Dúas entrevistas a Castelao durante a guerra

75º CABODANO DE CASTELAO
Xesús González Gómez.
Castelao, durante a guerra civil española, gozou de gran popularidade no bando republicano. Durante a súa estadía en Barcelona, por exemplo, o seu nome aparece case que cada día nalgún órgano de prensa oficial ou partidario, e as entrevistas sucedéronse. Hai meses reproducimos unha que que aparecera no vespertino El Noticiero Universal. Hoxe entregamos dúas que apareceron en catalán, polo que as traducimos.
A primeira, en realidade, non é unha entrevista «orixinal», é dicir, non lla fixo a Castelao ningún dos redactores ou colaboradores do xornal en que se publicaba. O xornal era Última hora, un vespertino barcelonés, en catalán, fundado por homes e mulleres de Esquerra republicana de Catalunya, o partido hexemónico en Cataluña en tempos republicanos. En realidade, poderíase afirmar que era un suplemento de L’Humanitat, o órgano central de Esquerra e o seu diario principal. (Como poden supoñer lectores e lectoras, o xornal está escrito integramente en catalán.) O primeiro número de Última Hora apareceu o 18 de outubro de 1935 e desapareceu o 23 de abril de 1938. Era un xornal «avanzado» á época: moita fotografía, textos curtos, e pouca opinión, a non ser nos titulados das noticias. Entre os seus redactores/colaboradores atopábanse as firmas de: Irene Polo, Gabriel Alomar, Carlos Pi Sunyer, Josep Maria Lladó, Antoni Rovira Virgili, Carles Pi sunyer, Nicolau M. Rubió, Josep Mª Lladó Figueres, Ángel Zúñiga, Joan Alavedra (que levaba a sección «Mirador discreto», dedicada á cultura), etc. Foi o seu primeiro director Josep Maria Massip, que en 1936 fuxiu de Barcelona e acabou pasándose aos militares sublevados. O fotógrafo principal foi Agustí Centelles.
Durante a guerra continuou case que o mesmo elenco, engadindo o gran folclorista Joan Amades, que case cada día, na última páxina, entregaba un escrito de tema etnográfico. O 28 de xuño de 1937, como para conmemorar a celebración do primeiro aniversario plebiscito do Estatuto galego, publican unha entrevista con Castelao. En realidade non é unha entrevista realizada por algún membro da redacción ou colaborador do xornal ao autor de Cousas: é tradución de parte dunha entrevista que lle fixo o xornalista danés Ole Vinding —que tamén asinou como Winding— e que publicou no tabloide Eks Trabladet. Vindig (1906-1985), viviu en París nos anos trinta e frecuentou a Colette, Julien Benda, Henri Matisse, André Malraux, etc. Veu a España durante a guerra. Desta «experiencia» tirou os libros Primeiros planos (1937) e Paz perigosa (1945). É autor de libros sobre pintores, de ensaios, e mesmo escribiu as súas memorias, recibiu tamén unha manchea de premios. En 1948 coñeceu o escritor francés Louis-Ferdinand Céline, buscado pola xustiza do seu país e refuxiado en Dinamarca, e ligaron fonda amizade. Vindig publicou un libro que, en francés, se titula: Au bout de la nuit. Louis-Ferdinand Céline au Danemark. Suivi d’une correspondance inédite entre Ole Vinding et Céline, editado polas parisienses Édtions Capharnaüm no 2001. Infelizmente, tal como di o «sombreiro» da redacción, non reproduciron a entrevista na súa totalidade.
OS GALEGOS LOITAN CONTRA OS FACCIOSOS COAS PROPIAS ARMAS DE FRANCO
«A capital de Galicia non é A Coruña, senón Buenos Aires, onde hai 200.000 galegos», di Castelao
O xornalista Ole Winding, redactor do xornal de Copenhague Ekstra Bladet, tivo unha entrevista co ilustre artista e deputado a Cortes, Castelao, entrevista que foi publicada no mencionado xornal e da que reproducimos o que segue:
«Non me importa que me abandone a vista —declara Castelao— e que despois duns anos quede completamente cego, pois entón vivirei nunha España progresista e libre. O país sofre tanto agora, que todos, mesmo o que lle espera o máis triste acontecemento, debe esquecer as súas propias preocupacións e sufrimentos e esforzarse para actuar con completo esquecemento de si mesmo».
Castelao di isto sen o máis mínimo dramatismo, gardando os seus ollos a suave expresión.
—Sabe como se chama a capital de Galicia? —pregúntame sorrinte.
—A Coruña.
—Non, chámase Buenos Aires e está en América do Sur. Buenos Aires ten 200.000 habitantes galegos, A Coruña non ten máis de 100.000. E que significa isto? Que o país é pobre e está poboado en exceso? Galicia é o lugar do que emigra o maior número de españois. Galicia é a rexión española que foi máis esgotada, a máis atormentada polos grandes señores que, no transcurso dos anos, reinaron alá.
—Galicia é o lugar natal de Franco?
—Si, é natural da Coruña (sic), pero abandonou a cidade aos dezaoito anos.
Desaparece a suave expresión de Castelao mentres calaba un momento e ergue a voz.
—E volveu para matar!
—Segundo se di, hai moitos galegos no seu bando.
O artista sorrí e di:
—Si, e sempre veñen máis. Sabe a onde? A nós! Franco recrútaos, pero á primeira ocasión pásanse a nós. Non hai ningún deste homes sen igual que se deixe recrutar polo egoísmo que abusou deles durante séculos, non hai ningún que apuntase contra os seus correlixionarios do outro bando. Sei que moitos morreron sen atacar e os que tiveron ocasión trouxéronos a súas vida e as súas armas. Coido que o exemplo de Galicia na guerra civil española é o máis tráxico. Non houbo alternativa para os galegos. Sen armas como estaban, foron sorprendidos axiña por Franco, mais souberon vingarse!
Vostede sabe, seguramente, que dende tempos inmemoriais a tripulación da flota española era de Galicia. O 80 por cento dos mariñeiros españois son galegos e isto explica o feito de que case todas as tripulacións da flota ficaron fieis ao Goberno. Foron os galegos os que se rebelaron contra os oficiais dos barcos infieis.
—É verdade que toda Galicia estaba contra Franco?
—Si. Nas últimas eleccións Galicia demostrara gran simpatía cara á Fronte Popular. Ao volver Franco ao seu pobo natal atopouse cunha fronte contra el; esta fronte estaba integrada por todas as clases sociais da poboación: antifascistas sen cor política especial ou, mellor dito, de todas as cores. Declaráranse contra el os campesiños, os obreiros e os intelectuais. Entón comezaron as matanzas. As nosas mulleres foron violadas, as nosas casas incendiadas, os nosos fillos asasinados, os nosos vellos martirizados deberon fuxir da terra pobre (estaban indefensos, pois a forza superior esmagounos). Hoxe Galicia está sometida a Franco e os galegos saen das súas casas con armas modernas (o perigo é maior que nunca) mais son enganados os inimigos. Hai pouco entregáronse algunhas compañías no fronte Sur: non perderon o tempo, xa que están outra vez no fronte contra Franco.
—Pero este non se decatará pouco a pouco?
—Naturalmente, pero vostede non coñece os meus compatriotas se pensa que as matanzas ordenadas por Franco poden impedir que perseveren na súa conduta. Continuarán, e el continuará tamén, mais perderá.
A segunda entrevista aparece na revista Ara!, portavoz das Joventuts de Esquerra Republicana-Estat catalá (JEREC), é dicir, a póla independentista deste partido nos anos 1930. Ara! Nacera o 5 de febreiro de 1936 e deixou de publicarse o 15 de maio dese mesmo anos, cando levaban publicados 15 números (era semanario). En realidade, máis que unha revista era un «boletín» de información para os militantes ou asociados ás JEREC. O boletín volveu aparecer o 3 de xuño de 1937, en principio como órgano de Espartacus, unha tendencia —a independentista-obreirista— dentro de Esquerra Republicana. Ao mes seguinte volveu converterse en órgano das JEREC. Entre os xornalistas e políticos de Esquerra que colaboran en Ara!, nesta segunda época (que acaba o 26 de xaneiro de 1938 despois de publicar 14 números; non numeraban) salientan Josep Maria Lladó Figueres, Fermí Vergés, Jaume Serra i Gasulla (que fora reitor da Universidade de Barcelona en 1931) e, sobre todo, Jaume Miravitlles, que naquel momento era o comisario de Propaganda da Generalitat de Catalunya. Pero talvez o máis importante nesta revista é a cantidade de mulleres que colaboran nela, cousa rara naquel tempo en todo tipo de revistas que non estivesen especialmente dirixidas (sic) á muller. Nos catorce números que se publicaron aparecen, con un, dous ou tres escritos os nomes de: Julia e Nuria Fresneda, Pilar Casalins, Maria Maite Mendoza, Llum Valls, Marian Vives Maria Teresa Gibert e Maria Vives.
O 25 de setembro, a paxina 2 da revista (que só ten catro) énchese cunha entrevista a Castelao, entrevista que non asina ninguén. Como ilustración, na parte superior dereita, o debuxa que de Castelao fixo Maside, e, no centro da páxina, a reprodución da estampa de Galiza mártir cuxo pé reza: «Non enterran homes, enterran semente».
O GRAN PATRIOTA GALEGO FALA
En que situación se atopaba o nacionalismo galego antes do 19 de xullo de 1936?
Primeiramente, xunto coa resposta hai que facer unha brevísima recensión fas principais efemérides do rexurdimento galego. Non falaremos da vella Suevia, que deu existencia real ao noso ser diferenciado; nin dos erros políticos do cacique Xelmírez que tiveron como consecuencia o despezamento do noso territorio coa desfeita, sen ningún tipo de remedio, da súa integridade; non falaremos, tampouco, das nosas loitas cos reis Católicos, que acabaron coa decapitación do Mariscal Pardo de Cela e coa perda da nosa autonomía política. Nin sequera mencionaremos o rexurdimento da nosa personalidade, iniciado polos grandes galegos do século XVIII, nin da exaltación galeguista que se produciu durante a Guerra da Independencia. Até entón existira unha «Xunta Suprema do Reino de Galicia» que ben ou mal representaba a unidade galega.
A reacción contra o sistema unitario e centralista produciuse despois da división provincial realizada en 1833, que pulverizaba a nosa unidade administrativa, último vestixio oficial das liberdades galegas. Este é o feito que inicia o noso movemento reivindicativo.
O estudante Valentín (sic) Faraldo, que acaudillaba a mocidade romántica e, liberal de 1840, conseguiu que se discutise na famosa Asemblea de Lugo o dereito de Galicia am reclamar a súa independencia. Como resultado das inquietudes reivindicativas de Galicia. naceu o movemento revolucionario de 1846 que pretendía «anular todo acto del Gobierno de Madrid». Os fusilamentos de Carral –epílogo tráxico da revolución– destruíron a confianza do pobo galego en todo o que se referise a «pronunciamientos» dos militares. Esta lección foi ben aproveitada polos nosos intelectuais.
Ao cabo de dez anos (1856) o movemento galeguista toma novas orientacións. Foi no banquete de Conxo (Compostela) en que estudantes e artesáns consagraron a solidariedade democrática galega. E o brinde de Pondal e Aguirre canalizaron o movemento de reivindicación.
Así no momento en que aparecen os precursores do movemento político xa florecían as letras galegas, cuxos precursores deben buscarse no século anterior.
A doutrina política do federalismo deu froitos insospeitados en Galicia. Abonda dicir que nunha nova Asemblea de Lugo redactouse un «Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galego» –exemplo único?– e coincidindo coa revolución de 1868 confeccionouse un Plan de Finanzas cantonal. Coa implantación da Primeira República provocouse unha Asemblea popular en Santiago e redactouse un documento que asinan cincocentos corenta e cinco delegados para «exercer o dereito de iniciativa», obedecendo os principios do federalismo. A caída da República deixou, momentaneamente, abatido o noso pobo.
Alfredo Brañas deu un impulso patriótico co seu libro El Regionalismo (1889) no que se concretan nunha doutrina política, xa claramente nacionalista, as teorías orgánicas de moda. Enric Prat de la Riba, que aínda era un estudante cando Brañas foi dar conferencias a Barcelona, dixo claramente que a palabra do nacionalismo galego abrira novos camiños ao catalanismo.
Non é necesario falar do movemento da «Liga Galega (1897) nin das campañas de Solidaridade Galega» e Acción Galega». O nacionalismo galego, como movemento vangardista de galeguidade, aparece o ano 1916 coas Irmandades da Fala. E na Asemblea celebrada en 1916 en Lugo –sempre Lugo– concrétanse definitivamente as nosas aspiracións.
Despois de expoñer como o nacionalismo galego ten fondas e vellas raíces, xa podo responder á pregunta que me fixo Ara!
No momento de estalar o movemento faccioso, existían en Galicia o Seminario de Estudos Galegos, a Editorial Nós, Labor Galega e outras institucións culturais ás que debemos a publicación de cincocentas obras. Na orde política, existía o Partido Galeguista, que non se pode medir polo número dos seus representantes nas Cortes, xa que no fondo era o órgano realmente reitor de todos os movementos populares e do que a xente do noso país esperaba a dignificación política galega. Non sería prudente que agora falásemos do noso sacrificio. Abondará con dicir que as conveniencias políticas foron sacrificadas por conveniencias de un más alto interese e hai que subliñar tamén que o sacrificio non foi estéril. Temos que engadir que o Partido Galeguista era compoñente da Fronte Popular e que existían outros partidos galeguistas –sen forza– que representaban tendencia de dereita.
Temos que afirmar que todos os partidos de esquerda estaban «invadidos» pola nosa ideoloxía. De entre todos eles salientou o Partido Comunista, que sempre fixo as súas campañas en galego. A propaganda que precedeu o plebiscito do noso Estatuto foi unha explosión de galeguidade.
O galeguismo político nunca tivo tanta forxa como no momento de se iniciar o movemento subversivo.
Despois de que o pobo galego aprobase o seu Estatuto por unha exorbitante maioría, cales eran os proxectos para o futuro?
Primeiramente os republicanos galegos reuníronse clandestinamente no Pazo de Lestrove e declaráronse federalistas e autonomistas.
O proxecto de Estatuto Galego non foi unha improvisación realizada baixo o estímulo da xenerosidade constitucional.
Ao día seguinte da proclamación da República, os galeguistas comezamos a estudar un estatuto de Galicia. Este proxecto foi publicado pola Sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas do Seminario de Estudos Galegos. O día 6 de maio de 1931 saíu da imprenta. Dicía o primeiro artigo: Galicia é un Estado libre dentro da República Federal Española. Ao mesmo tempo publicábase un estudo de carácter económico para demostrar que as nosas propostas non podían comprometer os intereses galegos nin prexudicar tampouco os intereses dos outros pobos.
A raíz deste anteproxecto celebrouse a continuación unha Asemblea na Coruña, convocada pola Federación Republicana Galega. Alí concretáronse as bases para o Estatuto Galego e discutiuse, artigo por artigo, un proxecto que comezaba así. «Galicia é un Estado autónomo dentro da República Federal Española». O exemplar que teño perante miña leva a data do 23 de maio de 1931. Velaí un desexo concreto dos republicanos galegos, autonomistas e federais, que coi9ncide co noso.
Mentres tanto, e con data do 30 de maio do mesmo ano, sae unha «Aportación ao estudo do futuro estatuto rexional» dirixida ao País Galego e asinada por letrados de reputación.
A Constitución da República obrigounos a pensar en novos proxectos. Naquela época os parlamentarios das Constituíntes redactaron unhas bases do novo Estatuto que na Coruña só foron entregadas ao Presidente da Deputación Provincial.
Produciuse neste memento un colapso, por causas que nosoutros coñecemos ben e que non é oportuno airear nestes momentos.
Despois de moitos traballos chegouse a un proxecto de Estatuto xa definitivo. Na Asemblea que se celebrou en Santiago o día 3 de xullo de 1932, nomeouse unha comisión encargada de redactar un anteproxecto adaptado á Constitución. Confeccionouse este anteproxecto e someteuse a información pública durante un mes. A comisión estudou as emendas recibidas –calquera galego podía propolas– e modificou nalgún puntos o seu relatorio. Deuse a coñecer o novo relatorio e convocouse outra Asemblea en Compostela, que se celebrou os días 17, 18 e 19 de decembro de 1932, e onde estiveron representadas todas as forzas políticas, sociais, culturais e económicas do País Galego. Alí discutiuse o proxecto punto por punto e despois de tres días de acalorada discusión –non sempre cordial– produciuse tan grande explosión de entusiasmo entre a xente que aqueles días gañaríase o plebiscito.
O Goberno concedeu o Decreto en maio de 1933, cando xa se fortificaban as dereitas e os radicais nas súas posicións antiautonomistas. Ah!, pero nós xa deramos o primeiro paso e tiñamos un decreto que non foi derrogado porque nunca falabamos del nas nosas propagandas…
E viñeron as últimas eleccións, e o pacto electoral da Fronte Popular Galega contén o compromiso de gañar o plebiscito estatutario tan pronto como se acadase o triunfo.
A Fronte Popular Galega cumpriu o seu compromiso. O plebiscito gañouse en cada unha das provincias galegas. Superouse en gran maneira a porcentaxe que esixe a Constitución.
Actualmente o proxecto de Estatuto así plebiscitado está nas Cortes da República. Presentouse o día 15 de xullo de 1936, tres días antes de iniciarse o movemento subversivo. Espero só ter un metro de terra galega onde poñer os pés para pedir a súa aprobación.
Está claro que as aspiracións do galeguismo son máis grandes que as propostas do Estatuto. Cónstanos, ademais, que os partidos da Fronte Popular aceptaron o Estatuto proposto polos Concellos para aproveitar o primeiro trámite constitucional –cumprido en 1932–, mais coa esperanza de ser ampliado até un grao máximo no ditame da Comisión de Estatutos. De todos os xeitos, o proxecto presentado contén as bases fundamentais para desenvolver a vida social, económica e política de Galicia, porque non se pode negar que é o Estatuto máis discutido e máis meditado dos presentados nas Cortes da República.
Proxectos para o futuro? Facer da nosa terra un paraíso, exemplo de paz, de traballo e de xustiza, onde poidan reflectirse os outros pobos hispánicos. A morfoloxía social e económica de Galicia permite realizar ensaios transcendentais sen violencias. Galicia é un país precapitalista e non necesitamos destruír nada para construír. Será suficiente con mirar o vindeiro. Afortunadamente as liberdades galegas son tan nítidas que un comunista e un anarquista galegos poden soñar xuntos e coincidir en todo o que se refire á creación da nova Galicia.
O meu partido, cando forme parte do poder galego, tratará de fortificar a alianza espiritual –que xa ten un nome: Galeuzca– das tres nacionalidades hispánicas sometidas, para dar ao Estado español unha estrutura federal, semellante á da Unión Soviética. Coidamos os galeguistas que na España actual soamente hai catro nacionalidades ben definidas e que polo tanto hai que superar o federalismo rexionalista de Pi y Margall por un concepto nacionalista. Isto, claro, permitiría concesións autonomista dentro das diferentes nacións. Guíanos unha esperanza intimamente acariciada: a de chegar a unha Confederación Ibérica da que fose parte integrante Portugal. Xa sabiamos e sabemos que este país soamente estaría connosco cando tivese a seguridade absoluta de non ser asimilado.
Como resisten e como actúan os galeguistas baixo o dominio fascista e como actúan os que están na parte leal do Estado Español e en América?
Os militares sublevados chegaron a apoderarse de Galicia porque os gobernadores, que non quixeron escoitar os nosos consellos, se fiaron máis da «palabra de honor» dos xefes do exército que do instinto popular. Non deron armas ao pobo desarmado e «colgáronse» ao teléfono, dende onde pedían continuamente consellos a Madrid.
Non obstante, loitouse bravamente en Ferrol, Coruña, Vigo, Tui e en moitos outros lugares. Se os galegos fosen atendidos cando pedían un Gobernador Xeral para Galicia –nós xa tiñamos escollida a persoa– a nosa terra sería libre e hoxe viviriamos tranquilamente. Porque aínda ninguén se decatou do que significaba a perda de Galicia.
O primeiro fusilamento foi o de Bóveda, Secretario de Organización do noso Partido e o home mellor preparado de Galicia, o máis intelixente, o máis viril. Despois caeron os outros, fusilados ou asasinados. Hoxe os superviventes de Galicia ou están agachados ou fóra de Galicia ou corren polas montañas, coma lobos.
Polos galegos que se pasan nos frontes e polos que fuxiron embarcados, sabemos que o noso pobo ofrece unha resistencia pasiva verdadeiramente invencíbel. Por iso a, táctica para manter o terror alí é diferente da táctica que se empregou nos outros pobos sometidos. Non hai matanzas tan espectaculares como as de Badaxoz; pero van matando pouco a pouco todos os esquerdistas e os sospeitosos. Á parte dos asasinatos, non hai día que os xornais galegos non publiquen execucións. Lin no Faro de Vigo o fusilamento dun rapaz amigo meu que foi condenado a morte hai seis meses. A crueldade é fría, constante, refinada, inquisitorial. Corresponde, non hai que dicilo, á resistencia que presenta o pobo.
Ara!, 25 de setembro de 1937.