O pacto de fecundidade coas cobras na noite de San Xoán

Nati Rey.
A noite de San Xoán, desde moi antigo, foi considerada como unha data propicia para efectuar certos rituais de fecundidade. Grazas ás fontes orais e escritas podemos saber algúns, como é o rito que se efectúa na pedra da Serpe, situada no coto de Penalba[1] en San Miguel do Campo (Campo Lameiro, comarca de Pontevedra).
No coto de Penalba, coñecido na actualidade como de Castro Penalba, áchase no bico do outeiro a pedra da Serpe, que é “unha gran pedra gravada coa representación de dous ofidios no momento do apareamento”[2]. As súas características así nolo indican:
“A serpe superior mide 220 cm, a inferior 205 cm. A disposición das figuras é dun Z aberto e parece indicar que as cóbregas están reptando. A súa perspectiva é diferente: mentres que a inferior está representada tal como a veriamos dende arriba, vese moi claro na zona da cabeza), a superior plasma un visión lateral”[3].
Este petróglifo está datado en torno ao século VIII-VII a. de C. e forma parte do xacemento do castro. Como curiosidade, é o único gravado que conserva tradición oral entre todos os que hai Campo Lameiro, e di así:
“Os matrimonios sen fillos que queiran ter descendencia irán a noite de San Xoán a copular sobre a pedra levando, como ofrenda, unha cunca de leite para que beban as cobras”. Outra variante, dinos que se poderá facer calquera noite de lúa chea.
Este rito propiciatorio da fertilidade está estreitamente vencellado cuns elementos primordiais: o poder do sol e a influencia da lúa. A estes factores hai que engadirlles o culto ofiolátrico.
A forza do sol está marcada polo feito de realizar o rito en datas solsticiais. O sol é símbolo masculino, portador de luz, vida e resurrección, pois aparece coa chegada dun novo día. Compleméntase coa noite, coa lúa, que representa a feminidade e vincúlase coa fertilidade da muller. De aí vén a importancia de facer o ritual de noite, baixo o influxo da lúa, sobre todo cando está en determinadas fases, como a lúa chea.
A cobra é un animal cargado de simbolismo. Aínda que para o cristianismo represente o mal, o pecado, no paganismo tiña connotacións favorables. Por exemplo, na relixión clásica, as serpes estaban vinculadas coas representacións da fertilidade, talvez debido á súa forma fálica, ao dobre pene do seu macho ou ás múltiples crías que teñen nun só parto.
A crenza de que ás cóbregas devecen polo leite está moi arraigada en Galicia e os campesiños, coñecedores da súa natureza telúrica e das súas virtudes, ofrecíanllelo. Pois adoran chuchar nos tetos das vacas e nos peitos das mulleres, mentres lles meten o rabo na boca aos meniños para quen non choren mentres elas maman. Porén, no coto de Penalba faise un pacto coas serpes, baseado no intercambio de bens: Ofrézoche o leite que sei que é do teu agrado e en troca dásme o que preciso[4]. Neste caso, fillos.
O leite como ofrenda non é casual, senón que é o resultado dun simbolismo complexo. O leite é o líquido producido polas femias para alimentar as súas crías, establece un vínculo especial entre as serpes e mulleres, porque ademais de ser o nutriente esencial, leva aparellada unha forte carga sexual, non só polos órganos que o producen, senón, e sobre todo, por ser unha metáfora do líquido seminal. É dicir, que o leite é un fluído, simbolicamente, fecundante. Porén o ciclo péchase: As serpes —asociadas ou fillas da terra— teñen poder fecundador. Ofréceselles leite, alimento que reforza ese poder. Por conseguinte, a cópula efectuada en presenza destes símbolos xenésicos ten un “extra” de posibilidades procreadoras[5].
Para rematar, cómpre dicir que neste antigo castro hai unha capela onde se venera a santo Antonio de Lisboa ou Padua, padroeiro dos namorados. Na súa honra celébrase unha famosa romaría cada 13 de xuño, onde hai misas rezadas, cantadas e tradicionais poxas.
Bibliografía:
Álvarez, A. (1986). Castro de Penalba. Santiago de Compostela: Velograf, S.A
Buenaventura, A. (2002) A sociedade campesiña na mitoloxía popular galega. Biblioteca de Divulgación, Universidade de Santiago de Compostela.
Quintía, R. (2017) Mariña: de deusa a santa. Editorial Galaxia.
[1] Álvarez, A. (1986). Castro de Penalba. Santiago de Compostela: Velograf, S.A., p. 5.
[2] Álvarez, A. (1986). Castro de Penalba. Santiago de Compostela: Velograf, S.A., p. 8.
[3] Álvarez, A. (1986). Castro de Penalba. Santiago de Compostela: Velograf, S.A., p. 8-9.
[4] Buenaventura, A. (2002) A sociedade campesiña na mitoloxía popular galega. Biblioteca de Divulgación, Universidade de Santiago de Compostela, p 60.
[5] Buenaventura, A. (2002) A sociedade campesiña na mitoloxía popular galega. Biblioteca de Divulgación, Universidade de Santiago de Compostela, p 60.
parece ser que antes de estar dedicada a san Antonio está capela estaba dedicada a dan Martiño ,por eso desde ai uns anos tamen se fai romeria a san Martiño no mes de Novenbro