Xavier Queipo: “Estou especializado en escribir o que vivín e en escribir o que soñei”

Xavier Queipo (Santiago, 1957) foi o convidado encargado de abrir a nova tempada (a terceira) da sección ‘Conversas Biosbardia. Os oficios do libro’, patrocinada pola libraría Cartabón. O escritor estivo case dúas horas repasando non só a súa traxectoria vital e literaria, senón analizando moitos asuntos da actualidade e tamén da cultura galega.
Queipo contou, por exemplo, por que escolleu ese nome artístico fronte aos seus apelidos reais: Vázquez Álvarez. “Queipo era o nome de guerra que eu tiña na miña época de militancia antifranquista; puxéramo un compañeiro e parecíame moi simpático contrapoñer o meu Queipo ao Queipo de Queipo de Llano”, explicou.
O autor lembrou que foi un neno apegado á natureza e ás doenzas. “Eu tiven todo o que se pode ter. Tose ferina, meninxite… Agás a polio, o resto padecino”. Iso motivou que fose un neno feble, encamado, que empezou a ler máis ca os seus compañeiros de clase.
Xavier Queipo estudou Medicina e Bioloxía e lembrou como no seu tempo ir á Universidade era unha experiencia global: “Nos anos 70 iamos á Universidade, non a unha facultade. Porque era moi habitual, polo menos no grupo que frecuentaba, asistir a clases doutras carreiras, á parte das da propia. Sabiamos que ía dar clase tal ou cal profesor e alá iamos escoitalo. Hoxe atopas médicos que só saben de Medicina e se lles preguntas algo de Historia ou de Arte non saben absolutamente nada”.
Sobre o mercado editorial actual en lingua galega, o escritor considera que “hai bastante oferta, pero quitando excepcións, cada título que sae ao mercado recibe unha atención moi limitada”. Isto sorpréndelle. “Hai un 25% da poboación que vota o Bloque Nacionalista Galego, pero esa faixa da sociedade non compra libros en galego nin apoia a cultura en lingua galega. Non sabemos que estrutura mental ten a xente que, votando o Bloque, non é coherente no plano cultural, con ese voto. Probablemente haxa tantos lectores de libros en galego entre os votantes a outras opcións, e iso coido que merece unha investigación”.
Tamén explicou por que segue a presentarse a premios literarios malia a súa amplísima traxectoria. “Aquí soamente teñen un plus de entrada no mercado os libros que levan unha faixa cun premio. Xa hai dous ou tres xornais que te van entrevistar se gañas un certame. Á parte de que a ninguén lle desgustan os cartos”. Sobre os premios deixou outra reflexión: “Por que non se presentan os nomes consolidados? Porque non lles paga a pena, xa que a dotación deses galardóns está conxelada. Eu gañei 25.000 euros cando recibín o Xerais por Extramunde; hoxe pagan 10.000″.
Queipo subliñou que escribe acotío. “Agora incluso escribo no móbil. Todos os días, aínda que só sexa un pouco”. O autor resumiu o seu concepto da literatura cunha frase: “Estou especializado en dúas cousas: escribir o que vivín e escribir o que soñei”.






