‘O home desexado’, humor e transgresión
Eduardo Maroño.

1987 foi un ano crucial na traxectoria do debuxante alemán Ralf König (Soest, Alemaña, 1960). Ese ano publicou o seu primeiro cómic longo que foi tamén o seu primeiro grande éxito de público, O condón asasino, un relato de humor sexualmente explícito que parodiaba os clixés do xénero negro. Nel atopamos moitos dos elementos que caracterizarán gran parte da súa obra posterior: un predominio da temática sexual e especialmente homosexual (até ese momento König colaborara durante case unha década con fanzines e revistas dirixidos a un público gai) e un sentido do humor directo, groso por momentos, mais capaz de translucir unha ollada crítica sobre algunhas convencións sociais do seu tempo. Cara a finais do mesmo ano vería a luz outro dos seus títulos máis célebres, Lisístrata, no que adaptaba o clásico de Aristófanes de novo dende as súas persoais coordenadas creativas. Entre un e outro cómic apareceu aínda un terceiro, confirmando a inspiración e fertilidade de König nese ano. Trátase de O home desexado, título que vén de ser publicado por Rinoceronte Editora en versión galega de Óscar Iglesias.
O home desexado mostra a König nunha faceta menos aceda, máis sutil que as obras que mencionamos até agora. Tras ser deixado pola súa moza, Axel, o protagonista do relato, únese a un grupo de homes que se reúnen periodicamente para “deconstruír” a súa masculinidade. Da man dun dos asistentes a esas reunións, comezará a frecuentar os ambientes homosexuais de Düsseldorf. A partir desta premisa, König constrúe unha comedia de situación que xira arredor da tensión entre a heterosexualidade de Axel e o desexo que inspira no seu novo círculo de amigos.
Este volume permítenos apreciar o estilo gráfico de König nos primeiros anos da súa carreira, nos que a débeda con algunhas das figuras máis coñecidas do cómic satírico europeo (Claire Bretécher) e norteamericano (Jules Pfeiffer) resultaba especialmente notoria. Mantense o seu estilo cru, case feísta, aínda que atenuado se o comparamos con outros traballos de contido máis corrosivo. En anos posteriores, as súas formas irían suavizándose, amosando unha variedade de rexistros ausente nos seus comezos. Están presentes ademais algunhas das decisións narrativas máis frecuentes nas súas pranchas, como o mantemento dos planos fixos nas escenas dialogadas, recurso moi propio do humor gráfico e especialmente apropiado para cómics coma os seus, nos que o que se di ten habitualmente máis importancia que o que acontece.
Aínda que non faltan pasaxes máis explícitas do que resulta habitual nos contidos dirixidos ao gran público, é probable que o cómic perdese cos anos boa parte da súa forza transgresora. Estamos hoxe inmersos nunha vaga reaccionaria que é, en gran medida, unha resposta histérica aos avances sociais de grupos tradicionalmente discriminados, mais non pode negarse que o colectivo gai goza na actualidade de moita máis visibilidade, aceptación e dereitos que a finais dos anos 80, cando foi publicada a obra orixinalmente. Isto reduce o impacto e tamén a comicidade dalgunhas das situacións que König retrata (bares de ambiente, travestismo, salas de cine porno), pero non estamos ante un título que o aposte todo a épater le bourgeois. Sen chegar a facelo odioso, König retrata a Axel como un personaxe manipulador e emocionalmente torpe, que aproveita as vantaxes que lle proporciona o seu atractivo sen ofrecer nada a cambio. Baixo a aparencia dunha simple comedia de equívocos, o autor alemán expón a persistencia do privilexio heterosexual e dos prexuízos en contra do colectivo gai, mesmo entre homes que se supoñen abertos de mente. Catro décadas despois da súa aparición, a lectura deste cómic segue a ter interese e ofrece un testemuño histórico acerca de cuestións que seguen a ser relevantes na actualidade.
Unha curiosidade: en 2021, Dargaud Editions encargoulle a König a elaboración dunha nova aventura do popular cowboy francófono Lucky Luke. Este feito fala do atrevemento do editor (premiado cun bo resultado creativo), mais tamén confirma que un autor que se situou durante moito tempo nas marxes da banda deseñada europea ocupa dende hai anos unha a posición central. Unha visión de conxunto da súa obra permitiría contemplar tanto a súa propia evolución creativa coma a transformación social que tivo lugar en Europa durante as últimas décadas. Mais para iso sería preciso engadir a este primeiro volume aparecido en galego algúns dos principais títulos da súa longa traxectoria. Non parece probable que o cativo mercado editorial galego dea para tanto.
♦ O home desexado, de Ralf König. Tradución de Óscar Iglesias Álvarez, Rinoceronte, 2026. 124 páxinas. ♠16€






