BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O imperialismo no século XXI’, antídoto contra a desinformación

Duarte Correa.

Héitor Mera.

Está claro que neste mundo que nos toca vivir os acontecementos desenvólvense cunha rapidez extraordinaria e que, en moitos casos, a análise duns feitos xa están eclipsados pola aparición doutros. Se a isto lles engadimos o papel deficitario dos medios de comunicación nos seus labores informativos ou a desinformación, directamente, destes mesmos medios e redes sociais, a deformación analítica, a interpretación deformada e, por suposto, a manipulación indecente, xa son xeneralización dentro do que se coñece como “opinión pública”. Os mass media ao servizo do poder.

A lectora ou lector intelixente e curioso debe buscar alternativas para acabar de entender as causas e razóns polas cales as cousas son como son. Aí está o valor inicial deste libro de Duarte Correa. Axudar a interpretar unha serie de acontecementos dos que nos faltan datos e que precisan dunha análise rigorosa, afastada do sensacionalismo e deturpación das noticias tal e como nos chegan hoxe en día.

Se estamos nun contexto coma este é porque hai unha serie de intereses que o promoven. Nada novo. Novas ferramentas para comportamentos coñecidos. O imperialismo como forma de goberno por parte das principais potencias, fundamentalmente os EUA, o eurocentrismo, a insistencia en explotar territorios nos que consideran que hai uns cidadáns de segunda fronte ao supremacismo branco que continúa pasado o tempo. A descolonización dos pobos é evidente que non foi completa e polo que, en todo caso, estase ante outra fase da explotación dos recursos de países formalmente independizados, pero absolutamente dependentes das potencias que os explotan.

Pouco e pouco, capítulo a capítulo vaise debullando estas e outras claves do que serían os movementos xeoestratéxicos no mundo. Cunha análise que vai do parcial ao global este O imperialismo… dá luz sobre algúns dos sucesos estruturais que guían este mundo e explica que o que acontece en moitos deses lugares do mundo en conflito.

Ás veces, dá a sensación que os capítulos deste libro son compartimentos estancos, coma se non houbese conexión entre os uns e os outros, mais unha vez lido e cunha visión contextualizadora, cada un deles está perfectamente enganduxado. Falar de imperialismo e da supresión de dereitos da clase traballadora leva consigo un fío de unión que o lector ha conectar perfectamente.

É por todo isto que, con ser unha lectura agradable, sinxela e, para entendérmonos, didáctica, cada un deses capítulos debe de ser mastigado e dixerido baixo a tónica xeral da reflexión do que se nos está contando. Correa dános as ferramentas para pensarmos moitas das cuestións que moven o mundo e que afectan dunha maneira máis ou menos directa a todas e a todos.

O libro ten a capacidade de enervar o lector polo que se nos conta, e ao tempo espertar esa curiosidade que se vai saciando e completando cun coñecemento e unha visión puída atendendo ao horizonte hermenéutico que cada un teña antes de comezar a lectura.

O libro é incompleto. Evidentemente, por moito que queira abranguer a realidade, superponse coa capacidade de, cando se distribúe o libro, termos enriba da mesa elementos novos para redactar uns cantos capítulos máis. Por iso, do que se trata con ensaios como este é estarmos atentos para entender mellor o mundo que nos rodea.

Lectura recomendada para regalarlle ao “cuñado” que cadaquén teña que aturar nas sobremesas das paparotas familiares.

♦ O imperialismo no século XXI, de Duarte Correa, Tempo Galiza, 2026. 166 páxinas. ♠17€

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *