BiosBardia

O país dos libros en galego

Noticia de última hora: a literatura sempre é artificial

Max Spero, cofundador e conselleiro delegado de Pangram Labs.

César Lorenzo Gil.

Nos últimos días, a noticia sobre literatura que fai ferver as redes sociais é unha reportaxe de El País de Madrid que “desvela” que a novela Donde el agua trabaja, do peruano David Silva Rojas, foi escrita pola intelixencia artificial. A obra gañou o I Premio Internacional de Novela Breve Almadía Ventosa-Arrufat, dotado con 20.000 euros e que convocan a editorial mexicana Almadía e a Sociedad Ventosa-Arrufat, promotora de iniciativas culturais a través do legado do matrimonio de empresarios cataláns establecidos en México e xa falecidos composto por Gabriel Ventosa Ruera e Dolores Arrufat Figueres.

A reportaxe, asinada por tres redactores do xornal, non pasa de ser unha das denominadas “noticias de declaracións de autoridade”, é dicir, a base da información é a opinión supostamente ilustrada dun experto da materia que se trata. O curioso é que esa fonte de autoridade non é unha persoa, senón un programa de intelixencia artificial, Pangram, cuxa misión é detectar a pegada doutras intelixencias artificiais en textos. El País inclúe como fonte de contraste a editorial, non o propio autor, algo que nos parecería imposible nesta cabeceira hai só un lustro. Posteriormente, o xornal si publicou a nota de defensa de Silva Rojas, nunha estratexia xornalística denominada de “serpe de verán”, que antes só o usaban os medios cando as vacacións na redacción obrigaban a facer xornais sen apenas noticias, mais que agora inza en todos os medios: o importante non é coñecer os detalles do tema, senón manter a audiencia ocupada días e días contemplando o xogo de declaracións e réplicas entre os implicados coma quen asiste a unha regueifa.

Esta estratexia magnifícase no tempo das redes sociais, onde a maior parte da repercusión nin sequera se basea no texto da noticia, senón unicamente no titular. Desde hai máis dunha década, a “conversación” da actualidade non se mantén directamente coa prensa, senón no oligopolio das redes sociais onde cada perfil é consumidor e creador de contido. De aí que os redactores de El País só deban preocuparse de que o titular fure a cortina de ruído informativo. Porque se lemos a noticia enteira, a información é feble, moito, porque non só se alicerza sobre a opinión dunha única fonte, senón que recoñece que esa mesma fonte é opaca, privada, e non se pode rexistrar o seu método de traballo. De aí que unha vez publicada a noticia, os xornalistas tiveron que “interpretar” o ditame da máquina.

Segundo unha das redactoras da noticia, Elizabeth Duval, a escrita humana é máis variable e a da IA segue padróns. O argumento non é dela, é o que defende o estadounidense Max Spero, conselleiro delegado de Pangram Labs, que si se cita na información, aínda que de forma indirecta. “Max Spero explicó en el podcast Mixed Signals que la miden con millones de textos anteriores a 2022 “que sabemos que no están generados por IA, pero que tampoco están en nuestro conjunto de entrenamiento”. Según sus números, el detector marca como IA uno de cada 24.000 textos escritos por personas”.

Mais toda literatura é artificio. Non hai unha maneira de escribir “natural”, ao contrario, até agora o estilo mellor considerado sempre foi aquel que se mantiña fiel a unha pauta. Por exemplo, para o ritmo, igual que ocorre coa música, é necesario crear un compás máis ou menos evidente.

Se é certo que agora a máquina é mellor creando eses padróns, o que ocorrerá é que deixará de considerarse unha virtude ter capacidade para a “matemática da poética”. Xa non terá valor escribir novelas sen usar a letra E (Adieu, Oulipo!) ou escribir sonetos. O estilo literario “humano” terá que refacerse, pero sempre seguirá a ser un artificio, coma calquera arte, a non ser que volvamos ao relato oral, pero ollo, terá que ser un relato oral improvisado no momento, porque xa as obras de Homero se foron fixando na memoria das xentes mediante esas pautas que agora Duval e Pangram consideran proba inequívoca de literatura non humana.

Ao considerarmos que toda expresión elaborada é pasto da máquina, só nos quedará considerar literatura os parzamiques que solta a xente na sala de espera do médico, os audios de WhatsApp e os relatos dos soños que nos conten ao amencer xusto antes de que se esvaezan da mente.

A información de El País abriu un portelo moi interesante para o xornalismo, a industria editorial e o propio papel da crítica literaria. Aparecería ese titular se o “culpable” fose Javier Cercas (nunha reportaxe anterior, supostamente testáronse as súas obras co mesmo detector e pasou felizmente a proba) ou algún outro pope da literatura institucional española e non un coitado peruano sen ninguén que o defenda? Mentres pase polo cadafalso un premio menor pensado en México, unha editorial mediana nese país, pero moi incipiente en España, todo ben. Pero permitirán os dous grandes grupos editoriais españois que “Babelia” pase de facer listas a analizar textos? O de facer pouco do Planeta nunha crítica que case ningún lector obxectivo le, pasa, pero poñer en cuestión toda a armazón do sistema é figo doutra caixa. Vai impoñerse unha caste de crítica literaria policial?

Confiemos en que a literatura, como ocorreu sempre coas artes ante o cambio tecnolóxico, atopará o seu camiño. Quizais as boas novelas futuras serán coleccións de notas para unha novela (aínda que xa no pasado hai exemplos diso, caso de La novela luminosa, de Mario Levrero). A resposta non a sabemos, pero teñamos en conta que a propia IA aprenderá dos seus perseguidores e o que hoxe é trazo humano evidente, talvez en dez anos non o sexa.

Mais o debate de fondo que realmente interesa é o que formulou o escritor arxentino Patricio Pron recentemente: Para que encargarlle a literatura á IA? Cal é a satisfacción de presentar unha obra prêt-à-porter coma se fose feita a man? É comprensible en certames literarios porque nese caso a relación entre traballo e recompensa calcúlase en horas, pero fóra diso? É máis difícil vivir dos dereitos de autor ca do fútbol; o motivo ten que estar noutro sitio: A fascinación xeral polo libro segue a resistir a pesar de todo. Presumir de escribir unha novela, a pesar de todo, esperta admiración. Vemos como egrexios divulgadores non teñen reparo en exhibir pinturas e vídeos creados por IA sen rubor; a TVG pagou xenerosamente o programa Crononautas, que batuxa coma un porco feliz no feísmo estético e acientífico da historia como espectáculo con imaxes da máquina. Talvez de aquí a pouco o cool será presumir de que a túa IA é capaz de escribir novelas que enganchan máis ca as da IA do veciño. A fórmula do éxito será a fórmula do prompt e non a da Coca-Cola.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *