Estampas de ‘Galiza Mártir’ reproducidas e comentadas no xornal bilbaíno El Liberal (3)

Xesús González Gómez.
ESTAMPAS DE CASTELAO
ARRIBA OS PROBES DO MUNDO!
«A Internacional», o himno proletario, quixo inutilmente prender as súas notas co ritmo xocoso dunha marcha triunfadora. Non obstante, coma todos os cantos nórdicos, esta canción, forxada para todos os obreiros do mundo, ten un acento amargo que se dilúe no fondo até impregnar de inefábel melancolía as súas notas agudas. Os clamores populares, aqueles clamores que teñen a fondura xigantesca de recoller latexos de masas, non poden constituír un orquestral ventureiro. O camiño da humana ventura é áspero. Camiño ascensional, no que se rexistra a fatiga e a dor de cada paso. Non é alegre o canto obreiro. Non pode selo porque hai momentos en que se entoa, non con aire de vitoria, senón con angustiados tons de despedida. Ese obreiro, ao que van fusilar os fascistas, tira os derradeiros alentos da súa voz e a descarga de balazos afoga as estrofas de «A Internacional». Quizais foi só o primeiro verso da canción proletaria o que se estremeceu nos seus labios: «Arriba os probes do mundo!…».
Canto de angustia. O corazón acada sonoridades estrañas e vibra para lle dar a melancólica resonancia do seu eco. Nos amenceres sombríos, turbios, e atormentadores destes nove meses de guerra española, cando hai no ceo unha triste claridade de facho e cando a terra ten as densidades opacas das últimas sombras da noite, sairían os presos, os nosos presos, dos seus calabozos para seren fusilados. Era coma unha procesión dramática que cortaba o día co seu resplandor sanguento, todos estes amenceres estremécennos coa lembranza dos nosos presos. O rito monstruoso dos fascistas fará todas as mañás a súa ofrenda de vítimas e a colleita de vidas rotas será segada friamente un dia e outro durante todo este horrendo período de crime e de barbarie. «Arriba os probes do mundo!…» E este «arriba», na mañá de martirio dos nosos presos, quere dicir que chegou a hora da morte. Os pasos vacilantes abandonarán o calabozo, e ao saír á mañá, cando o muro sobre o que caera o seu sangue se debuxe enfronte, os nosos presos fan un penacho do seu propio corazón, elévano heroicamente co puño en alto e o rostro desencaixado espera á morte coa pregaria de «A Internacional». A semente sobre o rego de sangue, abriu a súa promesa. Así caen, dende o «arriba» dos seus soños xenerosos e humanos, os pobres do mundo.
A estampa de Castelao sorprendeu o espanto e a enteireza nun mesmo xesto. Os ollos non están vidrados aínda, e a ollada, nos limiares dunha agonía que advirte próxima, crava no espazo o desafía da súa arrogancia. Todas as mañás esta estampa de Castelao é unha realidade patética. Canto te levantes, camarada, pensa que outros moitos o fixeron co paso tráxico de quen camiña ao sepulcro. Tras as liñas inimigas, no espanto do cemiterio fascista, os cárceres aprisionan aos nosos compañeiros e no amencer turbio dos presidios a vida estala entre as descargas dos verdugos. Todos os días os matan, camaradas. Son nosos e por seren nosos os asasinan. Temos que escalar ese inmenso presidio, camarada. Temos que romper esa crueldade. Os soldados que ti, soldado do pobo, tes enfronte, custodian a morte. Son sentinelas macabras que vixían o inmenso calabozo das torturas e das inmolacións terríbeis. Ti, soldado do pobo, tes que derrubalos e abrirte paso por riba deles. Canto antes o fagas máis vidas obreiras, vidas irmás, poderá salvar o teu arroxo e poderá ganar, para a nosa causa, a túa valentía. Xa non é só a vitoria a que te brinda a súa tentación. É á morte á que tes que escorrentar. É a lepra fascista que está a abrir o cancro das súas ferocidades e as crava na nosa carne. Se na empresa perdes a vida, camarada, pensa que a perdiches sen o prólogo tremendo da prisión, sen o martirio da tortura, sen a dor de estar indefenso, sen a angustia de te enfrontar cun piquete bárbaro que dispara co seu sorriso feroz e mata coa crueldade de quen non corre perigo. Todas as mañás a estampa conmovedora de Castelao faise sacrificio. Durango, Eibar e Gernika teñen cinzas, chamas e cadáveres. Non deixes que o presidio fascista se axigante. Cada paso que deas cara atrás significa que abriches por ti mesmo unha nova tumba sobre a que caera, maldicíndote, o sangue dun camarada.
El Liberal, 28 de abril 1937.






