Andel de fantasía, outubro do 2026
Inés Mosquera.
Esta listaxe céntrase en recomendacións de literatura infantil e xuvenil. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publícase cada dous meses. Non se inclúen obras publicadas por Aira.
A fábrica secreta de nubes, de Carpeta Ink (Carmen Rodríguez López). Antela Editorial
Divertida proposta literaria e á vez didáctica en que non só se lle permite ao lector entrar á fábrica do ceo, senón tamén a coñecer a información esencial sobre os diferentes tipos de nubes. Unha atractiva proposta visual para soñar con esas nubes imperfectas que espertan a imaxinación coas súas curiosas formas para que, logo de coñecer os seus segredos fabrís, sigamos ollando con curiosidade cara ao ceo. Para ler a partir dos tres anos.
Maxina e a maxia das herbas, de Ramón Romero Nogueira e Baltar Morgade Lores (ilust.). Boulevar
Álbum ilustrado contra o clixé das bruxas, a prol da ciencia e a sabedoría popular. Neste conto en cuartetas e a toda cor, a pequena Maxina, lonxe de atopar a horripilante bruxa que se esperaba, dá cunha amable curandeira que lle explica sobre as propiedades do romeu, o tomiño… mais non só, senón tamén do ioga, as masaxes e a importancia de coñecer aquilo que nos rodea a través da ciencia, cunha chisca de cariño. Para ler a partir dos tres anos.
A xirafa e o rato, de Tomi Ungerer e Brenner (ilust.) Tradución de Sandra Senra Gómez e Óscar Senra Gómez. Kalandraka
Álbum ilustrado ambientado nun martes, un martes calquera, en que unha xirafa e un rato dan en coñecerse. Ambos animais son coma o día e a noite e compiten por ver quen é máis ca o outro, até que chega o momento no que teñen que cooperar para liberarse do enredo provocado por un cazador e un misto. O estilo de ilustración, con delineados espontáneos en cores suaves, contrastan coa intensa cor vermella do lume que acaba por unir os ‘adversarios’. Para ler a partir dos tres anos.
Puca, de Travis Chen. Antela Editorial
Banda deseñada muda do autor de cómics e artista de animación estadounidense Travis Chen. Esta entrañable historia de orcos e humanos reflicte dun xeito tenro a dura realidade do sentimento de alienación. Na travesía de Puca en busca do seu lugar no mundo, relucirá o encanto da propia viaxe, a aventura a importancia de todas aquelas amizades que xurdirán no decorrer do percorrido vital. Para ler a partir dos cinco anos.
Sketchbook: o meu verán, de Uxía Rodríguez Vázquez. Cuarto de Inverno
Ópera prima da autora e ilustradora ourensá, editada en libro obxecto en formato sketchbook. A autora, a modo de diario, abre e pecha capítulos dun verán da súa vida. Neste exercicio metaliterario, en mestura de ilustracións en texturas e cores, ás veces cunha sorte de aire nostálxico, gañan peso narrativo os intres dedicados ao pasamento da compañeira canina da protagonista e ponse de manifesto un aparentemente sinxela empatía co lector. Para lectorado xuvenil autónomo.
A última xastra, de María Solar e Xiana Teimoy (ilust). Xerais
Aldara non quere ser xastra. Con todo, esta pequena herdeira dun negocio de xastres espallado polo globo lévanos de viaxe por Rusia, o Brasil, a India e Francia para coñecer o mundo da xastraría. Unha lectura que fala da importancia do artesanal e convida á reflexión sobre a ruptura cos roles impostos, adaptándoos a aquilo que nos fai felices. As ilustracións de Teimoy acompañan a pequena Aldara na súa particular volta ao mundo e encarnan os tópicos das diversas culturas. Para ler a partir dos sete anos.
A astuta Polly e o lobo parvo, de Catherine Storr e Eva Fandiño (ilust.). Tradución de Eva Almazán. Sushi Books
Chega ao galego esta obra que Storr escribiu para as súas dúas fillas pequenas no 1955. A obra, artellada en doce contos, cunha aleuta nena como protagonista, está ateigada de simpáticas aventuras onde a rapaza demostrará ser máis enxeñosa ca o enorme lobo negro co que se atopa. Para ler a partir dos sete anos.
O día que Úrsula Mon se converteu en oso, de Mónica Rodríguez e Ester García (ilust.). Tradución de Isabel Soto. Kalandraka
Novela que se desenvolve nunha afastada poboación de montaña, onde os habitantes conviven con historias e lendas de osos. Nunha formidable tradución ao galego, dáse a coñecer a historia de Úrsula, unha cativa que atopa nun especial vínculo cun oso unha conmovedora vía de escape á súa situación vital. Envolvente obra que abriga a quen a le. Para ler a partir dos once anos.
Folerpas no mar, de María Xesús Blanco e Sheila Broullón (ilust.). Galaxia
Unha nevarada é o fío condutor das lembranzas de Zahi, canda a súa familia, a súa cadela Furna, os seus amigos e algúns abusóns mentres pasa as vacacións de decembro na casa dos seus avós, en Buxaina. Conta cunha unidade didáctica na páxina web da editorial. Para ler a partir dos oito anos.






