BiosBardia

O país dos libros en galego

Adrián Bokas: “Aínda queda moito traballo por diante, pero estou listo para darlle lume e sacar á luz esta historia que inventei”

Adrián Bokas.

César Lorenzo Gil.

Adrián Bokas é o nome literario de Adrián Alfonso Rivas (Vigo, 1986). A súa novela Carne picada gañou o II Torneo Aira de Novela, e publicaraa a editorial Aira nos próximos meses. Unha historia distópica, urbana, irreverente, que é a primeira novela escrita polo autor.

Cóntenos como viviu este torneo.

Antes de nada, grazas polo premio. Un escribe sen pensar moito neste tipo de situacións, e cando chegan non sabe moi ben como reaccionar. Estou verdadeiramente ledo e ilusionado de afrontar esta nova etapa coa novela. Moi agradecido, de verdade.

O torneo, desde o meu punto de vista, ten un formato moi esixente e isto non é malo, todo o contrario. O feito de ter programadas as entregas obriga o autor a espremerse para chegar a tempo. Persoalmente, iniciei o concurso con moita forza e ilusión, pero oito meses son moitos meses e deu tempo para sentir cansazo, ledicia, frustración, ansiedade… Houbo de todo! Pese a todo ese sarillo de emocións, a experiencia é tremendamente positiva, tanto como para unha persoa que escribe (non sei se o de escritor me queda un pouco grande), como para un lector.

Era o primeiro certame literario no que participaba?

Non, participei en algún outro certame pero a proposta coa que presentara no seu momento non saíra adiante.

Que diferenzas nota entre unha convocatoria coma esta e outras?

A diferenza cos demais concursos é evidente, nos demais simplemente entregabas un manuscrito e o cabo dun par de meses, pois daban o gañador. Este certame é unha competición activa entre os participantes. O feito de ter que comentar e analizar as obras dos demais é algo ao que de primeiras non se está acostumado e é un exercicio altamente beneficioso para todos. Si direi que non sempre se ten tempo para facer tal esforzo, pero estou seguro de que todos os participantes fixeron o que puideron neste aspecto, dependendo evidentemente no momento vital de cada un.

Como influíron os comentarios dos seus compañeiros e lectores na confección da súa proposta literaria?

Gústame moito esta pregunta. Quedei impresionado coa capacidade analítica dos participantes. A min cústame moito anatomizar un texto ata o punto de sacar pros e contras… pero algúns dos compañeiros teñen un pulso de cirurxián á hora de atopar os problemas nos textos. Se ben é certo que algúns dos comentarios influíron directamente na miña escrita, outros custábame moito aplicalos ao camiñar da miña novela. Houbo algún momento, incluso, no que fixen cambios máis ou menos importantes e máis adiante tiven que rectificar, porque non coincidían co que eu quería expoñer. Facer e desfacer, vaia… Ao final é o que se fai á hora de escribir un texto, sexa cal sexa o tamaño deste.

Pode valorar o resto de novelas que participaron no torneo?

Esta pregunta xa non me gusta tanto (risas). Como dixen antes, cústame moito facer unha análise técnica dun texto, sexa cal sexa. Nalgúns casos, a diferenza estilística e de formato destacaba sobre as demais características; é o caso d’O albergue, de Bea Cabaleiro. Na miña opinión, a composición dos capítulos a modo de sitcom fan da novela unha lectura agradable e sinxela. Outras, como a de Fran Fernández Davila (A contrapel), resultábame máis densa, claro que é un autor do que teño varias novelas na casa e ese é un pouco o seu estilo… Que vou dicir eu do gañador do premio Repsol deste ano! (risas). O texto de Víctor Pérez (A cidade das luces), esa mestura entre humor e drama, é algo ao que estou bastante “afiliado”, polo que me gustou bastante. Os escritores aos que acudo á hora de escribir eu son, por exemplo, Ivine Welsh ou Chuck Palahniuk… xenios deste estilo que intentei tamén meter no meu texto. Ademais o aderezo musical ao inicio de cada capítulo, se ben é algo que eu non faría sempre, penso que é un recurso introdutorio moi acertado para o tipo de novela que escribiu. En canto ao texto de Damián Guede (Catro viaxes de Elena Fahlbusch), penso que é a novela que máis traballo ten enriba… Para comezar, os escenarios e ambientes cinematográficos estaban moi ben logrados, parece que o escritor dalgún xeito coñece ben a enerxía dunha rodaxe. Iso, ou se informou seriamente. O se cadra Guede ten unha imaxinación fantástica, que tamén pode ser (risas). Por outra banda, a creación dun guión paralelo á novela parece un exercicio complicadísimo, pero que salpementa moi ben todos os capítulos. En termos xerais, a escritura, coma todas as artes, é unha práctica moi laboriosa que require de doses infinitas de paciencia, ilusión, imaxinación e, se non vives dela, de horas roubadas ao sono, polo que felicito e agradezo a todos os participantes que chegaron ao termo do concurso.

O premio consiste na publicación da novela. Coido que é a súa primeira obra que se publicará. Non é o xeito habitual de iniciar unha carreira literaria. Como ve este aspecto?

Non teño nin idea de cal é o xeito habitual de iniciar una carreira literaria. Eu dedícome á música e vexo como os proxectos se van creando de formas absolutamente distintas. Ás veces uns colegas xúntanse na casa de un a beber unhas birras e sacan dous temazos, e outras veces pois nacen de moitos anos de estudo en conservatorios e escolas de música. Supoño que neste campo vai un pouco igual. Estou seguro de que o inicio da carreira de Santiago Posteguillo nada ten que ver co meu (risas).

Francamente, e sen quitarlle intensidade, estou tremendamente ilusionado! Un le libros que lle gustan, de xente que lle parece altamente interesante e nunca se imaxina que nalgún momento alguén pode ter nas súas mans un texto escrito por un mesmo. Imaxino a portada, a dedicatoria, a sinopse, os agradecementos (terá moitos) e todas as liñas que saíron de tantas noites diante dunha pantalla plasmadas en papel dese que parece reciclado (oxalá o sexa) e non ocorre outra cousa ca un sorriso de emoción na miña cara.

Teño claro que aínda queda moito traballo por diante, pero estou listo para darlle lume e sacar á luz a historia esta que inventei. Oxalá guste moito. E se non gusta, pois nada, sempre poden baixar a tomarlle algo ou poñer un capítulo de Peaky Blinders, que é unha gran serie.

4 thoughts on “Adrián Bokas: “Aínda queda moito traballo por diante, pero estou listo para darlle lume e sacar á luz esta historia que inventei”

  1. Parabéns, Adrián! Creaches un universo propio e soubeches darlle unha vida chea de matices. Aínda que xa me tiveches como lector, estarei desexando ler a novela no seu formato definitivo. Agora só che queda facer presentacións ao estilo Palahniuk, lanzando cousas ao público ou algo así.. Unha aperta, foi un pracer compartir torneo contigo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *