BiosBardia

O país dos libros en galego

Algúns apuntamentos sobre a configuración da identidade do sistema literario galego

Algúns exemplares da Biblioteca Galega 120, que se publicou no 2002.

Iria Braña.

Existe a certeza, nos tempos de hoxe, de que o sistema literario galego está revestido da entidade suficiente para ser un conxunto ben diferenciado respecto ós sistemas veciños, o español e o portugués. Porén, aínda nos podemos preguntar sobre a súa definición, podemos afondar nas súas particularidades e cuestionarnos[1] en que medida interveñen os diferentes axentes vinculados á literatura nas obras que se publican (escritores, lectores, críticos, editores, premios, institucións…), como inflúen as relacións de poder, a competencia e o recoñecemento (cuestións vencelladas ó concepto de campo literario desenvolto por Pierre Bourdieu), mais tamén é un tema que abre máis vías: se inserimos o noso contexto social e as relacións que fan posible a existencia da literatura como tal, achegámonos máis á teoría dos polisistemas.

En canto á cuestión cualitativa da literatura galega, que en non poucas ocasións lle confiren solvencia e recoñecemento a unha literatura, sacamos fóra de toda dúbida a calidade das obras literarias producidas nel: é un feito obxectivo, manifesto e incuestionábel, que o produto (un texto literario ou unha tradución, neste caso) está, cando menos, á altura das demais literaturas, cando non é directamente superior tendo en conta criterios estéticos e a dimensión transcendental que adquiren certas obras. Con todo, non se trata de establecer comparacións en termos cualitativos. Trátase de observar, e polo tanto reflexionar, ata que punto o resto de compoñentes do sistema (os autores, os lectores, os editores e o mercado; ou, se queremos, utilizando os conceptos de Itamar Even-Zohar: os produtores, consumidores, mercado e repertorio) alteran inevitablemente non só a identidade do sistema literario galego senón tamén o seu propio devir.

Como adoita suceder nos sistemas literarios nos que a súa identidade está vencellada á lingua empregada, neste caso, e pola situación diglósica de Galicia, ó uso dunha lingua minorizada, sucede que o sistema literario non acada, con todo, o grao de normalidade. O galego, magoado pola perda progresiva de falantes, a ausencia de prestixio social e emparellado cada vez máis con sectores galeguistas da sociedade, veuse ademais afectado pola recente e paradoxal tendencia ó autoodio, pola concepción prexudicial e infundada de que o que se fai aquí é peor que o que se fai fóra. Ademais, contamos con outra eiva importante, tal e como sinala Inma López Silva no mencionado estudo respecto a esta cuestión: a reivindicación da cultura galega (e por tanto, da lingua galega) viuse ao longo do tempo unida ao elemento político e ideolóxico para artellar a argumentación de determinados grupos de poder. Así, a aceptación do texto en galego (na súa produción, recepción e posterior circulación), non deixou de vir determinada, en certo sentido, pola súa dependencia a certos intereses que van máis alá do puramente estético ou literario. Hoxe, tamén, escribir en galego é un acto de militancia, en tanto que somos coñecedores de que se trata dun sistema pequeno, que os potenciais lectores en galego van sendo cada vez menos, e que resulta en moi poucos casos viable dedicarse soamente á literatura como modo de vida. Quen escribe en galego sabe que, as máis das veces, o que recibirá en troco non serán os meles da gloria, senón, quizais, no mellor dos casos —de ser publicado— que o libro ocupe durante un par de semanas algún oco dun escaparate dunha libraría, e que se fagan un par de presentacións; no peor dos casos, a indiferenza absoluta (obviaremos agora a insultante cuestión do espazo físico que ocupa o libro en galego nas librarías; obviaremos tamén a sobreprodución que semella haber nos últimos anos, ante a que é imposible sobrepoñerse, mais a posibilidade de que un manuscrito sexa, tan sequera, lido por unha editorial é practicamente remota.

Acaba agromando por tanto o cuestionamento de se o sistema literario galego —polo uso da lingua como elemento non só condicionante senón como eixo central da cuestión— presenta a autonomía necesaria (sabendo que é imposible desligar completamente o elemento ideolóxico ou nacionalista de calquera literatura) para acadar un estado óptimo de funcionamento. Mais non só por isto que se apunta; tamén, como digo, a dinámica do sistema é só posible pola posta en marcha de todos os elementos que o conforman. No caso do sistema galego, tal e como apunta Dolores Vilavedra, debemos concibilo tendo en conta as súas particularidades sociais e culturais, entendéndoo como un discurso inserido nun determinado espazo público que supera a concepción territorialista. Así, unha obra pertencerá ó noso sistema se acepta e se insire nas normas que o compoñen. Na época contemporánea, coa democratización da literatura (da arte) fíxose evidente que, case calquera —case, pois para a grande maioría é preciso contar cun traballo que lle cubra as necesidades básicas para poder dedicarse á escrita. Sería interesante analizar cantos dos autores e autoras do noso sistema son funcionarios/as— pode ser escritor ou escritora: como se adoita dicir, fai falta tempo e vontade.

Chegados a este punto tamén está claro: a posibilidade de valoración do noso —en calquera sentido, xa o di Adrián Solovio en Arredor de si: a paisaxe, o carácter, a historia, e calquera manifestación artística— está tan soterrada por capas e capas de autocomplexo que semella que dedicarse a escribir é un asunto menor, que un o fai porque está ocioso e non sabe en que investir o tempo. Non entrarei a debater as motivacións que levan a cadaquén a escribir, nin a natureza do que se escribe, xa que poden ser tan diversas e oscilar tanto entre criterios estético-ontolóxicos e o excéntrico que sería preciso desenvolvelo de xeito máis extenso. Aínda así, o tema central é o feito de que existe a constante barreira que nós mesmos nos poñemos —todos os que intervimos no sistema, dunha ou doutra maneira— que o menoscaba e o converte en inestable. Un exemplo é a pretensión por incluír entre as filas do sistema autores nados en Galicia, pero que só escriben en español —outro debate preséntao o escenario de autores que escribiron en galego de xeito tanxencial, ou ben que son galegos ou galegas, que só escriben en español, pero que a súa obra está atravesada polo imaxinario colectivo galego—, mais este desexo non sucede igual á inversa, no sistema español, para sorpresa de ninguén. E aquí é onde, de novo, per saecula saeculorum, continúa vixente a eterna discusión entre o centro e a periferia, e a primacía dos intereses do mercado por riba do elemento artístico. Quizais por iso apenas atopamos presenza, por exemplo, da denominada novela lírica na literatura galega, ou practicamente non existen iniciativas que acubillen os intentos das novas voces por facerse oír. O asunto é demasiado fondo para reducilo a unhas cantas páxinas. É como se o que temos, o que somos, se considerase tan insuficiente que houbese que buscar o prestixio no outro lado, no fóra. A idea do canon continúa absorbendo calquera outro criterio na definición do sistema, tendo en conta que o canon segue fortemente vencellado á tradición.

No sistema literario galego, o capital simbólico e o poder simbólico deberían estar ó servizo da conformación da súa identidade, que non son o mesmo: entendéndoos en termos de Bourdieu. O primeiro sería unha especie de recurso, unha lexitimidade que pode ter, por exemplo, un autor recoñecido, unha editorial prestixiosa, unha obra que acadou un premio; namentres que o segundo sería a capacidade de exercer dita influencia e ter impacto grazas a ese recurso.

A cuestión da recepción da obra tamén debería ocupar un lugar central na nosa reflexión. Porén, é inxusto, e diría, imposible, reducir a responsabilidade da recepción só ó/á lector/a. Se ben é certo que a oferta de libros en galego aumentou considerablemente nos últimos anos, especialmente coa aparición de editoriais comprometidas non só coa publicación de obras en galego senón con traducións de obras clásicas e contemporáneas á nosa lingua —que, no caso de sistemas minorizados coma o noso, pode ser, segundo se mire, beneficioso ou prexudicial—, segue faltando, se observamos outras literaturas, un modo de acceso ó libro en galego máis directo, máis democrático. Segue faltando, por exemplo, un libro propiamente de peto no noso sistema, coa consecuente adaptación do prezo. Segue faltando apoio institucional —non basta só con iniciativas de boa fe, aínda que necesarias e beneficiosas, como as feiras do libro, recitais poéticos, encontros literarios—, é precisa unha implicación máis sólida e firme por parte da Xunta de Galicia —non só na organización de “eventos”, senón sobre todo na posta á disposición de subvencións e axudas tanto á publicación como á adquisición de libros—. Por tanto, non todo se pode reducir “ó gusto” do receptor —na escolla dunha lectura inflúen gran cantidade de criterios, desde a educación do gusto ata a valoración negativa da propia lingua—, xa que, segundo a teoría dos polisistemas, o repertorio (modelos, materiais, regras, convencións) tamén ocupa un papel determinante á hora de producir, compartir e comprender os produtos culturais. Sen o repertorio, non poderiamos entrar na obra de arte. E é aquí onde se fai evidente que o sistema literario galego é aínda recente: estase facendo, de maneira que os axentes implicados, ás veces, carecen —non por vontade nin formación— das ferramentas necesarias para valorar os textos. A este respecto, o papel do editor e do crítico literario poden resultar determinantes ou, cando menos, prestarse á reflexión á hora de xulgar o seu labor na configuración da identidade do sistema. A nosa literatura, en termos obxectivos, non conta coa pluralidade abonda de voces de persoas dedicadas á crítica literaria, en termos cuantitativos, tan necesaria para a desmitificación do discurso único, e este é outro dos problemas que contribúen a situar o noso sistema nunha posición de non normalidade —empregando as palabras de López Silva—. Pero é máis, como tamén apunta esta autora, as máis das veces o crítico atópase na difícil tesitura de ir máis alá da análise do texto propiamente dito, precisamente porque a cuestión do uso da lingua galega na obra literaria estivo vencellada, durante moito tempo, a cuestións ideolóxicas e políticas.

Doutra banda, como parte do conglomerado do repertorio, sería interesante artellar outro debate sobre como inciden as relacións interpersoais na recepción e circulación das obras. Pola propia natureza do sistema, é inevitable que o contacto entre as persoas que interveñen nel sexa máis directo que noutros sistemas literarios con millóns de falantes e con gran cantidade de produtores e receptores. Nas nosas condicións, axudadas sen dúbida polas características da posmodernidade que todo o dilúe, é moito máis doado establecer vencellos entre todos os que interveñen —non entraremos tampouco a cuestionar a calidade nin natureza de ditas relacións, nin da súa verosimilitude—. Trátase de poñer sobre a mesa, para reflexionar, ata que punto o feito de coñecer, de estar no lugar axeitado —segundo o momento e as circunstancias— activa os mecanismos precisos para darlle pulo a unha obra. Este feito, que aparentemente é beneficioso, non deixa de situar unha obra nunha trama estraña de intereses e favores, que contribúe a perpetuar os mecanismos de poder. Como apuntou Barthes, a literatura debe resistir as efectuacións do poder, mais, ao situarnos nunha reflexión sobre o propio poder que a determina ou da interacción entre ambos, asumimos que, de xeito implícito ou explícito, a mesma literatura é a que responde a estas friccións.

Mais non todo é tan desesperanzador: existe toda unha gama de novas voces —de todos aqueles axentes do sistema, non só autores e autoras— dispostas a mudar as tornas, tamén outras, entidades xa consolidadas, que apostan por fornecer da tensión necesaria a dialéctica entre centro e periferia. Existe aínda vontade literaria, pulsión artística no noso sistema, aínda que certas obras pasen desapercibidas. En definitiva, en termos de calidade, a noso atópase nun dos seus mellores momentos, mais tamén está a vivir, parece, continuamente co pé enriba do freo.

[1]     Froito do desexo por solventar estas dúbidas achegueime ó estudo de Imna López Silva: Escritores, lingua e identidade: o exemplo da literatura galega contemporánea (2001), no que de xeito sobranceiro aborda a cuestión da natureza do sistema literario galego e analiza as diferentes dinámicas que o definen. Partindo do seu estudo, propúxenme reflexionar sobre a situación máis inmediata do noso sistema, quizais, se queremos, cunha mirada máis actual, aínda que nunhas poucas páxinas resulta imposible atinar categoricamente coas conclusións

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *