BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O nome da Rosa’ vs ‘Sen título’

Berenxena. DEON BLACK/PEXELS.

Xornada 6 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Lois Z e Sofía Sicilia.

Traba: O relato debe comezar coa frase “Ao fondo da páxina aparece un continuará”.

O nome da Rosa

Ao fondo da páxina aparece un continuará. Iso é o que lle di o médico a Rosa, pero con outras palabras. Son boas novas. Hai anos que toma hormonas e comeza a ter algo de barba. As cereixas fíxoas desaparecer na primavera. Só lle falta trocar o melocotón pola berenxena. Rosa vai queimando etapas e anotando no seu diario de abordo. Empezouno empregando o feminino e rematarao, algún día, escribindo en masculino, cun punto e final.

No bus de volta á casa Rosa pensa en nomes. Ningún a convence. Pide consello no grupo de Whatsapp, o refuxio que lle queda despois de distanciarse e incluso perder moitas amizades. Non coñece ningún deles en persoa, pero sempre están aí. De repente deixa de teclear e pon o oído, coma un sabuxo que detectara unha anomalía no vento. Nos asentos do fondo unha parella que ata ese momento estaba a conversar en galego diríxese á súa filla en castelán. Rosa distingue a prosodia e as expresións propias do seu idioma deturpadas co léxico alleo e sente ganas de preguntarlles a eses dous imbéciles por que carallo fan iso. Contense, coma cada vez que é testemuña dese estigma social, e non deixa que nada saia fóra. Non sabe que respostas podería agardar á nunca formulada pregunta. “Falámoslle castelán porque lle desexamos un futuro mellor, cuns privilexios que o galego non ten”, ou “porque queremos que sexa española, non coma nós, que non tivemos esa oportunidade”. Canto máis se lles nota o acento, Rosa máis os odia. Non entende por que ese autodesprezo. Por que non loitar por acadar eses dereitos desde o que un é en lugar de fuxir do propio coma se fose algo perdido ou sen valor? A Rosa danlle ganas de cravalos nunha trabe e pórlle lume.

Rosa baixa do bus de mal humor. Tenta levar os seus pensamentos por outros carreiros, pero por moito que tenta afastarse volve sempre á abadía do crime. E esta vez nin os do grupo de Whatsapp serían de axuda. Son todos de fóra, no mellor dos casos non o entenderían ou farían algún comentario condescendente. No peor, apoiarían a parella de imbéciles, e daquela xa sería demasiada imbecilidade que xestionar.

Chega á casa cargando con ese veleno. Xusto nun día que tiña que ser todo riso e celebración, é como se alguén prohibise a ledicia na súa vida. Senta no sofá, volve pensar nos nomes. Os seus pais puxéronlle o seu por Rosalía. As xemelgas Rosa e Lía. No fondo, outra imbecilidade. Ou pénsao porque debe rexeitalo, porque así é máis doado pasar páxina e rachar dunha vez con todos eses continuará. Rosa sopra ata baleirar todo o aire dos pulmóns, está tensa, nota unha coñecida presión no peito. Ten que atopar a saída dese labirinto de pedra. Érguese, abre a porta da neveira, non quedan Dalkys, pero alí, no fondo caixón das verduras, habita unha berenxena pasada, fláccida e deturpada.


Sen título

Ao fondo da páxina aparece un continuará…

Non tiña nin idea de como comezar o relato. Mirei a todos os lados da cociña, cara á porta, por entre a xanela engaiolada no claroscuro do mediodía, mirei a mesa de madeira na que todos os días sentaba a escribir, as miñas mans, calosas e feridentas de tanto labrar, nada. Os días pasaban, amarraba con forza o meu lapis, pensando e maquinando en que se cadra aquilo non era o meu, en que se cadra aquela escritura que eu tanto amaba me deixara para sempre.

Había dous anos que deixara o meu traballo na cidade, non soportaba máis esas luces de neon, os pitidos dos coches, o balbordo da xente. Quería tranquilidade, ou polo menos, iso era o que me gustaba dicirme a min mesmo. Cando volvín á vila pensei en que agora por fin tería tempo de facer o que sempre quixen: adicarme enteiramente á escritura. Pero as cousas non foron doadas. Os días pasaban e a miña alma ía minguando aos poucos; os días ían caendo como as moscas mortas no verán. Estaba só, só frente aos libros, cubrindo a cara cada vez que lía pero mostrándoa cada vez que barallaba algo no papel, aínda que fose un simple debuxo, aínda que non tivese nada máis que escribir que ese día se me dera por sementar cogombros e berenxenas. Ás veces escribía sobre os paxaros: incesantes mareas de bandadas que transitaban polo ceo coma pensamentos, ou sobre as árbores; cando camiñaba pola beira do río cedo gustábame sentar baixo os salgueiros, e sentir como se as polas choraban. E se cadra chorar eu con elas. 

Non tiña nin idea de que facer coa miña vida; tomara a decisión correcta? Era este o camiño que merecía? Acaso nós merecemos algo do mundo? Se cadra soamente estaba no mundo para pasar por el coma unha bolboreta, azoutando os meus pesares dun lado cara ao outro. A escritura absorbíame a mente, afogábame de xeito impertinente cara ao fondo de min, dos meus adentros.

Volvín coller o lapis, debullei outra vez con mimo o “c”, o “o” e así todas as letras de “continuará”. Nada. Nin unha soa idea se me pasaba pola chencha. Nin unha soa liña que escribir para conmoverme. Bebín un grolo de auga, mirei pola fiestra, botei o pelo cara atrás e volvín ao meu asento. 

Día tras día, coma Sísifo, pelexando coas palabras.

8 thoughts on “‘O nome da Rosa’ vs ‘Sen título’

  1. Creo que a foto non é das máis suxerentes e iso, alén do cansazo polo paso das xornadas, creo que fixo que tanto Lois como Sofía non nos ofrecesen a súa mellor versión.

    O nome da Rosa
    A historia comeza ben. Aínda que o vínculo coa frase proposta por César está un pouco collida polos pelos, a proposta dun home transexual próximo á operación xenital paréceme interesante e está ben escrita.
    Comeza o segundo parágrafo pensando no nome masculino que vai usar despois da operación. Paréceme algo que unha persoa que pase por ese proceso xa tería resolto, mais acéptoo. A literatura non ten por que ser fiel á realidade.
    Porén, a partir de aí, a temática do relato cambia completamente, pasa a ser unha reflexión sobre o idioma que lle transmiten os pais ás crianzas. Por que? Ao meu ver a primeira historia tiña moito máis potencial e penso que o autor/a errou ao cambiar de camiño.

    Sen título
    Lendo este relato, teño a impresión de sentirme algo “enganado” polo autor/a. Tanto a frase de partida, como a relación coa foto están moi moi collidas polos pelos. O relato está ben narrado, mais ao meu ver non hai apenas historia, só un escritor que está bloqueado no seu proceso creativo, algo xa bastante tratado na literatura e que polo tanto require, ao meu ver, que se nos ofreza algo máis sobre as circunstancias específicas dese autor.
    Porén, remato o relato sen sentir nada especial por ese autor. Xa non é que non consiga conmoverme, senón que non son quen nin de poñerlle unha cara.

    Penso que “sen título” está mellor narrado, mais vou votar “o nome da Rosa” polo esforzo que fixo o autor/a en construir a historia.

  2. Vou co segundo duelo. Estou de acordo con Daniel en que a imaxe non é moi inspiradora…

    O nome da Rosa
    Gustoume como empeza e como se nos presenta o personaxe hormonado. Unha Rosa que quere acabar sendo un home. Pero creo que non estivo atinado/a co “desbarre” lingüístico dos falantes diglósicos. Opino, como Daniel, que esa parte sobra. E o final non o entendo. A berenxena podo entendela pola imaxe, pero os Dalkys?? Se cadra son eu, que estou espesa…

    Sen título
    A min este relato enganchoume máis desde o principio. Entendo perfectamente esa “melancolía” ante a páxina en branco, errar nas decisións de dedicarse só a escribir no campo e sentirse deprimido. Felicito ao autor ou autora porque me sinto identificada. E ese final de Sísifo acabou de convencerme.

    Voto por “Sen título”.

  3. Boas.
    Do primeiro relato, “Rosa” encontro interesante a situación, e como a inquietude propia nos leva á furia por cuestións alleas nas que non temos a menor posibilidade de intervir. Creo que o proceso está ben narrado aínda que o retorno á realidade paréceme demasiado repentino.
    Do segundo relato “Continuará” atráeme a idea do bloqueo pero encontro innecesaria e inverosímil a peripecia vital da personaxe. Creo, en cambio, que o proceso de abandono da escrita está ben conseguido, e mesmo no final, a apelación ao mito paréceme boa, pero as tres últimas palabras matan esa finalización.

    Voto por ” O nome da Rosa “.

  4. Bo día¡ Concordo cos compañeiros que tanto a traba como a imaxe eran todo un desafío. Entendo a necesidade de coller polos pelos ambas. Cadran algo mal. A estas alturas eu sería incapaz de sacar nada decente e tanto Lois como Sofía foron quen de saír vivos. Parabéns.
    O nome da rosa é orixinal, dende logo. Consigue resignificar o titulo da obra co tropo do cambio de sexo. Pareceume un cambio moi orixinal. Sen embargo, penso que autor@ atopou un novo fío do que tirar e foi por aí. Creo que ambos fíos daban para un relato enteiro e aquí queda un pouco desconectado. O relato repártese entre as dúas ideas e remata a medio camiño de ambas. O final volve ao primeiro fío e penso que iso fai rechamar máis o disloque da segunda parte. Eu omitiría a frase da abadía do crime. Sen ela o xogo coa obra orixinal queda máis sutil, pero iso xa é preferencia miña. Obxectivamente, é unha idea ben xeitosa.
    Sen título é listo, e consigue que entres ao seu xogo. Dende a primeira frase, que está solta, sabe que ten que xogar ao disimule. É unha boa xogada, pero fronte a un rival con personalidade, destacase a falta desta. Está moi ben escrito, coma sempre, e ten un bo final. Eu quitaba as tres últimas palabras, como di Xerardo, queda máis contundente.
    É unha decisión difícil, porque sinto que teño que apostar por idea ou forma. Creo que vou apostar pola primeira. Forma sempre vai haber, pero ideas non.
    O meu voto vai para O nome da Rosa.

  5. Remato con este voto. De novo pido desculpas pola tardanza e os comentarios á présa…
    Que difícil era este… Parabéns a ambos!
    “O nome da Rosa”: Eu tampouco compro moito que non teña o nome xa avanzado… Gustoume moito como comeza e formalmente paréceme que está moi ben. Pero é que esa mestura temática… non a acabo de ver, síntoo.
    “Sen título”: Ainsh. Eu non vexo que conte nada e a min, persoalmente, non me acaba de convencer así. Busca a fermosura das palabras con éxito e parece querer ser poema, iso gústame, pero está moi collido con pinzas para min todo.
    Voto por “O nome da Rosa”.

  6. A traba en ambos casos foi ben aproveitada. A foto mandeina eu, e estaba esperando fotopene a verdade.
    “O nome da rosa”. Un moi bo relato onde se fai un retrato de persoaxe moi personalísimo. Creo eu que a clave do asunto que tanto despistou aos lectores foi este unha especie de paralelismo entre o aborrecemento da sexualidade da protagonista coa dos pobres gayegos que hablan el castellano a sus hijos. Moi sutil pero ben acaido. A imaxe do final vaille moi ben.

    “Sen título” entendo o que quixo facer o autor do relato neste caso. Eu sempre que chega certa parte da Liga quero facer o mesmiño. O cansancio do escritor está ben reflectido no texto, pero eu penso que facía falla algo máis para que relato collese máis indentidade.

    O meu VOTO vai por “O nome da Rosa”

  7. Sobre o relato de Sofía pouco mais teño que engadir. O bloqueo do escritor é un tema recorrente e unha elección moi válida para un relato (máis nunha liga coma esta) pero precisamente por iso (pola recorrencia) precisa, para impactar nun lector que xa pasou por iso e seguramente tamen xa escribiu sobre iso, un plus de orixinalidade (ou chamémoslle x, a veces usamos a palabra “orixinalidade” de comodín) para destacar.

    En canto ó meu relato, trata un único tema: a renuncia da identidade propia (linguistica, sexual) en favor de outra allea. Rosa non atopa un nome porque ainda non resolveu o seu conflito interno de renuncia. O seu é un tránsito tan superficial como o dos galegofalantes do autobus. Ese conflito Rosa teno tapado pero sae á luz nalgúns momentos. O dos Dalkys (o chocolate a veces calma a ansiedade) é unha referencia ó relato da foto de Cortazar.

    1. Vaia, pois pensaba que o de Sofía era “o nome da Rosa” e o teu o “Sen título”. Sendo así, diría que se Sabela está no certo e o relato de Carlos é “Informe sobre túneles”, xa es campión da liga.
      Parabéns, victoria merecida

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *