BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Asasinatos, S. L.’, razoando coa violencia

Jack London.

César Lorenzo Gil.

A trama de Asasinatos, S. L., de Jack London, parece un cruzamento entre a filosofía de Friedrich Nietzsche, un thriller de persecucións e unha sátira empresarial moi adiantada ao seu tempo. Quizais esta é unha obra menor dentro do corpus do escritor estadounidense, pero quen se achegue á novela ten garantida non só a diversión, senón tamén a reflexión política e filosófica que nos leva de volta aos grandes dilemas morais de comezos do século XX.

Ivan Dragomiloff dirixe unha axencia moi literaria, que se dedica a matar por encarga. Pero os traballadores desta sociedade limitada non son simples sicarios. Non matan por diñeiro; a empresa réxese por un estrito código ético. Só aceptan traballos se o cliente demostra, con argumentos non debatibles, que a morte do suxeito reportará un beneficio neto para a humanidade. Políticos corruptos, policías sanguinarios, oligarcas…

A novela comeza xusto cando entra en escena Winter Hall, un xove millonario de tendencia socialista que atopa a idea da axencia inadmisible. Para frear a Dragomiloff, pretende xustamente contratar os servizos da súa empresa para matar o seu propio promotor, por considerar a súa desaparición un beneficio social. E Dragomiloff acepta. A partir de aí, os asasinos a soldo terán que procurar e eliminar o seu xefe, aínda que sigan a admiralo. “Non é nada persoal, só xustiza social”.

A partir dese momento, a novela convértese nunha cazaría a toda velocidade a través dos EUA, en estacións de tren e a bordo de buques. London non aforra recursos da gran novela popular de aventuras. Até o extremo, até converter a obra nunha especie de parodia de baixa temperatura da literatura que naquel tempo atraía o público. A parodia atinxe tamén o desenvolvemento capitalista. A axencia opera coma calquera empresa: ten presidente, burocracia, protocolos de produción, un cadro de traballadores especializado…

Máis alá da trama, Asasinatos, S. L. mantén o interese para o lector de hoxe porque entra de cheo e con todas as consecuencias no clásico dilema: Quen vixía os vixiantes? London, en realidade, parte de aí. Esta é unha novela, como diría Ricardo Piglia, que xorde dunha pregunta, unha soa pregunta que acaba construíndo un mundo.

O antagonista da novela, o fabuloso Dragomiloff, é un filósofo pragmático. Parece algo así coma unha sombra do superhome nietzscheano que se autooutorga a facultade de decidir quen merece vivir. Pode a vontade individual solucionar os males dun sistema podre? É a rectitude moral incorruptible compatible coa violencia directa? Pódese aplicar á relación política e social a mecánica do “sacrificio” que nos permite aos máis de nós consumir carne morta pola man de homes?

Se a novela se sente algo descompensada, irregular na súa confección, non é razón menor a súa curiosa orixe e a súa peripecia. Non foi a Jack London a quen se lle ocorreu a idea. Comproulla no 1910 a Sinclair Lewis, quen acabaría gañando o Nobel de Literatura no 1930, pero que hoxe é moito menos coñecido ca London.

O autor de Asasinatos, S. L. morreu no 1916 sen acabar a novela. A versión final saíu publicada no 1963 grazas ao traballo que realizou Robert L. Fish de acordo coa familia de London. A parte de cada un queda ben clara na edición galega.

♦ Asasinatos, S. L., de Jack London. Tradución de Iago Nicolás Ballesteros, Hugin e Munin, 2024. 220 páxinas. ♠16€

One thought on “‘Asasinatos, S. L.’, razoando coa violencia”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *