BiosBardia

O país dos libros en galego

‘As peregrinacións a Compostela’, guía básica do Xacobeo

Xosé Miguel Andrade Cernadas.

César Lorenzo Gil.

As peregrinacións a Compostela. Mito, historia e falsidades, de Xosé Miguel Andrade Cernadas, aparece na colección ‘Contamos a nosa historia’ da editorial Xerais. A publicación desta obra nesta serie xa amosa dun xeito diáfano o seu público obxectivo principal: lectores interesados en coñecer o noso pasado e que precisan textos sintéticos. A traxectoria do autor é a principal garantía deste volume. Andrade é un dos medievalistas máis prolíficos da nosa universidade, e demostrou nestes anos que os seus intereses (na contracorrente do que adoita ocorrer cos historiadores máis académicos) son diversos: historia política, vida monacal, o estudo documental do Tombo de Celanova…

Divulgación e habelencia dan como resultado un libro para todos os publicos, que se le con gran facilidade e aproveitamento. A obra percorre as fases fundamentais do fenómeno xacobeo desde a inventio no século IX en “escuras circunstancias” até o talvez inesperado revival na época de maduración da autonomía galega a finais do século XX. Polo libro pasan os principais personaxes e eventos que converteron o Camiño a Compostela nun dos elementos principais da historia de Europa.

Mais por riba de todas as súas calidades, hai dúas que sobrancean sobre as demais: Por unha banda, o feito de contrastar as épocas de “vacas gordas” e as das “vacas fracas” do Camiño. Talvez estamos demasiado afeitos a contemplar as peregrinacións desde o prisma de Xelmírez, o Códice Calixtino e outras glorias, pero menos a influencia que tivo sobre a ruta a eclosión do luteranismo no século XVI ou os resultados da tensión entre Santiago e Roma pola primacía como polo de atracción da devoción cristiá.

O outro elemento orixinal e coido que o máis interesante do libro está resumido no último substantivo do subtítulo: “falsidades”. Neste aspecto é onde Andrade constrúe a interpretación histórica máis vinculada ao presente das peregrinacións. O historiador explica as que, segundo o seu criterio, son as causas de que triunfase o Xacobeo tantos séculos despois do primeiro ocaso do Camiño e tamén os motivos que as autoridades autonómicas, principalmente o presidente galego promotor do primeiro Xacobeo de masas: Manuel Fraga, no 1993. O perfil de Fraga: a súa experiencia como ministro de Turismo na ditadura de Francisco Franco, que logo desemboca na súa vocación de converterse nunha especie de gobernante redentor das esencias galaicas na súa etapa política final.

Pola propia vocación de síntese histórica deste volume, pode quedar curto para lectores máis especializados ou que queiran profundar máis no fenómeno das peregrinacións. Mais a obra é un excelente punto de partida e unha mostra do que falta por facer na historiografía divulgativa en galego e sobre Galicia. Para quen queira saber máis sobre o tema, é bo seguir a pista da bibliografía selecta para este libro: Ofelia Rey Castelao, Manuel Díaz Díaz, Adeline Rucquoi, Fernando López Alsina ou Domingos González Lopo, entre outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *