non é un cisma, coa súa resonancia discrepante e a súa crítica sobre os dogmas. É toda unha interpretación da substancia relixiosa, que mentres na España leal se decanta co fervor dos seus adeptos, na España facciosa degrádase cos crimes dos seus infieis.

A ninguén, cando a ten ben prendida na alma, somos nós capaces de lle arrancar a súa devoción. Mais ao que a prendeu na pel para engordar con ela ou para acochar con ela os seus instintos, non é que llela arranquemos nós, é que se lle cae a anacos coma os restos lixados de impuras vestiduras. Os católicos que loitan en Euzkadi farán ben en non dar á súa loita un carácter relixioso. Mais se as contendas humanas é preciso que teñan un marco relixioso, os católicos que loitan en Euzkadi poden estar fortalecidos pola certeza de que defenden unha relixión que non ten nin poderá ter as adulteracións repulsivas do credo faccioso, que antes que en deus acredita na forza.

El Liberal, 2 de maio de 1937.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *