‘O faro escuro’, un capítulo desa serie policíaca que repiten e repiten na TDT
O faro escuro (non confundir con Un faro na escuridade, de Fernando Cimadevila) é a última novela de María López Sández (Lugo, 1973), publicada por Galaxia. Unha obra de narrativa breve (132 páxinas con letra grande) encaixada no xénero negro/policial.
O argumento é simple: unha xornalista de televisión chamada Catalina Moscoso desaparece tras viaxar á Costa da Morte. A inspectora Elisa Neira é a encargada do caso. Desde o primeiro momento sabemos que lle pasou á periodista. O quid da historia é averiguar se Neira será quen de averiguar a tempo o paradoiro dela e salvala.
As calidades da novela están case todas na parte da técnica narrativa. Tratamento moderno da descrición, uso de frases claras e unha aposta xeral pola contención, sen psicoloxismo, sen sobreadxectivación, sen retórica innecesaria.
Aí acaban as virtudes do libro. O resto dos compoñentes da novela son mellorables.
O ton da novela é mediocre. A trama é sinxela de máis para un exercicio literario. No século XXI non se pode pretender que ninguén pague o que custa un libro en galego para ter por escrito o argumento dun capítulo calquera de Mentes criminais ou algunha serie similar desas que repiten nas canles de TDT sucursais de Mediaset ou Atresmedia. De feito, a estrutura do libro é moi semellante á montaxe desta series. Contrapuntos entre protagonista, antagonista e obxecto (neste caso a xornalista), avance mecánico cara a un clímax que só se explica baixo argumentos abstractos: intuición, clarividencia da protagonista… e final feliz tras unha derradeira escena que pretende ser espectacular, con moita acción.
Talvez Sández escribiu o libro mentres vía a tele.
Desas series norteamericanas, Sández trouxo tamén para a literatura galega a súa maneira de falar. “Podería usar o seu baño”. “Podo ofrecerlles un té?” (ambas frases na páxina 58) é un calco da forma inglesa de preguntar. Os diálogos son, en xeral, artificiosos; danan a credibilidade dos personaxes. Por exemplo, na páxina 82 a filla da inspectora Neira di: “Despreocúpate de nós. Iremos á Alameda, mercaremos un libro e comeremos un xeado. E xa sei, mantereino afastado da tele”, levantou a man en sinal de xuramento. Hai poucos acenos máis “televisivos” ca ese. É coma se a escritora se basease para a novela máis que en referencias literarias nunha ampla experiencia vendo televisión.
Talvez escribiu o libro mentres vía a tele. Iso explicaría algúns erros de edición coma a frase “Sabía, tras moito estudar as correntes, onde tiña que tiralo para que as opcións fosen máximas nunca aparecese naquel mesmo mar que engulira para sempre o corpo diminuto de Verónica. Estudara durante anos a dinámica das correntes,…” (p. 109-110).
A lingua do libro é aséptica, sen forza. Sández non traballou nin o ritmo nin o léxico específico. Tampouco se preocupou de “galeguizar” a sintaxe. Se escoitásemos en voz alta os parágrafos, teriamos a mesma sensación que se produce ao oírlle falar o galego ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, ese que se non reparas abondo, ao final non podes dicir se falou en galego ou en castelán.
♦ O faro escuro, de María López Sández, Galaxia, 2015. 132 páxinas. ♠13€