BiosBardia

O país dos libros en galego

O cazador

Carapuchiña. JAN KOPRIVA/PEXELS.

Vítor Vieito.

A noite caera tan rápido que non se decatara de que hora era, non lle importaba moito tampouco, todo o que lle podían berrar veriase aplacado polo comezo do seu aniversario ás 00.

Seu irmán sempre lle dicia que non volvese á casa nunca polo mesmo camiño e tomouno ao pé da letra, á fin e ao cabo non sabes con quen te podes atopar.

Converteuse nun costume, e poder camiñar ao son da música polas rúas da zona vella dáballe tranquilidade e un momento no día para non pensar.

Percorría a rúa ainda mollada da mañá cando unha sensación de ser observada se cravou na súa caluga. Parou en seco e quitou o casco, xirou e observou toda a rúa; un formigo percorreulle o corpo.

Sobre un tellado, un home vestido completamente de negro apoiaba unha perna nunha fiestra, observaba o percorrido da carapuchiña vermella.

Azazel notara o arrecendo daquel sangue novo, virxe, e prendera coma a leña seca. Xa estaba a imaxinar a caza, a persecución, a respiración axitada, o corazón acelerado, o terror neses ollos que ainda non vira.

Dun salto moveuse ao tellado do lado e seguiu coa mirada a carapuchiña deleitándose nese aroma que o estaba a volver tolo.

Lenore camiñaba mentres cantaba para si polas rúas baleiras. Estaba a dar voltas de máis, pero apetecialle, porque hoxe teria por fin o seu ritual e poderia ser un pouco méis ceibe. Ainda tiña o formigo e a sensación de ser observada, pero non se vía a ninguen. Os consellos do seu irmán e as películas de terror ensináranlle que tes que mirar arriba, ninguen mira cara arriba e é onde sempre está o fodido monstro. Puido percibir unha sombra, coma o fume que sae dunha cheminea e se esvaece no aire.

Apretou o paso ata chegar á praza de Cervantes, atravesouna e camiñou cara ao Inferno.

Azazel sorprendeuse de que case o vise, e iso só provocou que a sua excitación aumentase. Saber que se metería nesa estreita rúa pola que non pasa ninguen —un lugar perfecto para poder devorala con tranquilidade— estaba a desquicialo por momentos. 

Adiantouse a ela e esperou, en canto xirase a curva atacaría e bebería ata a derradeira gota dese sangue. Cada segundo, unha eternidade de agoniante pracer antes dun manxar. O seu aroma chegou coma un tornado e afogouno ata o punto de que desapareceu e só quedou o cazador.

Nun xiro colleuna dos brazos e estampouna contra a parede, aspirou coma se fose a última vez que respiraba e mentres se deleitaba dese doce aroma preguntou: “Onde vas, carapuchiña vermella?”. Sentiu unha man no peito, un ruído e unha resposta: “Ao meu lar”.

Azazel notou como lle ardía o peito, deu un paso atrás para ver cravada en si unha estaca de prata. Ainda atónito, non comprendía que ocorrera, deu un paso mais cara atrás, as pernas tremían e mentres se desfacía no aire o derradeiro que puido ver foi ese sorriso. Vivira tempo de máis para saber que ese sorriso é dos que te perseguen ata en soños. Trabucarase, el nunca fora o cazador.

Lenore deu dous pasos e recolleu a estaca de prata da pedra, limpouna e volveuna colocar na man ata escoitar un click, recolocou a roupa e pensou para si: “Xa teño escusa!.

Percorreu a pequena rúa ata sair a outra mais aberta, e mirando o ceo, pechou os ollos e respirou. “O cazador cazado”, pensou. Sorriu e camiñou cara ao lar; aínda quedaba moito por facer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *