BiosBardia

O país dos libros en galego

Se cadra somos xa coios dun río irrematable

Río.

Ismael Pato.

Se cadra somos xa coios dun río irrematable. E a auga nun tempo presente chamado hoxe, manducando en nós coma o resumo de quen non atendeu na clase. Ela, na súa aperta reticular, case coma unha restra que nos invade e nos evita e nos sepulta. Imporá a súa toga ata que a seca entre en vigor, entón a tiranía redactará a súa constitución. Xuramentos. Décimo cuarto, primeiro, oitavo, vixésimo. Todos eles décuplos en latín, deses que só a vontade entende. Namentres, habitará as nosas beiras un enxame áptero de pingas que, de consún, e de forma inaudible, apuñalarán a nosa pel con alfinetes de mármore. Comunicaremos a nosa dor a un arauto que nunca arribará. Será no intre no que a humidade busque gravar por fín o cuño na nosa fronte cando percibamos a homonimia como a falsa comunidade que di ser. Non será dabondo cedo e a sinatura inevitable, mais espertaremos do eterno letargo que pensabamos acougo.

Relacionadas:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *