BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O camiño’ vs ‘Camiñante, non hai camiño’

Na montaña. SYLWIA BARTYZEL.

Xornada 5 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Lois Z e Pilar Vilaboy.

Traba: O relato debe conter 477 palabras, fóra o título.

O camiño

Lois Z.

O camiño naceu na cima dun outeiro, sobre un penedo que miraba cara ao amencer e afundía as súas raíces, máis fondas que as da árbore máis antiga. O camiño abriu os ollos, viu o horizonte velado de nubes e preguntouse que habería máis aló. Quitou a nugalla de ser tanto tempo terra e pedra e tivo a idea de botarse a andar para descubrilo. Baixou polas rochas afiadas e esvaradías, prudente coma as formigas primeiro e logo áxil coma os lagartos e as serpes de curvas infinitas. Cando colleu brío ergueuse de todo e foi detrás das cabras e das lebres, cada salto era un eco de ledicia na montaña. Chegou a brincos ó fondo do val e bebeu, canso, da auga fresca que levaba o río. Non quixo mollar os pés e buscou un modo de seguir sendo camiño. Seguiu o curso da auga ata que atopou un lugar pouco fondo polo que alcanzar o outro lado. O camiño era libre e procuraba sempre cousas novas para ver e sentir. Andou polos picos das cordilleiras e subiu a un cumio máis alto ca aquel no que nacera. Ó ver a inmensidade que o esperaba quíxose estender en todas as direccións, ó norte, ó sur, ó leste e ó oeste, perseguíndose a si mesmo nun ciclo sen fin. Atravesou bosques sendo cervo, paisaxes xeadas nos cabeiros dos lobos, chairas no lombo de mandas de cabalos, xunglas de póla en póla cos chimpancés, desertos na xiba dos dromedarios na busca de pozas de auga… ata que chegou ó mar. Os camiños do mar, coma os do aire, estábanlle vedados. Non quedaban neses lugares pegadas, sendeiros nin rastros que seguir. Pero non deu volta. Paseou pola praia, xogou ás escondidas coa marea, aprendeu o andar dos cangrexos e foi virando pola ribeira toda, cartografando a costa e volvéndose cara ó mar de esguello, deténdose ás veces a miralo ós ollos e dicirlle baixiño “algún día heite de cruzar, algún día esas túas ondas esquivas van ser tamén camiño”. O camiño abríase paso, pero xa non lle bastaba con rodear os obstáculos ou seguir a senda máis curta. El quería superar desafíos, quería ir máis aló das súas propias beiras. Tivo entón un pensamento novo. E con esa idea inédita empedrou os seus pasos, ergueu pontes e entrou, como xa soñara, no mar, no ronsel de grandes enxeños que exploraban o océano. O camiño vagou polo mundo ata quedar satisfeito. Unha noite, cando xa vira todo o que había por ver, volveu ó outeiro no que nacera había eons. Naquel penedo que miraba agora cara o solpor detívose o camiño. Deixou as botas cheas de terra sobre o musgo húmido, o bastón colgouno da árbore máis alta e deitouse por fin a descansar. Pero só por un intre, pensou, cun sorriso, mirando cara á lúa e as estrelas.


Camiñante, non hai camiño

Pilar Vilaboy.

Chámome Brais e fuxo do desterro de min mesmo. Velaquí a miña derradeira foto, con corenta anos acabados de facer. Fixéronma uns meses antes de morrer na camiñada a Pena Trevinca. Sempre fun o meu peor inimigo. Eu era un home normal, cunha moza e un traballo normais, ata que empecei cunha depresión que me encerrou en min mesmo. Non sabía levar ben a vida e todo se complicou cando deixei de durmir. Empecei con trastornos obsesivos de que me perseguían, que querían matarme. O único sitio onde me relaxaba era a montaña, alí desconectaba. O psiquiatra dicíame que fuxise ao monte, que lese, que escribise, que fixese todo aquilo que me distraese do ruído da miña cabeciña. Así descubrín a poesía. Gústame Antonio Machado. Cando o poeta é un peregrino. Hai algunha outra comparación máis sublime que indique as subidas e baixadas na inspiración dun poeta? Intentas chegar ao final do camiño para sobrevivir. Son un peregrino que aspiro a buscar unha estrofa que me salve da crispación, desta espiral sen retorno. Devezo pola morte como outros aman a vida.

Antes dos brotes colaboraba co Club de montañeiros en distintos roteiros. Prometinlle ao Club unha última andaina. O psiquiatra aconselloume facela. Se tomaba o tratamento e durmía ben todo parecía funcionar correctamente. Pero nunca se sabía cando ía aparecer a nova crise. Deixei o traballo no instituto e despois de esgotar as baixas, déronme unha invalidez absoluta. Deixei de ser imprescindible, pero non pasou nada. O que nos conta o noso ego é unha mentira piadosa: todos podemos ser substituídos.Aquel día estaba tan exultante e alegre… E sucedeu, deume o brote psicótico nela. Unha das rapazas novas achegouse dun xeito estraño, sorrindo e sendo amable comigo. Eu fuxín dela coma do lume. Pero os outros camiñantes comezaron a mirarme raro, tomaron partido en contra miña. E se era unha emboscada conxunta con malas intencións e pretendían asasinarme entre todos? Púxenme á defensiva e ameaceinos cunha navalla suíza para que non se achegasen.. Entrei en pánico e comecei a correr cara ao terraplén. Sentíame perdido, infeliz. Voar, saltar ao precipicio foi a miña salvación. O suicidio como liberación da tortura da miña mente aflixida, enferma. Ao final a montaña devoroume, obedecín a súa chamada salvadora.

Derramará alguén bágoas por min? Chorarase a miña morte? Non fai falta chorar para sentir angustia, dor. Morreu o poeta lonxe do fogar. Irse sen despedidas, sen últimos desexos, sen nada. Non teño voz que me represente, son un xílgaro que non pode cantar. Pero si podo pedir versos para o meu epitafio final. Eu escollo o meu Machado porque me sinto identificado co camiño da vida e cos seus golpes:

Ao afastarse, vírono chorar

Camiñante, non hai camiño,

faise camiño ao andar.

Golpe a golpe, verso a verso

*Todas as frases en cursiva son versos traducidos do poema de Machado.

11 thoughts on “‘O camiño’ vs ‘Camiñante, non hai camiño’

  1. Comezo por este duelo felicitando a Pilar e Lois polos seus relatos.
    O camiño
    Non se adoita dicir en spots xacobeos que o importante non é o destino mais o camiño en si? Pois neste relato aconteceume algo do estilo. Gocei da súa lectura sen importarme moito cara onde se encamiñaba a historia. Penso que o autor/a fixo ben en apostalo todo ao estilo e ao ritmo. Non hai moito que contar, mais faino moi ben. Se acaso penso que lle virían ben un par de metáforas/comparacións máis persoais (hai algo de coñecido nas descripcións que fai) mais en calquera caso paréceme un bo relato.

    Camiñante non hai camiño
    Penso que a historia que quere contar é interesante. O personaxe escollido ten presenza e complexidade. Porén, penso que o autor/a non atopou o ton adecuado para ese narrador. Fáiseme demasiado neutro para ser unha persoa que ten problemas mentais. Ese defecto fai que, ao meu ver, non consiga transmitir todo que podería.

    O meu voto vai para “o camiño”.

    1. Avísanme pola outra liña que cando votei neste duelo quedara un parágrafo de “Camiñante” sen publicar. Gústame ese último parágrafo aínda que eu non lle engadiría os versos. A referencia ao poema queda clara nese parágrafo de peche.
      Con todo, manteño o meu voto a O camiño

  2. “O camiño”: Gústame moito que o protagonista sexa o propio camiño. Está moi ben narrado e é bastante redondo, aínda que por momentos o tramo central semella un pouco de recheo, como alongado de máis para aparecer o final de súpeto. O peche é bon, contundente, aínda que me quedou sensación de que podía ser máis. Cun personaxe así, a historia tampouco é o de máis.

    “Camiñante, non hai camiño”: Este tipo de narracións que describen tan directamente, de personaxes demasiado evidentes, non me tiran moito, pero recoñezo que formalmente está ben, conta unha historia aínda que se cadra, como di Daniel, o problema é o ton, a forma de contalo. Parecen as notas para unha historia máis completa.

    Vai o meu voto a “O camiño”.

  3. Moi boas¡ Comezamos nova xornada e, polo que vexo, poucos estamos a dar síntomas de cansazo. Que bo ritmo¡
    O camiño é un exercicio de estilo moi ben logrado. Se ben vai sobre seguro, consegue atopar un mínimo de voz propia co xogo de perseguir animais. Pero coa calidade que esgrime, pódeselle pedir un final mellor. Queda circular, pero non podo evitar sentir que quedo a medio camiño cun principio tan bo. Quitando pucheiros, é un relato inatacable tecnicamente.
    Camiñante non hai camiño creo que se apoiou demasiado nunha obra externa. Quítalle personalidade ata o punto de que representa a súa idea do relato, co que se podería resumir coa cita final. De ter unha inspiración tan directa, creo que habería que xogar co mesmo feito de estar tan ligado e non limitarse á homenaxe. Ten un exposición interesante, pero perde moito intentando narrar unha experiencia tan traumática. Cousas así téñense que narrar moi, moi de cerca. Pero hai que ser valente para enfrontar un tema así, dende logo.
    O meu voto vai para O camiño.

  4. Bos días compañeiras

    Gustáronme moito os dous duelos. Soborde o camiño dicir que me gustou moito que o propio camiño sexa “quen se camiña”; é dicir, o protagonista, porque por un lado é maduro e elaborado pero por outra parte ten unha parte inocente que me lembra aos relatos do certamen de cocacola cando o protagonista tiña que ser un obxecto.

    Soborde camiñante non hai camiño, dicir que me parece valente falar de certos temas, e facer metáfora con camiños, xa que non é doado e pódese caer de xeito sinxelo en clichés (non me pareceu o caso).

    Meu voto vai para camiñante non hai camiño.

  5. Boas a todos. A foto é ben bonita e evocadora.

    “O camiño” é un relato moi redondo. Unha parábola con ese sabor a relato clásico. Gústanme moito estos relatos ulen a vello porque a min persoalmente me resultan imposibles de facer. A persoalización dese camiño que se anda infatigablemente pode ser ata unha maneira de referirse á humanidade ou á propia vida.

    “Camiñante non hai camiño” foi bo idea recurrir aos versos de machado e incluso o de metelo ao final co dos golpes de machado que levou na vida o pobre rapaz. Entendo o que din os compañeiros do ton, pero tamén é certo que o narrador fala desde a morte, a aí as sensacións supóñense máis frías. A perspectiva do morto sempre carece de emoción, seica (a non ser que sexa un zombie). Creo que ao mellor o problema de fondo é ese, que fale desde a morte. Usando ese plano penso que podería usar outros recursos…non sei. Cunha voltiña penso que pode quedar moi decente.

    O meu VOTO vai por “O camiño”.

  6. Outra vez tarde.
    A ver. No primeiro relato a personalización do camiño paréceme un tema interesante, aínda que o ritmo penso que é mellorable.
    No segundo relato creo que as divagacións psicolóxicas están pouco conseguidas, e a inclusión da referencia paréceme innecesaria.
    Voto por “O camiño”

  7. Do relato de Pilar penso parecido ó que xa dixeron os compis de torneo. A 1º persoa non era o tal para esta historia. Facendo o exercicio de ler os 2 primeiros terzos do relato como se estivese en 3º xa se ve que mellora. Porque falar de un mesmo asi non é o natural. A quen lle fala? Cal é o foco desta narración? Son cousas que pode parecer un fastidio que ande preguntando sempre, pero o noso cerebro faino ainda que nos non nos demos conta. O cerebro detecta unha historia mal deseñada e deixa de prestar atencion. E este home falando de si mesmo, estando morto e cos problemas que tiña… non encaixa.
    Por ultimo, a parte final si que encaixa mellor cun discurso en 1º persoa pero ironicamente desentona co resto do relato e fai que o resultado final pareza unha macedonia de verduras.

    Sobre o meu, tiña ganas de facer un relato distinto, cunha personaxe deste estilo. Nalgun momento sentin que me sobraban as palabras e metin recheo. Tiven sorte de atopar un bo final e pouco mais que dicir.

  8. Bo día, gustaríame aclarar tamén algo sobre o meu relato.
    Púxeno en 1ª persoa porque considero que era a mellor maneira de plasmar o “agobio” dun Brais deprimido, que ten en mente o suicidio. Fala consigo mesmo e pretendo darlle datos ao lector, que polos vosos comentarios parecen sobrar.
    Cando vin a imaxe veume á cabeza o poema de Machado e quixen facerlle unha homenaxe, porque sempre intento escribir tendo en conta a imaxe. É o meu estilo e as miñas manías, para iso son eu a autora.
    Do mesmo xeito que tampouco ten porque gustarvos a miña escrita, sempre tentando ser emotiva, porque é como me gusta escribir. Vou de última na clasificación, así que…
    Agradezo os comentarios construtivos que facedes e estou convencida de que mellorarían os relatos pero hai cousas como autora que non modificaría (a 1ª persoa neste conto é unha delas). O que está claro é que eu pretendo transmitirvos algo que non vos chega e vos percibides cousas que non pretendía relatar.
    Grazas de todos modos

  9. O agobio dun deprimido pode transmitirse igual de ben coa 1º ou coa 3º persoa. Cada unha ten as suas ferramentas para facelo. Usar a 1º persoa non é poñer os verbos en 1º persoa e tirar para adiante. Usar a 1º persoa é un enfoque (igual que usar a 2º ou a 3º). E no teu relato usar un enfoque mais propio da 3º, que é o de alguen (narrador humano ou non) contando a historia de outro alguén. Neste caso eses 2 alguen son o mesmo, por iso pos os verbos en 1º persoa, pero o enfoque do relato non cambia por iso.
    Imos ó exemplo que propoñia:

    “O home da foto chamábase Brais. É a derradeira que lle sacaron, con corenta anos acabados de facer, uns meses antes de morrer na camiñada a Pena Trevinca. Sempre foi o seu peor inimigo. Era un home normal, cunha moza e un traballo normais, ata que empezou cunha depresión que o encerrou en si mesmo. Non sabía levar ben a vida e todo se complicou cando deixou de durmir. Empezou con trastornos obsesivos de que o perseguían, que querían matarlo. O único sitio onde se relaxaba era a montaña, alí desconectaba. O psiquiatra dicíalle que fuxise ao monte, que lese, que escribise, que fixese todo aquilo que o distraese do ruído da súa cabeciña (nota miña: este é un pésimo consello por parte do psiquiatra). Así descubriu a poesía. Gustáballe Antonio Machado. Cando o poeta era un peregrino.

    Antes dos brotes colaboraba co Club de montañeiros en distintos roteiros. Prometéralle ao Club unha última andaina. O psiquiatra aconselloulle facela. Se tomaba o tratamento e durmía ben todo parecía funcionar correctamente. Pero nunca se sabía cando ía aparecer a nova crise. Deixou o traballo no instituto e despois de esgotar as baixas, déronlle unha invalidez absoluta. Deixou de ser imprescindible, pero non pasou nada. Aquel día estaba exultante e alegre pero deulle un brote psicótico. Unha das rapazas novas achegárase dun xeito estraño, sorrindo e sendo amable con el. El fuxiu dela coma do lume. Os outros camiñantes comezaron a miralo raro, tomaron partido en contra del. Púxose á defensiva e ameazounos cunha navalla suíza para que non se achegasen.. Entrou en pánico e comezou a correr cara ao terraplén. Sentíuse perdido, infeliz. Ao final a montaña devorouno.”

    Non todo o relato pode ser tratado asi, hai partes que si son propias da 1º persoa, como o final (por iso non o reproduzo no exemplo, non teria sentido). Pero o nucleo da historia é propio de 3º e por iso non conseguiches chegar ós lectores co teu texto.

  10. Ola de novo…
    Non sei que me dá non darche a razón, pero sigo sen ver que mellore tanto como dis o texto en 3ª persoa… A min non me gusta máis. Pero se cadra son unha autora “terca”. É posible.
    Desde logo penso que o problema non é soamente ese. Repito a miña gratitude e tentarei aprender dos meus erros. Beizóns para todos e todas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *