Estampas de ‘Galiza Mártir’ reproducidas e comentadas no xornal bilbaíno El Liberal (2)
Xesús González Gómez.

ESTAMPAS DE CASTELAO
ESTE É O DEUS DOS FASCISTAS
Rompeuse a divindade, feita mil anacos, canto se trata de aireala como emblema fascista. Cada fascista, cada grupo deles, ten un deus implacábel, rancoroso e vingativo que se exhibe coma deidade fascista peculiar, expresamente forxada para o amparo de todo ese mundo de instintos que latexa coas organizacións fascistas. En Alemaña elaboran a toda présa un deus ario que algún día se fará carne no misterio dos ritos xermánicos e aparecerá co bigote retallado e cubrindo o seu torso coa camisa parda. Alemaña ten posibilidades para crear un deus. Xa comezou a fabricalo e a lle procurar unha patente que lle asegure como de uso exclusivo da devoción tudesca. Un deus que só poderá circular co «Made in Germany» que acredite a autenticidade da súa manufactura. Italia, que malia todo non puido desterrar as súas raíces pagás, puxo a Deus ao seu servizo e fíxolle un serio contrato de traballo que Mussolini concertou co Vaticano para os mercados fascistas. Austria pretende, canda este secuestro da divindade que se fixo en Roma para servir as apetencias de Mussolini, que o seu deus fascista é moito máis auténtico que o que se expende en Roma baixo o control do nazismo italiano. Oliveira Salazar, por non ser menos, tamén desfruta dun magnífico deus portugués, que malia a súa divindade está adscrito á colonia relixiosa que exerce Inglaterra.
Deuses fascistas! Unha nova mitoloxía xurdiu coas cacharelas acendidas nas ditaduras. Unha mitoloxía que non ten o sortilexio nin a graza que caracterizou á grega ou que deu resplandores á romana. Unha mitoloxía sen beleza, porque a crueldade non pode nunca ser bela. As deidades fascistas son deidades de ouro, de sangue e de opresión. As mans que estaban cravadas na cruz foron descravadas e agora ofrecen eses mesmos cravos cos que se están a abrir as chagas formidábeis das tiranías. As pregarias fascistas están feitas de maldicións. Son moitos os deuses fascistas. Tantos como os instintos. Tantos como as ambicións. Tantos como a vertixe delirante que produce a suxestión do poderío. Os fascistas en España teñen tamén o seu deus. Ás veces é ario, ás veces vaticanista, ás veces inquisitorial. Executárono en Durango, nin sequera polas costas, mais si a traizón. Executárono cando, coma o do Calvario, dirixiu a súa ollada cara enriba para doerse do seu abandono. De enriba, na puñalada bárbara da metralla, veulle a morte. Por unha vez o misterio da transubstanciación das especies fíxose carne, mais carne ensanguentada, á que logo a morte deixaba irta.
Deuses fascistas! A mitoloxía deste período abre a súa gama e ofrécenos a súa variedade. Mais tamén acabou por se estabelecer a unidade. Hai un deus único para todos os fascistas. Ese que debuxou Castelao. Sobre o fronte achatado dun Buda xigantesco, xorde, afiado e ferinte, o remate aguzado dun casco bélico. Xa non ten o halo místico que criaba no seu rostro. Xa non hai resplandor na súa cabeza. Non lle baixa do ceo ningunha claridade. Ningún luz acéndelle a face. É un deus que coce as súas sentenzas baixo un casco de ferro, que se coroa por ese puñal enfiado cara enriba, como se quixese ameazar ao propio ceo. O seu decálogo, se o dese, non estaría escrito en pedra, senón en espadas. O Buda que debuxou Castelao non é sensual, coma o outro. O outro ofrece o seu enorme ventre de deus satisfeito. Este, coma un «samurai», desgárrase e déixanos ver a morte nesa espantosa pirámide que sube até o corazón, é a morte a que o engorda e a que lle presta esas proporcións colosais até erixilo en divindade. Este deus é unha confirmación brutal das teorías naturalistas, segundo as cales as especies se devoran unhas ás outras e desa loita pola vida vence o máis forte. O máis forte é ese deus fascista, grande e feroz, que devora os homes. Non, non é certeira máxima de que a relixión é o opio do pobo. A relixión fascista non é opio, senón veleno do pobo. Non adormece, mata. A relixión fascista transplantou á terra o inferno e as súas monstruosas cacharelas, está a destruír o mundo.
El Liberal (Bilbao), 27 de abril de 1937






