BiosBardia

O país dos libros en galego

Victoria Eiroa, unha dirixente falanxista galega na corte de Goebbels

A falanxista galega Victoria Eiroa, no centro da fotografía, recibida en Berlín por Joseph Goebbels, ministro de Propaganda de Hitler, xunto a outras camaradas da Sección Feminina.
A falanxista galega Victoria Eiroa, no centro da fotografía,
recibida en Berlín por Joseph Goebbels, ministro de Propaganda de
Hitler, xunto a outras camaradas da Sección Feminina.

Xosé Enrique Acuña.

“Foi un muller moi activa, culta e viaxeira”. Unha frase desde a que se tentan perfilar trazos fundamentais da biografía dunha muller, e que se recolle nunha publicación que atende ao título de Ferrol en feminino. Mulleres na Historia da Cidade. Traballo patrocinado en 2009 desde a Concellaría da Muller, nese momento ocupada, en representación do PSOE, por Beatriz Sestayo Doce, e polo que se debuxa unha sorte de roteiro urbano no que se convida a non esquecela. O nome desa muller, tan culta e viaxeira, é o de María Victoria Eiroa e a crónica que segue vai tamén de viaxes varias. A dunha muller á procura do fascismo e, ao lado doutras directamente sinistras, da travesía cara á impunidade histórica por medio dos silencios armados desde a chamada “Transición”, e máis tamén por parte dunha incomprensible restauración acrítica da súa figura —por sorte, mínima— que coincide con outras que se perpetran desde unha confusa, e deturpada, “perspectiva de xénero”. No citado “roteiro” animaríase con ánimo pedagóxico aos seus participantes ou usuarias posibles a que se deteñan ante os lugares (Ruta 1ª 4ª parada) que frecuentou unha muller de biografía nada exemplar desde o punto de vista da universalidade dos valores democráticos.

Otilia Ulbricht, introdutora de Victoria Eiroa no fascismo, posa na porta da súa farmacia de Santiago á par de José Antonio Primo de Rivera.
Otilia Ulbricht, introdutora de Victoria Eiroa no fascismo, posa na
porta da súa farmacia de Santiago á par de José Antonio Primo de
Rivera.

Estudante e fascista en Santiago

Con irmá casada con médico, domicilio na céntrica rúa Galiano e un pai que exercía, en posición de xerente, como home de confianza en Ferrol dos propietarios da compañía Central Gallega de Electricidad, Maria Victoria Eiroa Díaz convértese en anos republicanos nunha das poucas e escollidas estudantes de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago. De seguro intelixente, xa sexa por escolla paterna ou por decisión propia, opta por unha aprendizaxe que vai ser fundamental para a súa vida futura. En 1930, unha parella procedente de Madrid decidira abrir unha academia de idiomas en Compostela, onde tamén se trasladaran para rexentar unha céntrica farmacia. Tratábase do matrimonio formado por unha muller de orixe alemá de nome Otilia Ulbricht e un boticario extremadamente conservador chamado Víctor Muñoz. Victoria Eiroa compaxina os seus cursos na facultade con aulas de alemán impartidas por Otilia Ulbricht nun momento no que o matrimonio, admiradores de Hitler e Mussolini, desenvolvían unha actividade política que lles levaría a ser dos fundadores das Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista en Galicia. A estudante Eiroa —un “pinchiño ferrolán” na opinión dun xornalista que a coñecera daquela— soubo pois dos primeiros momentos das JONS, participou deles e mesmo foi das que se sumou á unificación do partido autoritario fundado por Ledesma Ramos coa emerxente Falange de José Antonio Primo de Rivera. De feito, cando a nova organización fascista abre local na compostelá rúa de San Pedro, Victoria Eiroa, xa plenamente falanxista, foi escollida para portar a bandeira e facer de madriña do acto polos xefes dun partido que xa tiña a Víctor Muñoz como un dos seus principais líderes. A academia de alemán era o lugar que acollera reunións medio clandestinas da Falange galega e mesmo a súa farmacia se coñecía polas forzas da esquerda como o espazo desde onde se planearan moitos dos feitos violentos protagonizados polas primeiras escuadras falanxistas e “jonsistas”. A parella á que se arrimara a moza Victoria Eiroa era das de armas tomar e, no uso da pistola, a propia Otilia Ulbricht deu exemplos que escandalizaron en Santiago. Ela mesma fora a que recibiu e acolleu a José Antonio Primo de Rivera nun acto ante a súa botica e no que a presenza en 1935 da Victoria Eiroa falanxista xa se amosa sen disimulo. Cando en febreiro de 1936 Pilar Primo de Rivera na compaña de Dora Maqueda xira visita a Galicia a efectos de estender a Sección Femenina da Falange, Eiroa pasa a formar parte da primeira xefatura organizativa das mulleres falanxistas galegas. Pertencentes na maioría dos casos a familias da burguesía urbana, mozas como Lila Ozores, Pilar Cardama, María Laura Colmeiro Laforet, Pilar del Río, Purificación Pardo, Bernarda Patiño, Vicenta Pérez ou a propia Victoria Eiroa, souberon de xeito directo —e nalgúns casos participaron— dos episodios de violencia xerados pola Falange contra as organizacións sindicais de esquerdas e as autoridades republicanas. Todo un adestramento para os feitos que se desenvolverían en Galicia desde o 19 de xullo de 1936 por conta dun sanguento golpe militar que, co seu triunfo, pasa a integrar na súa estrutura de poder colaboracionista á rede falanxista na que participaban activamente mulleres como Victoria Eiroa.

Asentado o alzamento e tomadas as cidades, estas entusiastas falanxistas de primeira hora comezan a exercer cargos no novo réxime militar. Destinada Eiroa ao seu Ferrol natal, ocupa os típicos cargos que se lles reservou á Sección Feminina para aplicar os métodos de control político-social sobre as mulleres e, sinaladamente, sobre as familias  que estaban fichadas como “rojas”. Aberto o período bélico foi jefa comarcal da Sección Feminina de Ferrol, delegada provincial de Auxilio Social, encargada do “Auxilio de Invierno” e outra serie de ocupacións ligadas a tarefas de información que nese tempo desenvolve desde un seu achegamento a Jesús Suevos, líder natural e efectivo da Falange en Galicia nos primeiros, —e peores— momentos da represión, e que, en poucos meses, conducirían a Victoria Eiroa cara aos centros executivos da Sección Feminina no territorio da “España liberada” polo franquismo.

Na Alemaña nazi

Un feito circunstancial sería definitivo. Desde xullo de 1937 unha circular demandaba información sobre todas aquelas afiliadas, con certa xerarquía, que dominasen a lingua alemá. O motivo non era outro que elixir as integrantes dunha embaixada da organización que, de xeito oficial, visitaría a Alemaña nazi. Antes de outubro de 1937 faise pública a listaxe e nela figura, entre outras destacadas dirixentes da Sección Femenina de distintas cidades españolas, a falanxista galega que se formara en alemán con Otilia Ulbricht en Compostela. Victoria Eiroa e o resto da expedición embarcarán en Lisboa nun barco alemán despois de seren trasladadas a este porto atlántico nunha operación que se organiza coas reservas propias dunha misión diplomática. As viaxeiras, que tiñan unha previsión de tres meses de estancia, despois reducida, chegaron ao seu destino sen maior novidade para de seguido comezar, baixo a supervisión de Gertrud Scholtz-Klink, dirixente das NS-Frauenschaft (e sempre acompañadas por un tal “señor Kroger”), unha serie de visitas, reunións e actividades que foron puntualmente recollidas por xornalistas nacionalsocialistas como Lora Bauer e Gertrude Richert nas revistas (Freude und Arbeit e NS-Frauen-Warte) que a propaganda nazi editaba para espallar a súa ideoloxía entre as mulleres alemás. Eiroa e as súas camaradas falanxistas de xira por esa Alemaña que xa ensaiaba a violencia contra a poboación xudía, visitaron Potsdam e outras cidades até lograr seren partícipes do momento que pasou por ser o central, máis solemne e de meirande valor político da súa visita. O 11 de decembro de 1937 o xornal da Falange galega publicaba na primeira plana o que se entendía como o maior éxito da expedición e ofrece para acreditalo a fotografía da recepción oficial acontecida en Berlín. Nela aparece retratada Victoria Eiroa, á par doutras camaradas, no preciso momento no que eran recibidas por Joseph Goebbels, ministro de Propaganda e home de confianza absoluta de Adolf Hitler.

“Dirixía o colexio dun xeito moi duro e controlador”, Ana Sastre, sobre Eiroa.

Retornada ao territorio en poder do xeneral Franco, os novos destinos de Eiroa afástana —lograra unha posición de poder dentro da Sección Feminina desde os contactos que abre coa delegación a Alemaña— fóra de Galicia. A desenvolverse o enfrontamento militar contra a legalidade republicano as súas responsabilidades na retagarda xa a sitúan en Burgos ao lado de mulleres directamente achegadas a Pilar Primo de Rivera como Mercedes Formica ou Teresa Loring. Xunto a Lula de Lara, outra dirixente fascista de primeira hora, participa en actividades polas que eventualmente visitará a cidade de Vigo. En xullo de 1938 asiste ao enterro de María Laura Colmeiro con que formara parte da primeira dirección falanxista feminina e, en abril de 1939, nunha estancia xa plenamente política, retorna outra vez á cidade para supervisar coa propia Lula de Lara, todopoderosa “rectora nacional” de Cultura, un denominado ”Cursillo Regional de Cantos Populares” que, organizado polo músico falanxista Rafael Benedito (daquela a residir en Vigo), reverterá en fundamental para os labores de control e propaganda política dos que se servirá a Sección Femenina. Desde este primixenio “cursillo” vigués (participaron nas súas sesións 180 persoas, principalmente “señoritas” escollidas nas cidades galegas entre as familias de orde ou colaboracionistas) comézase a artellar a estrutura oficial e controlada de “coros regionales” que en anos inmediatos se espallarán por Galicia e que, en menos dunha década, formarían parte directa do intencionado programa político —con deseño e dirección entre outras de Victoria Eiroa— que se lle reservou ao folclore “de las regiones españolas” por parte da Sección Feminina da Falange durante as primeiras décadas do franquismo.

Danzas, cinema e espionaxe

Coa vitoria, a Eiroa compostelá, instalada de forma definitiva en Madrid, pasou a ser “doutora en Filosofía e Letras” á vez que, encaixada na máis alta xefatura da súa organización, non cesa de recibir cargos e responsabilidades. Ao ser autorizada por Pilar Primo de Rivera para utilizar en público a medalla “Y” de prata individual con distintivo de ouro desde outubro de 1940 (outras falanxistas galegas foron recompensadas con medallas de distinto grao na mesma altura; casos de María Dolores Ackerman, Remedios de la Puente, Pura Gayoso, Pilar Lago ou Otilia Ulbricht) o papel de Eiroa tomou extraordinaria importancia entre o núcleo máis achegado e de confianza da fundadora. Os cargos que asume neses primeiros anos de réxime ditatorial foron variados mais todos de especial relevancia na dinámica autoritaria da Sección Feminina. Foi “regidora central de Administración”, administradora da “Escuela Nacional Isabel La Católica” radicada en Ávila e directora do “Colegio Mayor Teresa de Jesús”. Sobre o seu paso á fronte deste centro madrileño, o que anteriormente estivera ocupado pola progresista e republicana Residencia de Señoritas creada por María de Maeztu, pódese acudir ao testemuño de Ana Sastre Gallego, muller conservadora e biógrafa de Escrivá de Balaguer, que nas súas memorias lembra unha Eiroa “miúda, morena, aínda moza con modos elegantes” pero que, subliñou, dirixía o colexio dun xeito moi duro e controlador. Como exemplo, Sastre narra como Eiroa chegou a realizar serias advertencias de expulsión a un grupo de alumnas polo contido dunha inocente obra de teatro que organizaran.

A falanxista organizaba cruceiros propagandísticos que duraban varios meses de travesía polo Atlántico.

O seus distintos e compatibilizados cargos pasaron igualmente polo sindicato SEU como “regidora central” e nesa alta responsabilidade retorna a Santiago para participar en xaneiro de 1944 no Congreso Nacional da Sección Feminina que se vai abrir cunha misa celebrada por Antonio Rodríguez Villasanta, cóengo da catedral de Santiago, e home que segundo contara Isaac Díaz Pardo, fora amante clandestino de Otilia Ulbricht, a primeira mentora falanxista de Victoria Eiroa nos seus días universitarios, e que, xunto á súa antiga discípula, tamén estaría presente nas actividades do congreso. Noticias dos activos compromisos cunha ditadura que aínda reserva para Eiroa un posto de especial importancia. En marzo de 1951 é recibida en audiencia no Pardo polo xeneral Franco en disposición do seu novo cargo de “regidora central del Servicio Exterior de la Sección Femenina”. Unha competencia que ocupará para desenvolver labores de propaganda —e mesmo tamén de espionaxe da colectividade exiliada— coordinada co Ministerio de Asuntos Exteriores en mans de Alberto Martín Artajo. Nese intrigante papel foi decisiva a organización que asume do Congreso Femenino Hispano Americano que reúne en Madrid mulleres de ideoloxía totalitaria (a brasileira María Rita Sousa de Andrade, a ecuatoriana Esperanza Matheus de la Peña ou a colombiana Elena Sinesterra de Carreño, como exemplos), e mais tamén a súa implicación nunha serie de cursos que no Castillo de La Mota se realizan por parte de Sección Feminina para preparar a mulleres procedentes de países americanos, e mesmo das Filipinas, como activas axentes sociais e políticas do pensamento falanxista nos seus países e, sobre todo, de defensoras da ditadura franquista. Con Martín Artajo, Eiroa recibe a bispos norteamericanos que chegan a España en apoio do réxime nacional-católico, visita en 1951 as mulleres neofascistas italianas, súmase á axitación exterior que deseñaba o Instituto de Cultura Hispánica e, implicada desde sempre na política de propaganda animada a partir dos dóciles grupos de “coros y danzas”, sitúase no cerne dunha operación diplomática ben custosa, e por veces encuberta, avivada pola Sección Feminina e que lle foi encargada desde as máis altas instancias do réxime ditatorial.

Accións políticas compartidas cunha vida social intensa, aparentemente feliz, que desenvolve en Madrid por conta de escollidos parladoiros nos que frecuenta intelectuais e poetas falanxistas como Leopoldo Panero, Luis Rosales, Dionísio Ridruejo, Antonio Tovar ou Luis Felipe Vivanco. Con eles, as súas mulleres e outras ás que os rigores do réxime lles desculpaban actitudes sociais —e mesmo sexuais— deostadas polo nacional-catolicismo imperante. Victoria, Vicki, Eiroa alternaba coa tenista Lilí Álvarez, coa despois galerista Juana Mordó (falanxistas as dúas ben particulares na súa vida máis privada) ou con outras como Felicidad Blanc, muller do poeta Panero, ou fascistas galegas, tamén de primeira hora, radicadas en Madrid como a monfortina Isabel Cajide ou a melidense María Fouz de Castro que en Burgos exercera de secretaria  de Ridruejo. Con todo, a amizade máis íntima, no persoal e no político, e xa armada no tempo da guerra civil, foi a que abriu con Eulalia Ridruejo. Irmá do tan influente Dionisio Ridruejo, con ela pasou a deseñar as xiras propagandísticas que, durante meses e por medio mundo, organizou a Sección Femenina. Lali Ridruejo e Vicki Eiroa, que mesmo viviron tempadas na mesma casa, comprometéronse desde 1947, e a través dos seus postos no Servicio Exterior, na coordinación dunhas viaxes internacionais para as que un Estado —nun país arruinado que tiña aínda miles de presos políticos nos cárceres e que estaba a sufrir a gran desbandada da emigración interior e exterior—fretou barcos ao completo —como foron o Monte Albertia ou o Monte Ayala— para efectuar onerosas viaxes transatlánticas que podían chegar a durar meses. Expedicións propagandísticas que a propia Eiroa narrou en entrevistas que concede á prensa franquista galega. Por elas sabemos que até 150 integrantes, mulleres na súa maioría, podían ir de porto en porto e de país en país por todo o continente americano, co barco como hotel, e a realizaren exhibicións folclóricas que encubrían actividades de propaganda, visitas a ditadores (caso do dominicano Trujillo), actuacións en bases americanas e recolección de informacións políticas sobre o exilio. Ridruejo e Eiroa efectuaban previamente as súas viaxes en avión para prepararen accións que eran directamente supervisadas pola propia Pilar Primo de Rivera quen, na compaña de Victoria Eiroa, tamén realizou en 1953 unha xira internacional con ampla estancia en Chile.

Eiroa tivo altos cargos nos gobernos da UCD sen deixar de pertencer a partidos da ultradereita.

Con España fóra da ONU, estas xiras eran fundamentais para buscar apoios entre países americanos con gobernos autoritarios ou conservadores. Como mostra de excesos coordinados mesmo se decide producir unha película, con orzamento cuberto na súa totalidade polo réxime, desde a que se publicitará triunfalmente esta experiencia entre folclórica, política e diplomática. Filme co título Ronda española, que se lle encarga ao director Ladislao Vajda e que sería estreado en decembro de 1951 a partir do guión de dous coñecidos novelistas falanxistas, Rafael García Serrano (La fiel infanteria, 1943) e José María Sánchez Silva (Marcelino, pan y vino, 1953). Os dous, como cronistas que foran contratados para “revender” a xira na prensa oficial desde o máis rancio patriotismo español, non dubidaron en introducir a Victoria Eiroa no argumento do filme. A falanxista, máis ou menos encuberta, ten presenza destacada nunha trama na que se mesturan actuacións folclóricas, amores melindrosos, maldades de comunistas e dóciles exiliados dos que se consegue o seu arrepentimento. Incidentes sufridos pola propia Eiroa en Venezuela por conta do fusilamento de Federico García Lorca e outros de semellante feitura valerían de inspiración para guionistas e director que, a maiores de contrataren gaiteiros vigueses e darlle comezo ao filme en Santiago de Compostela, insiren un personaxe de nome “Vicki” (a cargo da actriz Clotilde Poderós) que non disimula a clara coincidencia coa figura real da Vicki Eiroa dirixente falanxista.

Malia quedar moi afectada pola imprevista morte de Lali Ridruejo en febreiro de 1957,  reafirma a súa acción política e implícase na implantación dos “Círculos Femeninos Culturales de Hispanoamérica y Filipinas”, entendidos como grupos femininos profranquistas que actuaban entre as elites de distintos países segundo o modelo da Sección Feminina española. En paralelo, frecuenta fascistas romaneses exiliados como Vintila Horia, establece, xunto ao servizo diplomático español, redes clandestinas de apoio aos peronistas e, con outros compañeiros do partido único, involúcrase en crear novas estruturas falanxistas (Círculos José Antonio) que lle fixesen fronte a irrupción de novas familias do réxime —en especial o Opus Dei— e á primeira emerxencia das organizacións de esquerdas despois de 1939.

Pilar Primo de Rivera asiste á toma de posesión de Victoria Eiroa, á dereita, do seu cargo de “directora general de Promoción Familiar y de la Mujer” polo goberno de Adolfo Suárez en 1977.
Pilar Primo de Rivera asiste á toma de posesión de Victoria Eiroa, á
dereita, do seu cargo de “directora general de Promoción Familiar y de
la Mujer” polo goberno de Adolfo Suárez en 1977.

De “rectora” a alto cargo do réxime do 78

O paso pola administración de Victoria Eiroa sempre se acomodará aos tempos e necesidades políticas e administrativas da Ditadura. Con destinos logrados en situación de absoluto privilexio, en 1962 recibe a “Gran Cruz del Mérito de Chile” que lle impón Sergio Fernández Larrain, embaixador dese país en España e impulsor da lei de proscrición do Partido Comunista chileno. Á vez, como todos os altos cargos do réxime, adopta unha actitude preventiva e de desconfianza ante os cambios que se detectan na sociedade española por causa dunha ditadura que xa cumpría décadas. Eiroa, que se mantiña solteira, segue nos anos sesenta a viaxar de xeito oficial e ocúpase de eventos que divulgan á política cultural franquista antes de que se lle reserve en novembro de 1967 o novidoso cargo de “rectora” da monumental e desproporcionada Universidad Laboral Femenina de Zaragoza. Un destino que semellaba ser unha prexubilación de ouro e todo un agradecemento polos servizos prestados e no que a mantiveron as súas vellas amizades, agora demócratas da UCD, até dous anos despois da morte do xeneral Franco, e xa en días que Adolfo Súarez decreta a desaparición do Movimento Nacional e, con el, da Sección Femenina da FET y de las JONS. Eiroa foi a que recibiu na compaña de Pilar Primo de Rivera, e por voz de Alfonso Osorio, vicepresidente do goberno de Suárez, a noticia da eminente disolución e o conseguinte cese da fundadora. Osorio adiantoulles ás dúas que “a partir de agora, Vicki se ocupará de todo”. E ese todo foi que a antiga falanxista galega pasou de seguido a ser nomeada “directora general de Promoción Familiar y de la Mujer” na chamada Transición democrática. Un territorio de impunidade desde o que Victoria Eiroa, como un Lázaro que volve revivir, viaxa en agosto de 1977 a Moscova como integrante da primeira das delegación oficiais, encabezada polo ex falanxista José Antonio Samaranch, que abre negociacións entre o novo goberno español e a antes odiada URSS. Circunstancia que se repite en 1982 cando, sendo Soledad Becerril ministra, forma parte, en calidade de xefa do “Servicio Exterior del Ministerio de Cultura”, dunha embaixada que visita a “comunista” Cuba de Fidel Castro. Toda unha paisaxe política e persoal que debuxa o impudor co que se abordou, desde o réxime nacido desde a Constitución de 1978, a participación nas novas estruturas democráticas dos altos cargos da ditadura franquista. Sen reparo, Victoria Eiroa, alto cargo do novo réxime constitucional, seguiría a formar parte, en postos directivos, da Asociación Nueva Andadura que con Pilar Primo de Rivera, crearán as antigas dirixentes da Sección Feminina, e, xa xubilada da administración, aínda acadou folgos para ser impulsora da organización neofranquista Plataforma 2003. Cando en outubro do ano 2007 (esta “muller moi activa, culta e viaxeira”) morre aos 92 anos, a súa nota necrolóxica deixaba claro de xeito meridiano polo que realmente Victoria Eiroa quería transcender. Como “excelentísima señora” e co-fundadora dunha organización fascista feminina á que se mantivo fiel desde os seus anos universitarios. Ou, se cadra, por terlle estreitado a man a Joseph Goebbels.

One thought on “Victoria Eiroa, unha dirixente falanxista galega na corte de Goebbels

  1. TIA VICKY FUE UNA MUJER EXCEPCIONAL, TRABAJADORA, INSOBORNABLE Y HONRADA HASTA SU MUERTE. DESCANSE EN PAZ DE SU SOBRINO ANDRES BENITEZ EIROA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *